Posts etiquetados ‘José Blanco’

José Blanco cambia de aires

Luns, 25 de Novembro, 2013

JOSÉ BLANCO vaise para o Parlamento europeo. A decisión está practicamente pechada; no PSOE de Pérez Rubalcaba non a ven con malos ollos, senón todo o contrario, e o único que queda pendente é que se convoquen oficialmente as eleccións europeas e que os cidadáns apoien a candidatura que presentarán os socialistas na cita de maio.

SEGUE AQUÍ

Demoras cibernéticas

Domingo, 26 de Abril, 2009

No post anterior teríame gustado meterlle un link ao conselleiro, máis que nada por iso de irnos familiarizando cos novos membros do Goberno galego (o link, por suposto, tería sido coa consellería)… pero foime imposible. Porque resulta que nestes tempos de cambio, nos albores da oitava lexislatura, as respectivas webs oficiais andan pouco actualizadas. Este sábado, por exemplo, era Alfredo Suárez Canal, o ex conselleiro, e non Samuel Juárez, o lugués da Bañeza, quen seguía saudando aos que visitaban a páxina da Consellería do Medio Rural. Era de supoñer que a web dun departamento que non cambia de nome sería de máis sinxela actualización, pero xa se ve que a fontanería de San Caetano é complicada abondo.

Non naveguei moito estes días polos dominios da Xunta, pero algunha compañeira conta que as webs están pouco actualizadas. Na principal, ningunha das consellerías ten, por exemplo, ligazón co seu respectivo sitio.

Nisto son máis rápidos os socialistas. En xullo do 2007, a web da Deputación de Lugo xa tiña o discurso de investidura de Gómez Besteiro unha hora e pico despois de rematar, e daquela xa era o político socialista o que saía no Saúda do presidente e non o anterior. Máis recentemente, José Blanco tomaba posesión da web do Ministerio de Fomento ás poucas horas de tomar posesión do departamento, e os lectores xa podían ver as súas fotos oficiais. Agora haberá que agardar a ver canto tardan os populares en redeseñar (e non só actualizar) todas as webs da Xunta: nos tempos do bipartito, houbo algunha que tardou máis dun ano. Por certo, saberá alguén o número exacto de páxinas webs que dependen da Xunta ou algún dos seus entes autónomos?

Dende Palas

Sábado, 18 de Abril, 2009

Horacio Rouco (Foto: Xesús Ponte)No PSOE hai xente que lle augura moito futuro ao seu voceiro en Palas de Rei, Horacio Rouco, quen perdera a alcaldía por dous votos. Montou unha rolda de prensa para a mesma tarde do día en que Blanco foi nomeado ministro, para anunciar o orgullo dos habitantes de Palas de Rei polo ascenso do seu veciño. E por se non quedara claro, poucos días despois concedeu unha entrevista en sentido semellante. Por aí corre o runrún de que este home está chamado a maiores empresas. Tomamos nota… aínda que nunca se sabe.

O rumor antigo foi realidade

Domingo, 12 de Abril, 2009

Foto oficial de José BlancoÉ significativo o dato que dá Miguel na súa entrevista deste domingo (na primeira pregunta): Blanco levaba cinco anos en todas as quinielas para ser ministro. Creo que era a pregunta máis repetida polos xornalistas galegos nos últimos anos. Mesmo o recollimos nos albores da plataforma Galiciaé. Velaquí a foto oficial que figura na páxina web do ministerio.

A visita de Zapatero

Domingo, 12 de Outubro, 2008

Pois si, vai vir Rodríguez Zapatero, presidente do Goberno… pero non a Lugo. Si estará en Galicia nesta semana que comeza mañá. Concretamente, o día 18 presidirá a xuntanza do consello territorial federal do PSOE, que é o órgano que reúne aos presidentes autonómicos socialistas e aos secretarios xerais de tódalas federacións. A xuntanza será no Hostal, ou sexa, en Santiago.

José Blanco, o lugués que é número dous do PSOE, expresaba o outro día a súa estrañeza porque houbera alguén alimentando a posibilidade de que o seu superior estivera no San Froilán. “Nin está na súa axenda nin pode estes días”, dixo o vicesecretario xeral do PSOE.

Visitas

Venres, 3 de Outubro, 2008

Coa escusa do San Froilán e cos PXE (Presupostos Xerais do Estado) ao fondo, Pérez Touriño non fallará á súa cita anual con Lugo en outubro. Desta escolleu un día complicado: o Domingo das Mozas, que este ano fóra da capital vai ser só o día da patroa da Garda Civil (a Virxe do Pilar), coa chea de compromisos que iso xera para os alcaldes. Algún rexedor xa se queixou, como me recoñecía hai uns días, aínda que sen dicilo, algún dirixente socialista.

A pregunta é se PT vai coincidir con Rodríguez Zapatero, porque ultimamente está circulando pola cidade o runrún de que o presidente do Goberno igual vén ao San Froilán, como xa fixera no 2004, aos sete meses de tomar posesión. Sería unha compensación cara aos socialistas galegos, din, por ter cancelado a súa presenza no acto de Vilagarcía. O Concello convidouno, como fai dende hai anos, pero oficialmente non hai nada.

O que si vai vir na semana grande do San Froilán vai ser José Blanco. E este fainos un favor aos da prensa, porque vai vir nun dos días máis frouxos, tanto informativa como (en parte) festivamente.