Posts etiquetados ‘infraestruturas’

As cousas a medias

Sábado, 19 de Setembro, 2015

CANDO ESTREAS unha casa, sobre todo se é do trinque, aconséllanche revisala polo miúdo, para que o construtor arranxe eses pequenos defectos que a miúdo quedan. Supoño que o mesmo farán os gobernos cando as empresas lles entregan as obras públicas, aínda que, á vista das últimas noticias, xa teño dúbidas. E é que algunhas das últimas autovías inauguradas en Galicia presentan unha manchea de taras: nunha non se pode circular cando hai néboa (A-8); noutra contaminaron a auga dunhas aldeas e había problemas de cimentación (AG-64), e na última esquecéronse das pantallas illantes do ruído e, por se acaso, non se pode circular a 120 (A-54), que é o normal nunha autovía. Hai un precedente pontevedrés, a A-52, con esas curvas da baixada de Puxeiros coa velocidade limitada a 80 ou 60. É dicir: gastas un pastizal nunha obra e meses/anos despois desembolsas outro nos arranxos. Ou alguén en Fomento ou a Xunta non fai ben o seu traballo ou isto son ganas de foder… e gastar.

AP-9 dispersa

Mércores, 2 de Setembro, 2015

HAI poucos monumentos á dispersión lingüística como a autopista do Atlántico. Quizais sexa unha homenaxe a esta Galicia chea de minifundios, sexan viarios, aeroportuarios, universitarios ou mesmo dialectais. Para decatarse, abonda con ir un pouco atento aos carteis que van pasando. A toponimia é moi correcta (agás O Porriño, que nunca aparece co artigo), aínda que o uso dos idiomas é moi daquela maneira: Lavacolla e Peinador (escribo sobre o tramo que máis uso) poden ser ‘aeroporto’ ou ‘aeropuerto’, depende, aínda que o lugar onde nos cobran é unha peaxe, sempre en galego, e a maior obra de enxeñería da AP-9, os 1.558 metros da ponte de Rande, aparece rotulada tamén en galego. O máis rechamante non é o uso do galego, senón o dos acentos gráficos. Son os grandes sacrificados, aínda que tamén depende: San Simón (área de servizo ou, como poñen absolutamente todos os carteis, “area”) consérvao nos arredores de Pontevedra; preto de Santiago, xa non. O mesmo ocorre coa área do Salnés. Padrón ten acento na súa saída, pero, aos poucos metros, Herbón, non. Marín acentúase graficamente; Vilagarcía, non. Iso si: os carteis (con problemas de condensación nocturna) que indican como se chama esta estrada de xestión privada están correctamente acentuados: Autopista del Atlántico. Os acentos non son cuestión menor, como ben saben, sen ir máis lonxe, na Dirección General de Tráfico… que non de Trafico.

ADENDA.

Por suposto, os acentos das rías e ríos brilan pola ausencia (cousa que non ocorre noutras autovías). E quizais o único cartel perfectamente puntuado é o que convida a manter a distancia de seguridade, tanto o próximo á ponte de Rande como o dos arredores de Santiago.

Trece anos seco

Sábado, 1 de Marzo, 2014

XÚROVOS que a algún na Redacción se nos caían bágoas de emoción (metafóricas, aclaro) cando vimos a noticia da inauguración do porto seco de Monforte. Meu Deus! Aquí poderiamos botar man dun eslogan turístico de Viveiro para dicir aquilo: “Non é un soño, existe!” A título persoal, xa non sei se incluílo no hit-parade (expresión foránea que morreu ás man da non menos foránea ránking) de obras lentas, lentas e máis que lentas: ou sexa, á altura da A-8, a Nacional VI (hai tanto, que algúns xa o esqueceron), o encanamento do río Sarria ou as obras para arranxar a estrada entre Becerreá e Navia, anunciadas nos tempos de Cuiña Crespo. Vamos: creo que os que fixeron a muralla de Lugo ou as pirámides de Exipto tardaron menos.

E é que non hai nada como as hemerotecas ou as memorias persoais para recordar algunhas cousas. O que inauguraron un oufano Núñez Feijóo e un non menos ledo Severino Rodríguez este venres foi só o final da primeira fase de algo que comezou… haberá case tres lustros.

Fago memoria: o porto seco pertence á época en que sobraban os cartos e os proxectos nacían en función da cor política… do de enfronte. É dicir, se os alcaldes do PSOE conseguían un Leader da UE para Os Ancares, a Xunta facíalles un plan de desenvolvemento para os do PP do Courel. Se Andalucía tiña un Ave para a Expo e Cataluña, uns Xogos Olímpicos, os galegos tiñamos que ter unhas autovías. Se un Goberno (central) do PSOE anunciaba un Cetal para Lugo, un Goberno (autonómico) do PP tiña que anunciar outra Aula Láctea para Lugo. E se un ente ferroviario programaba unha plataforma loxística para un concello dirixido polo PSOE, como era o de Lugo, a Xunta non podía quedar de brazos cruzados e tivo que programar outra idéntica para un concello daquela do PP, Monforte. No arquivo conservamos as fotos da presentación oficial, por todo o alto e en Madrid, do que ía ser o ‘Centro Loxístico de Galicia’, ou iso dicían os carteis detrás de Manuel Fraga; era o 6 de novembro de 2002. Un ano antes, o 21 de xullo de 2001, José María Aznar, daquela presidente do Goberno, presentara o proxecto no Colexio do Cardenal de Monforte. A foto de Toño Parga, por certo, é do 1 de maio de 2001. E dous anos antes, o 7 de maio de 1999 (haberá década e media dentro de dous meses), era Nazario Pin, daquela alcalde, quen anunciaba o plan.

O malo destas cousas é que van cambiando os políticos, as prioridades, os investimentos… e ao final Lugo, que non ten tradición ferroviaria, loce dende hai anos unha estación de mercancías e en Monforte aínda estamos inaugurando un picadeiro para parellas… perdón, quería escribir porto seco.

Estradas cara á recesión

Luns, 1 de Xullo, 2013

SON DÍAS de adeuses. Algúns non nos volveremos a ver nun par de meses, porque logo das vacacións duns virán as dos outros. Ocorre en moitas partes, polo menos en sitios onde aínda se poden ir de vacacións. E se setembro é un momento ideal para marcarse bos propósitos, xullo e, sobre todo, agosto sono, por exemplo, para facer repaso: que se o coche está peor, que se o bañador xa non me entra e aos nenos tampouco, que se está todo máis caro (ou temos menos diñeiro)… Hai outra cousa que sobre todo notarán os que levan tempo sen ir a algún sitio: o que cambiou o estado das estradas, para peor en liñas xerais.

SEGUE AQUÍ

O de antes e o de agora

Martes, 3 de Marzo, 2009

Na entrevista con Xosé Manuel Barreiro que publica este martes El Progreso, recordeille iso de que o novo hospital de Lugo é un proxecto posto en marcha polo PP e que, despois de catro anos de bipartito, vai inaugurar un presidente da Xunta do PP. Pero despois recordei que a lista de cousas das Xuntas de Manuel Fraga que van rematar en mans da Xunta de Núñez Feijoo é máis ampla. Velaquí van unhas poucas, que recordo a bote pronto:

  • Corredor Monforte-Sarria.
  • Auditorio de Lugo.
  • Autovía Ferrol-Vilalba.
  • Plan Paradai.

Este luns discutía cun amigo concelleiro do PP sobre a causa da derrota do bipartito. Un dicía que influíu moito o do Audi e o despacho de Touriño; o outro, que os que votan menos visceralmente tamén tiveron en conta a rapidez con que se executaron algunhas infraestruturas nestes catro anos. O que pasa é que sospeito que as cousas tampouco van ir rápidas, polo menos, nos dous vindeiros anos: para facer, primeiro hai que desfacer, ou iso semella que pensa todo gobernante que se prece.