Posts etiquetados ‘López Orozco’

Electuras – A medalla

Martes, 16 de Xuño, 2015

Os novos alcaldes, nomeadamente os das mareas cidadás de Santiago e A Coruña, abriron un lindo debate sobre o laicismo a conta da ofrenda a Xesús Sacramentado das capitais do antigo Reino de Galicia, que se celebra cada infraoitava (palabra que só debe de ser familiar para os de Lugo, e non todos) de Corpus. Como Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, respectivamente, teñen procedencias nacionalistas, procuramos no arquivo a ver se tiñamos foto dalgún alcalde bloqueiro que fixera a ofrenda. E si: tocoulle ao predecesor de Elena Candia, Orlando González, no ano 2010. É, con todo, un debate que me gusta: o voto diante desa hostia en permanente exposición é tradición histórica ou é relixión? Un alcalde ten que manter as súas crenzas ou debe mirar polas dos que non pensan como el?

Ese debate seica se abriu tamén cando o primeiro goberno de López Orozco (1999-2003) e os membros nacionalistas daquel produtivo executivo decidiron antepoñer o carácter institucional da súa función. Así, era doado ver á primeira tenente de alcalde, Branca Rodríguez Pazos, e ao responsable de economía, Fernando Blanco, asistindo a todo canto oficio relixioso fose ineludible acudir, que en Lugo hai uns cantos. Os xornalistas chanceabamos, porque había momentos en que neste tipo de actos (San Froilán, o Corpus, a ofrenda, San Roque, Semana Santa…) había máis representantes do PSOE e do BNG que do PP. O domingo pasado ocorreu exactamente o contrario: do PP foron todos e do PSOE, tres ou catro. Nunha desas, nos soportais do concello, recordo a Fernando Blanco aclarándonos os xornalistas, sen que llo pedíramos, que el estaba alí “como representante do Concello e de todos os lucenses”, como testemuñaba, sinalou, a medalla municipal que aínda levaba no pescozo. Nun pleno da Deputación, Cacharro rira algunha vez diante de Blanco coa presunta querenza dos nacionalistas “polos símbolos, as medallas, as bandeiras e esas cousas”.

Dicía que estivemos a buscar fotos de alcaldes bloqueiros renovando este voto secular sen problemas. Pero o mellor foi que na procura apareceu esta foto impagable, dunha das dúas ofrendas (2001 e 2008) que fixo o último alcalde de Santiago que a presentou, Xosé Sánchez Bugallo. O daquela rexedor santiagués é o segundo pola dereita nesta imaxe do 23 de xuño de 2001, entre López Orozco e Branca Rodríguez Pazos. Despois de Fernando Blanco intúense ao finado Marcos Cela, o devandito Cacharro, Xosé Piñeiro e a Xaime Castiñeira. E quen é o que está entre os dous ‘brancos’ do BNG e mira para a súa dereita? Si: Francisco Fernández Liñares. Que tempos.

Electuras – A colleita do 99

Domingo, 14 de Xuño, 2015

As eleccións municipais de 1999 depararon en Galicia uns resultados moi transcendentes, no sentido de que transcenderon o seu tempo. Naqueles tempos do fraguismo (aínda faltaban seis anos para o bipartito) e do aznarismo (aínda faltaban catro para o zapaterismo), cidades aparentemente tan rancias (por conservadoras) como Lugo ou Pontevedra tiñan gobernos de esquerda. O BNG facíase co poder en Vigo, o PSOE mantiña Santiago e, por suposto, A Coruña, e recuperaba Ferrol, de tal xeito que Ourense (Manuel Cabezas) era a única gran cidade galega nas mans do PP. Dende este sábado, o pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores queda como único representante daquela fornada de alcaldes das grandes cidades. O outro que quedaba, o lugués José López Orozco, renunciou esta semana. Aquelas corporacións, moi marcadas por a cultura dos pactos, foron moi produtivas e, xa digo, transcenderon no tempo. Delas saíron xente como, entre outros, un conselleiro de Industria (o lugués Fernando Blanco) ou, indirectamente, a primeira alcaldesa de Lugo, ou un secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Este aspira a ser o próximo presidente da Xunta… se non llo impide a colleita deste 2015.

Electuras – Dimitir, ese nome ruso que estes días si se conxuga

Martes, 2 de Xuño, 2015

O período que vai dende a noite electoral ata a constitución das corporacións locais é tradicionalmente o que máis dimisións concentra en España, e iso que aquí, como titulou unha vez o meu gran homónimo Lugilde, semella que Dimitir é un nome ruso. Xa caeron, polo menos, os alcaldes saíntes de Muras, Monterroso e Alfoz. Claro: non é fácil aguantar dende a oposición vendo como revisan o teu labor e te reprenden por el. Hai excepcións, claro: Regina Polín (PSOE) pasou da alcaldía á oposición en Guitiriz sen problemas, e o mesmo fixo José Antonio García en Sarria. Os dous, por certo, recuperaron despois a cadeira de mando. Tamén hai variedade entre os que perden unha e outra vez: a mindoniense Elena Candia, corredora de fondo, sufriu dúas derrotas antes da súa vitoria do 24-M. E queda a dúbida de que vai pasar, se os pactos non lle dan a alcaldía, co popular Jaime Castiñeira, que prometeu cesar… pero só se gobernaba (e non cumpría o seu contrato con Lugo). Os de Lugonovo, por certo, queren que se vaia canda un señor que entrou con el na corporación de Lugo o mesmo ano, 1999: José López Orozco.

Electuras – En stand-by

Domingo, 31 de Maio, 2015

E de súpeto, desapareceron algúns políticos. Por exemplo, de López Orozco non se soubo nada dende a noite electoral ata que o xoves compareceu ante a prensa porque foi visitalo Jaime Castiñeira. O alcalde en funcións volveu aparecer o día seguinte, nun acto nesta casa. Ese estado de espera no que se instalaron moitos chegou mesmo ata algún organismo, que rebaixou o seu ritmo de produción de comunicados. Curiosos estes stand-by. Pregúntome se nalgures soará esa música intranscendente e coñazo que te poñen mentres agardas a que te pasen dunha centraliña a unha extensión telefónica.

O adeus dun home tranquilo

Luns, 27 de Xaneiro, 2014


Esta semana cumprirase un mes da marcha oficial de Xosé Antón Bao da casa do Concello de Lugo. Despois de moitas voltas, mesmo xa sabemos quen vai ocupar o seu escano no grupo do BNG. Trátase de Cristina Ferreiro, que, como Bao, forma parte da historia recente do partido na provincia. A traxectoria do exconcelleiro daría para escribir un libro: edil en Becerreá, deputado provincial, presidente do Breogán, candidato ao Congreso (2004), vicepresidente da Deputación, concelleiro raso en Lugo, tenente de alcalde no mesmo concello e, finalmente, membro dunha oposición tenaz: o seu ‘non’ aos orzamentos de López Orozco, sumado á negativa do PP, foi o que fixo que o Concello de Lugo vaia seguir este ano (en principio) coas mesmas partidas de 2013.

Algúns puxéronlle os cornos e o rabo que moitos lles debuxan aos nacionalistas galegos, pero o certo é que na distancia curta gañaba moitísimo, ata ser un tipo entrañable. Algunha vez chanceamos sobre os seus xemelgos: “Teño a sensación de que me preguntas polos nenos para ver se baixo as defensas”, díxome unha vez, entre risas, cando eu intentaba que me adiantase non sei que noticia política. Contraataquei días despois dicíndolle: “Vasmo dicir ou terei que preguntar polos nenos antes?” Todo, por suposto, nun ton xovial e distendido entre os dous.

Menos distendidas foron as relacións coa UPG, segundo din as malas linguas. De feito, hai quen atribúe o seu adeus ás presións da ‘U’. Tal cousa mesmo se chegou a publicar nalgunha web o día do anuncio. Horas despois, o post foi retirado e, finalmente, publicouse de novo, pero matizado, dando a entender que, por unha vez, un político non minte cando di que se vai por motivos persoais. No adeus, o BNG organizou un acto que quería ser informativo e foi emotivo, no que houbo bágoas e apertas a tres bandas, con Bao, Álex Penas e Paz Abraira (os tres, na foto). Sería para evitar ruxerruxes.

O certo é que os seus quince anos en política deron para moito, e diso dá fe o arquivo de El Progreso. Alí aparece en Becerreá a carón de Manuel Martínez, agora alcalde dese concello, cando os dous se puxeron diante das máquinas da autovía. E tamén aparece negociando con Gómez Besteiro o primeiro bipartito da Deputación (xullo de 2007), días despois de facelo con López Orozco. Con este último, o pacto foi imposible; con Gómez Besteiro foi rápido e sinxelo. El mesmo o recoñecía na entrevista que lle concedeu a Xoán C. Vidal.

Os xornalistas que agardabamos no Méndez Núñez a ver en que acababan aquelas xuntanzas co PSOE polo goberno da Deputación aínda recordamos o cabreo que pillou Bao cando veu pasar pola porta do hotel a Orozco. “Que pasa? Agora vén a ver se fode isto tamén?”, preguntouse para si, pero nun volume suficientemente audible. Agora que chega ao medio século de vida (o 29 de marzo, concretamente), quizais estaría ben que contara cousas como esas nunhas memorias: outros, con menos traxectoria e interese, xa as escribiron. Polo de agora, como aínda mantén a conta en Twitter, sabemos que segue indo ao Breogán; é, coa familia e a política, unha das súas grandes paixóns.

Mil

Luns, 2 de Decembro, 2013

Ando de celebración. O contador interno asegura que este é o artigo número mil deste blog (o número do ficheiro é maior, aclaro). Mil é un número deses redondos, que invitan a facer festa ou, algúns, mesmo unha rolda de prensa: tamén as fan polos vinte anos, polos dous, polos… 1000 era tamén o ano no que se ía acabar o mundo, ou iso pensaban na idade media… un milleiro de anos despois, actualizamos ese milenarismo co ‘efecto 2000′, porque semella que os humanos somos unha especie á que lle gusta sufrir…

Pero volvamos ao rego: mil artigos representan un montón de cambios, aínda que os gobernos case non cambiaron neste tempo: a Xunta era do PP en aquel maio de 2005 e o Concello de Lugo, tamén. O que cambiaron foron as caras: de Rodríguez Zapatero a Mariano Rajoy; de Manuel Fraga pasamos a Núñez Feijóo, a través de Pérez Touriño; de Francisco Cacharro, a Gómez Besteiro; de López Orozco a… López Orozco.

Nestes mil artigos, o mundo pasou de estar cheo de oportunidades a vivir na crise; pasou de internet e os blogs ás redes sociais e o ‘homo interruptus’ (grazas pola expresión, Torres e Reyes). Aínda que o meirande cambio é quizais a temática do blog. Daquela, isto era unha bitácora política; agora, menos: quizais porque a política que se fai agora é máis aburrida.

En fin: grazas a todos. Vémonos dentro doutros mil artigos.

Máis do Senado

Domingo, 24 de Xullo, 2011

Quedáronme no tinteiro (ou, propiamente dito, na folla de texto na que fixen o borrador) un par de cousas do artigo deste domingo. Unha é que a inesperada vitoria (ou, mellor dito, a inesperada non maioría absoluta do PP) de Gómez Besteiro permítelle a López Orozco manterse en Lugo. O desvío do alcalde de Lugo para o Senado tería sido unha boa saída para, así, darlle, por exemplo, a alcaldía a Gómez Besteiro e facer a renovación no goberno local lugués. Pero, grazas a asegurar a Deputacióin, agora López Orozco queda desbotado como posible candidato principal: outra cousa é que vaia de recheo na lista socialista para o Senado. Creo recordar que xa o foi algunha vez para o Congreso.

O segundo apuntamento é que me quedou fóra o cuarto senador por Lugo (tendo en conta que outro lugués, Manuel Fraga, é representante pola comunidade). Trátase de Armando Castosa, alcalde de Cospeito, quen leva acumuladas no que vai de lexislatura menos preguntas que os seus outros tres compañeiros: 184. Ben é verdade que, dos catro senadores de Lugo, Castosa é o único que ten un posto de mando fóra da Cámara Alta.

Ai, eses idiomas!

Domingo, 25 de Outubro, 2009

Vexo a foto de ZP con cara de non entender nin papa do que lle di Obama na Casa Branca e penso na mala relación que teñen os políticos españois e os idiomas. Zapatero non os fala; Aznar tiña un inglés de chiste; González só falaba francés e de cando en vez, e de Rajoy, non sei. Paradoxalmente, son eses mesmos persoeiros os que nos convidan a falar idiomas.

En Lugo tampouco mellora a cousa. Orozco seica fala un francés pasable, e é unha excepción. Hai agora nove anos, cando o Comité do Patrimonio da Humanidade decidía en Cairns se lle daba esa distinción á muralla, o alcalde de Lugo enviara un telegrama (ou era un email?) ao rexedor da aquela cidade australiana, que dicía, en inglés, algo así como “Lugo é Cairns; Cairns é Lugo”. Non recordo se houbo resposta.

‘Alcaldables’

Martes, 23 de Xuño, 2009

A verdade é que esperaba que alguén se queixara polo meu prognóstico do domingo 7 de xuño de que ningún cabeza de lista dos partidos maioritarios vai repetir nas vindeiras eleccións locais no concello de Lugo. Pero non recibín chamada ou queixa ou expresión de malestar algunha. Só López Orozco me fixo un cariñoso e sorrinte comentario tres días despois, aproveitando a súa estancia no xornal para entregar os Premios Muralla. Dixo que Gómez Besteiro e el se fixeran unhas risas o domingo lendo a miña crónica. Por se acaso, xusto unha semana despois, o pasado 14 de xuño, en El País, o alcalde proclamaba que se vai presentar á reelección “indubidablemente que si” e que o vai facer “con forzas e ganas”. Xosé Anxo Lage non abriu a boca ao respecto, e García Díez si que a abriu, pero para deixar máis dúbidas: nin que si nin que non, dixo escudándose detrás dunha realidade incontestable: quedan aínda dous anos para as eleccións.

Esa é, por certo, a liña oficial do PP (“Pero se vimos de saír de dúas eleccións! Que queredes? Unha cada seis meses?”, protestoume entre risas Xosé Manuel Barreiro hai uns días). E a do PSOE é a de sempre: o normal é que repita o alcalde naqueles concellos onde se goberna. Pero aínda falta moito para o último domingo de maio de 2011, que vén sendo o día 29. Ese ano non haberá problemas coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que caerá en xullo (o Venres Santo é o 22 de abril).

Non convidado

Domingo, 10 de Maio, 2009

Enfadouse López Orozco, alcalde de Lugo, o pasado 28 de abril cando a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, veu visitar a Lugo as obras do único novo hospital que se está a construír na comunidade autónoma e non convidou ao rexedor á visita. Pola tarde pediulle desculpas: erros de novato, supoño (e pode que non dela, senón do seu gabinete).

Aínda así, López Orozco queixouse porque asegura que é a primeira vez que o ningunean de tal forma. Anda mal de memoria o alcalde de Lugo. No seu primeiro mandato, creo que houbo algún acto institucional de Manuel Fraga na cidade no que tamén se esqueceron de convidar ao alcalde anfitrión. Se a memoria non me engana, creo que algo así pasou na inauguración da Praza do Castiñeiro (ou era algo no casco vello?). Só que daquela o que montou en cólera foi o propio don Manuel, que para esas cousas do protocolo era moi mirado. Claro que tamén Cacharro era moi coidadoso co protocolo e na súa época, cando o PP gobernaba en Galicia e Madrid, houbo algún acto da Confederación Hidrográfica do Norte, para anunciar investimentos na cidade de Lugo, ao que tampouco foi convidado o alcalde. Daquela, o rexedor acudiu sen invitación, e puxérano nunha esquina da mesa: notábase moito.