Posts etiquetados ‘idioma’

Ai, eses idiomas!

Domingo, 25 de Outubro, 2009

Vexo a foto de ZP con cara de non entender nin papa do que lle di Obama na Casa Branca e penso na mala relación que teñen os políticos españois e os idiomas. Zapatero non os fala; Aznar tiña un inglés de chiste; González só falaba francés e de cando en vez, e de Rajoy, non sei. Paradoxalmente, son eses mesmos persoeiros os que nos convidan a falar idiomas.

En Lugo tampouco mellora a cousa. Orozco seica fala un francés pasable, e é unha excepción. Hai agora nove anos, cando o Comité do Patrimonio da Humanidade decidía en Cairns se lle daba esa distinción á muralla, o alcalde de Lugo enviara un telegrama (ou era un email?) ao rexedor da aquela cidade australiana, que dicía, en inglés, algo así como “Lugo é Cairns; Cairns é Lugo”. Non recordo se houbo resposta.

Galego de Lugo

Luns, 13 de Abril, 2009

Hai varias quinielas a respecto de Núñez Feijóo: a dos conselleiros (serán Raquel Arias e Darío Villanueva os lugueses que formarán parte do goberno, como din os últimos rumores?), a do organigrama (onde irá Vivenda? Xustiza terá consellería propia?) e a do segundo nivel: directores e secretarios xerais. Tendo en conta a que se montou durante a campaña polo decreto do galego, unha das máis significativas vai a ser a área de Política Lingüística, que as malas linguas din que volve á Consellería de Educación, despois de estar adscrita á Presidencia da Xunta durante o bipartito.

É curioso comprobar que os dous últimos ocupantes deste departamento nos gobernos de Manuel Fraga eran de Lugo: Manuel Regueiro e, finalmente, Xesús Pablo González Moreiras. É dicir: dous homes procedentes da provincia na que, segundo tódalas estatísticas, máis se fala galego. Se Feijóo mantén a procedencia luguesa, algún igual se racha as vestiduras (este comentario tamén vale para Ourense).

Xa é bilingüe

Sábado, 21 de Marzo, 2009

Web da Deputación

Por fin é totalmente bilingüe a páxina web da Deputación de Lugo. Tiveron que pasar algún tirón de orellas do Valedor do Pobo, algunha campaña das Ciberirmandades da Fala e algún desmantelamento do servizo de Normalización Lingüística do ente, todo iso en tempos cacharristas. Polo medio houbo unha fase intermedia, cando a maioría dos menús estaban en castelán pero as noticias ían en galego: xusto dende media hora despois da toma de posesión de Gómez Besteiro. O curioso é que desta renovación non houbo maior publicidade. Algúns souberon da nova a través de Vieiros (“non era sen tempo!”); outros, porque alguén nolo comentou.

Pero a actualización lingüística non foi acompañada da actualización de contidos. Por exemplo, as biografías son as mesmas que había en xullo de 2007, co que nos atopamos que todos os deputados, comezando polo presidente, teñen dous anos menos que agora (por exemplo, de Lara Méndez dise que naceu en 1972 e que, polo tanto, ten “só 35 anos”). Incluso hai unha deputada pantasma, Raquel Arias, a quen neste período deulle tempo a ir para Madrid e volver a Galicia, pero que segue a figurar como membro do grupo provincial do PP. Pola contra, do seu substituto non hai mención.

Tamén atopamos lixeiras diferenzas biográficas. Contrastan as amplas biografías dos membros do PSOE e do PP coas parcas referencias dos dous deputados do BNG… ben, non de todos, porque María Xosé Vega si que ten unha biografía tan ampla coma os seus compañeiros socialistas e populares.

Galego nacional

Xoves, 18 de Setembro, 2008

María López Muradás (Foto: PSOE)Vexo a Zapatero “garantindo” no Congreso o uso do galego e outras linguas autonómicas na Administración central. O bloqueiro Jorquera denunciara que o Goberno deturpa os topónimos, algo que é máis que evidente nalgúns casos. Por exemplo, este mércores chegou ás redaccións dos medios de comunicacións galegos un email coa nova composición da comisión executiva do PSOE europeo. No listado só aparece unha galega, a secretaria de Movementos Sociais e Xuventude; chámase María López Muradás e o seu lugar e data de nacemento, segundo a nota de prensa, son “Irijo (Ourense), 1 de junio de 1961″ (a cita é textual).

Pero se iso de Irijo soa mal, tampouco queda atrás un anuncio que saíu o día 5 no BOE e este xoves publicábase, previo envío da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, na edición impresa de El Progreso. Trátase da posta a exposición pública do estudo informativo da autovía Ponferrada-Ourense, que vai pasar, segundo os textos oficiais, por concellos ourensáns como La Vega, Rubiana e Villamartín. En contraste, tamén pasa por Ourense. Será que os do ministerio unicamente galeguizan as capitais?

Afeitos dende hai anos aos topónimos galeguizados, estes nomes soan realmente raros. Onde quedarán eses pobos?