Posts etiquetados ‘Lara Méndez’

”Precipitación”

Mércores, 29 de Xullo, 2009

Lara Méndez e Alfonso Rueda (Foto: N. Rodríguez)

É interesante a queixa que a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, fixo este mércores sobre a suposta “precipitación” con que a Consellería de Presidencia convocou ao goberno provincial para a visita do conselleiro, Alfonso Rueda, ás obras de construción do parque comarcal de bombeiros de Vilalba. A número tres da Deputación asegurou que foron convocados media hora antes e que por iso foi ela, porque o que acode a estas cousas normalmente, Gómez Besteiro, estaba a esas horas camiño da Mariña, en visita oficial.

O curioso do caso é que a convocatoria á prensa chegou o martes á noite. Despistaríanse na Xunta?

Vicesecretario?

Xoves, 24 de Xullo, 2008

As miñas fontes non me negan de plano a posibilidade de que Ricardo Varela sexa vicesecretario xeral do PSdeG, como apunta algún confidencial dixital, pero danme a entender aquilo de “vas por mal camiño”. Ou sexa, que seguirá habendo un lugués no segundo chanzo do PSOE, como en Madrid, pero non como vice, senón como secretario de Organización, como ata o de agora.

O que si está claro é que Xosé Ramón Gómez Besteiro vai estar na executiva… mellor dito, vai seguir, porque xa é membro dela. É unha das consecuencias de presidir unha deputación. Tamén é de supoñer que seguirá Ismael Rego, responsable do grupo parlamentario socialista.

A incógnita está en ver se no congreso deste fin de semana vai entrar alguén máis de Lugo na cúpula dos socialistas galegos. Falan de reforzar a presenza feminina. Terá algunha posibilidade por aí Lara Méndez, outra desas “políticas en ascenso” do PSOE?

Quen seguro que sabe todo isto é Luis Ángel Lago Lage, Lucho, secretario provincial do PSOE lugués. Pero está cociñando tanto estes días que non se pon ao teléfono: é responsable dun dos relatorios. Por certo, o seu cargo tamén podería estar a disposición de Pérez Touriño, que é quen nomea os secretarios provinciais, pero coido que por aí non vai haber novidades estes meses.

Algún día teño que empezar a promocionar a Lucho como director xeral: hai anos, dende a UXT saíra o rumor, benintencionado pero despistado, de que ían nomealo director xeral da Garda Civil; agora, é presidente da comisión de Interior do Senado. Tanta proximidade ás áreas de seguridade do Estado dá que pensar. Pero mellor non o promociono, que entón veriamolo menos por Lugo.

Entrañable

Luns, 28 de Abril, 2008

Encántame ese detalle entrañable que conta Lara Méndez, vicepresidenta segunda da Deputación, na sección Entre Pucheros de La buena vida, o noso suplemento dos sábados. Iso de que a nai lle manda comida cando vai a San Cibrao. Calquera agardaría unha cousa así dun político (política neste caso) de sona. Que tería sido de nós sen as nosas nais rurais e os seus saborosos envíos? E que tire a primeira pedra o que nunca o fixo.

Empates e lugueses

Sábado, 8 de Marzo, 2008

Ao mellor, se as enquisas están no certo, Teruel e Lugo vólvense cruzar no camiño. Hai anos foi polo do aeródromo de Rozas; agora sería polo Senado, se PP e PSOE empatan para a Cámara Alta. Recorden que o único sitio onde se deu tal situación hai catro anos foi nesa provincia aragonesa. Tamén haberá que ver se PSOE e BNG sacaron partido dos cambios de alcalde que se produciron nas eleccións municipais.

E, por certo, aos oito lugueses que van saír mañá pola provincia de Lugo haberá que sumar algún máis nas Cortes da novena lexislatura, que se van constituír antes do 3 de abril. Por exemplo, nas listas do PSOE na Coruña van unha muller de Samos, Carmen Marón, no número dous para o Congreso; un home do Saviñao, Ceferino Díaz, de terceiro para a mesma Cámara, e unha muller de Lugo, María Dores Rodríguez Amoroso, de suplente de Javier Losada para o Senado. Esta última ía no número oito da candidatura do PSOE lugués para o Parlamento galego nas eleccións autonómicas de 2005. É dicir, se Miguel Ángel Fernández non chega a deixar o hospital e Lara Méndez non renuncia á Deputación, teríalle tocado a Rodríguez Amoroso ir cubrir a vacante que, previsiblemente, vai deixar Margarita Pérez Herraiz.Pilar Barreiro, co seu cartel de campaña

 Se Díaz e Marón (xa veteranos no Congreso) parecen ter garantido o escano, quen si o vai ter fixo é Pilar Barreiro (na foto), que vai de número un na lista para o Congreso do PP por Murcia. A alcaldesa de Cartagena, nada en Lugo cidade, encabeza por primeira vez unha candidatura que hai catro anos acadou seis deputados, por tres do PSOE. Diante terá a un peso pesado socialista, Mariano Fernández Bermejo, o aínda ministro de Xustiza (estará en funcións a partir das 20.01 de mañá, domingo).

Mulleres

Xoves, 12 de Xullo, 2007

As mulleres están asumindo moito protagonismo estes días na política provincial: a bloqueira María Xosé Veiga, a sociata Lara Méndez (foto da dereita) e maila pepera Isabel García Pacín (esquerda) E algunha mala lingua fala doutra muller do PP, Manuela López Besteiro, a quen nalgúns ámbitos acusan do cambio do actitude dos populares diante do decreto sobre o galego.

De Pepa xa teño escrito aquí; segue sen estar claro se vai ser ela a vicepresidenta primeira da Deputación, e hoxe Xosé Antón Bao, o voceiro do BNG na negociación co PSOE, dicía que aínda non hai nomes. Estes días, os dous están a coincidir con Lara na famosa habitación do ‘Méndez Núñez’.

Disque os que levan o peso da negociación son os máis coñecedores dos entrebastidores da Deputación: Bao, Antón Veiga, Manuel Martínez, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Pepa e Lara tamén fan algunha achega, pero menos, e Lago Lage, que pelexou moito en tempos con Cacharro, tamén. Creo que entre todos están conseguindo facerse unha idea do labirinto que se creou no ente provincial nos últimos 24 anos.

E de García Pacín, a concelleira de Friol que vai substituír a Xosé Manuel Barreiro no Parlamento galego, que queren que lles diga? Por certo, coa entrada de Isabel, o grupo lugués do PP vai quedar totalmente paritario: catro homes e outras tantas mulleres. O do BNG seguirá a selo: un home e unha muller, se Cristina Ferreiro acepta substituír a Pepa Veiga.

Isabel ten todas as beizóns de Antonio Muiña, o imbatible alcalde de Friol, a quen o noso fotógrafo ‘cazou’ collendo o móbil mentres os seus compañeiros do PP remataban de aplaudir a Cacharro o mércores, no pleno de despedida. Daquela, Muiña non sabía que Barreiro xa anunciara que deixa o Parlamento, pero algo debía de albiscar. Que sería do PP provincial sen este home? E que sería de Barreiro se Muiña chega a manterse naquela terceira vía que case promoveu no seu famoso manifesto de abril do 2006?