Posts etiquetados ‘infraestructuras’

E Magdalena tiña razón

Xoves, 4 de Xullo, 2013


Estes días, con iso da imputación de Magdalena Álvarez no caso dos ERE, moitos recordan a súa famosa frase sobre o “plan Galicia de merda”. Na súa etapa de ministra de Fomento, prodigouse bastante pola provincia de Lugo, aínda que os seus actos sufriron unha evolución que é un perfecto símbolo do que pasou co PSOE e o zapaterismo. A súa primeira visita, moi triunfal, foi co propio Rodríguez Zapatero, nada menos que o Sábado das Mozas de San Froilán, no ano 2004. Daquela xa se lle escapara a famosa frase do “plan Galicia de merda”, e no discurso na casa do concello referiuse a ese forte investimento. Despois inaugurou varios tramos de autovía, acompañada do entón presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e unha das últimas visitas foi no 2009, para anunciar a nova ponte sobre o Miño: si, a que agora en Lugo é coñecida como ‘ponte branca’.  Daquela, as visitas xa case eran ás agochadas.

Na foto, tomada na visita do 9 de outubro de 2004, aparece co que sería o seu sucesor no ministerio, José Blanco. Agora, visto dende a distancia, un dáse conta do correcta que era a súa frase, que daquela xerara moito rebumbio (empezando polo daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo). Porque está claro que o Plan Galicia foise á merda, empezando por aquel espellismo do AVE pola cornixa cantábrica e rematando polas autovías que aínda hoxe seguen sen acabarse.