Memoria de discursos
Sábado, 4 de Xullo, 2009A planta de Leite Pascual da que falaba onte faime resucitar a ese Avó Cebolleta que todos levamos dentro (si, o das batalliñas) e que, a medida que vas gañando anos, vai saíndo máis veces. Digo isto porque creo recordar que eu estivera na inauguración oficial daquela planta, aló pola primeira metade dos noventa (1993? 1994?). Recordo, por exemplo, que fora o falecido Anselmo Sampedro, daquela secretario comarcal de CC.OO., quen contara á prensa que Leite Pascual ía abrir unha planta en Lugo. Fora el tamén, por certo, quen moito batallara para que se instalara nesta provincia a planta de Prefabricados Pacadar, e finalmente conseguiu que fora para Outeiro de Rei. Nas inauguracións, por suposto, estivera Manuel Fraga, que en Galicia parece que unha empresa privada non anda se antes non a bendice un cura e a inaugura un político. E recordo especialmente a inauguración porque foi a primeira vez que me decatei de que Don Manuel ía á súa bóla nos discursos. Os xornalistas recibíramos unha copia antes do acto, pero cando intentamos seguir o que dicía o presidente, descubrimos que faltaban cousas e que outras saltábaas alegremente.
Moitos anos despois, xa neste século XXI, nunhas xornadas de comunicación de Vilalba (das que organizaba Pérez Varela a finais de novembro, coincidindo co aniversario de Don Manuel), decateime tamén de que o ex presidente da Xunta xa se comía menos frases dos discursos preparados que traía. Ás veces, facía algunha digresión persoal (nomeadamente, lembranzas de infancia), pero despois era quen de volver sen dificultades a retomar o fío. Hai políticos máis novos que son incapaces de facelo.