Posts etiquetados ‘Leader’

Conta atrás xacobea

Venres, 30 de Xaneiro, 2009

Raposo, Piñeiro e Blanco (Foto: Pepe Álvez)

Isto si que é facer as cousas con adianto: queda algo menos dun ano para que comece o Ano Santo compostelán do 2010 (cando eu era cativo, chamábase así e non había ningún Pérez Varela que se inventara a marca Xacobeo) e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, é dicir, o do Xacobeo, fai unha presentación en Lugo por todo o alto. O salón de actos estaba ateigado. Mesmo foi todo o plantel do CD Lugo, que por algo leva publicidade da sociedade de xestión. Blanco foi breve, que aquilo era unha festa e non había por que leala falando polo miúdo de tódolos investimentos.

Como ven na foto, ao remate falou de xeito distendido cun representante da ruta principal, a francesa, e outro da que está adquirir moito pulo ultimamente, a primitiva: o alcalde de Pedrafita, Xosé Luís Raposo Magdalena, e o concelleiro de Lugo Xosé Piñeiro, respectivamente. Raposo foi, ultimamente, protagonista dun feito semellante ao que contaba eu aquí hai pouco, pero ao revés: a el non o deixou saír a muller da casa durante a fin de semana do temporal. Non pensen mal: foi por recomendación médica. Estaba tan mal que nin se lle oía cando falaba por teléfono.

Por certo, Raposo hai uns días deulle plantón a outro conselleiro nacionalista, o de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, cando viu a Lugo a asinar os convenios de constitución dos GDR (grupos de desenvolvemento rural) que van xestionar o Leader. O alcalde de Pedrafita mesmo chegou a mandarlle unha carta ao conselleiro para explicarllo. El, implicado no primeiro Leader que houbo en Lugo e un dos pioneiros de Galicia, estaba moi cabreado porque na xuntanza de creación do GDR dos Ancares, hai meses, nin o deixaron falar. Si, el foi un dos prexudicados pola estraña forma en que se crearon estes grupos.