Fiabilidade?
Mércores, 1 de Xullo, 2015CANDO ESTUDABA, o temario acababa anos antes. A historia da literatura española, polo menos na miña época, remataba nos anos 50, e a historia do país a secas, no 77 ou no 81. É o vello problema dos historiadores: que hai que ter unha certa perspectiva ou distancia para ver mellor as cousas. Pero agora, coa Wikipedia, iso ten arranxo e estamos no caso contrario: é imposible estar ao día ao cento por cento. Cinco minutos despois de que morra alguén, o dato xa está rexistrado, e pasada media hora dun acontecemento, alguén xa abriu unha entrada neste templo do enciclopedismo colaborativo. En Estados Unidos hai gabinetes que cobran por ‘actualizar’ as biografías wikipédicas dos famosos. O que pasa é que ultimamente tropezo cada día con máis artigos que se perden en auténticas chorradas: a anécdota supera ao relevante, no que quizais é un sinal destes tempos nos que se vive en tuits. Hai artigos que conteñen grandes debates sobre unha parte tanxencial do tema, esquecendo outras igual de importantes. E co tempo, este premio Princesa de Asturias de Cooperación converteuse en dogma de fe. Hai días, alguén dubidou da noticia da morte dun famoso que publicamos na web. O argumento era que non estaba recollido na Wikipedia. Cando viu que os demais medios, mesmo os de máis lonxe, ían publicando a nova, sinalou: “Non sei que pensar”. Claro, afundiríaselle a imaxe dun referente.