Posts etiquetados ‘hospital’

Esperando

Martes, 1 de Marzo, 2016

NO DESESPERANTE tempo que paso ultimamente nas salas de espera do hospital, téñome afeccionado a unha revista na que escriben dous colaboradores desta casa, Lorenzo e, sobre todo, Tallón. A publicación contén textos amplos, de aparencia sisuda, aínda que no fondo son bastante friquis: recordo ter lido un impagable informe sobre por que a República Galáctica (si, a da Princesa Leia) estaba chamada a fracasar: era denso e, a un tempo, divertido. É unha publicación lixeira, ideal para sitios como estes, nos que non te concentras tanto na lectura como na túa vez e no que sempre hai un balbordo de fondo. Outros prefiren a socorrida prensa do corazón ou as clásicas revistas de pasatempos; ás veces penso que as salas de espera, sexan sanitarias ou estéticas (salóns de peiteado), son a verdadeira razón de ser destas publicacións. Máis complicado é o xornal de papel, e iso que podería pensarse que é o produto ideal, dado o seu carácter tan perecedoiro. Non é doado: ocupa moito sitio ao abrilo, tes que estender os brazos e non queda ben cabrearse co que les… ou co veciño que intenta poñerse ao día por riba do teu ombreiro. A competencia agora para todo este mundo de papel son os móbiles, e en especial os xogos, aínda que neste último caso preséntanse dous problemas: o gasto de batería e a musiquiña repetitiva do xogo, que pode incomodar aos veciños. Hai quen se atreve con libros, como aquel home ao que vin no hospital de día cun ben gordo (o Quijote? Un tocho ruso?)… pero quedou durmido. E é que non todo vale para estes sitios.

O peche

Martes, 23 de Novembro, 2010

CO NOVO hospital de Lugo vainos pasar o que nos ocorre con esas cousas que veñen substituír a outras que quedaron xa vellas: por unha banda, expectación, por ver como vai ou como funciona (ou como se chega, ou como se entra, que son as inquietudes destes días…) e, por outra, certa morriña polo que vai pechar: tantos anos co vello Xeral fan que o vetusto edificio de Doutor Ochoa (coido que máis dun lucense non sabe que a rúa se chama así) sexa case da familia. Os do barrio ímolo estrañar cando peche. Algúns, coma min, lembraremos a cafetería, que ata non hai moito era o único sitio da zona onde podías comprar a deshoras xornais, revistas ou certo tipo de agasallos (bombóns, flores, bonecos…). En tempos, no edificio central estaba o único caixeiro automático da Rede 6000 do barrio. Así que non me estraña que moitos negocios xa estean a preocuparse polo que lles vén enriba. Pero esa saudade vai ser só nos primeiros meses; despois virán os derrubamentos, os saqueos, os carteis de ruína e a desaparición física dese mamotreto. Daquela xa nos teremos esquecido de todo. E dentro duns cen anos haberá que explicarlle á xente por que a esa zona a chaman A Residencia, igual que agora temos que explicar por que á Rúa do Teatro nomeámola así.