Posts etiquetados ‘homenaxe’

Un aeroporto para Fraga

Xoves, 30 de Abril, 2009

Tanto falamos do actual presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que nos esquecemos dos anteriores. Pregúntome que vai pasar con Pérez Touriño. Seguirá no Parlamento ata o final da lexislatura? Con que funcións? Verémolo interpelando ao seu sucesor? Ocupará o posto en Económicas que Beiras tantas veces dixo que lle concederan de xeito fraudulento? Mandarao o seu partido a un retiro dourado no Senado, como fixo o PP co seu predecesor, Manuel Fraga, elixido senador por designación autonómica? Será esa a razón da mala cara que tiña Xavier Carro (senador socialista por designación autonómica), durante o discurso de investidura de Núñez Feijóo, porque tería que cesar, no caso de querer colocar a Touriño no pazo da Praza da Mariña? Por certo, o coruñés Carro sentouse canda outro socialista, Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo, nunha ringleira na que tamén estaban a vicepresidenta deste último Lara Méndez e mailo alcalde da capital, López Orozco.

Todo isto vén a conta de que hai unhas semanas, aló por febreiro, acordáronse de Fraga os membros de Grugalma, unha asociación que agrupa aos galegos de Madrid e que preside dende hai tempo Manuel Mourelle de Lema, que creo recordar que era profesor de Xornalismo nalgún sitio. E acordáronse para propoñer que se poña o nome de don Manuel a algunha das “macroobras que están en trance de execución en Santiago de Compostela”. Propoñen unha estación do AVE Manuel Fraga ou un aeroporto internacional de Galicia Manuel Fraga ou, o que me parece lóxico (se non a demolen, que eses cartos si que os dariamos por ben investidos moitos galegos), a Cidade da Cultura Manuel Fraga. Nunha florida prosa, Mourelle dicía daquela que ía trasladar esta proposta ás institucións oficiais. Non sei que pensará don Manuel disto, el, que xa está nesa etapa da vida na que a xente está de volta das homenaxes.

Como a carta é tan riquiña, non me resisto a reproducir o último parágrafo no seu idioma orixinal:

[...] Creemos hacernos eco de la gran mayoría de los gallegos en general, si sugerimos, y reclamamos a la vez, que el nombre de un tan ilustre prohombre gallego, preclaro docente, escritor y político, como lo es MANUEL FRAGA IRIBARNE, figure al frente de alguna de las futuras macroobras que están en trance de ejecución en Santiago de Compostela, cuales podrían ser: o la futura estación del AVE, o la Ciudad de la Cultura, o el, ampliable, aeropuerto de Lavacolla —topónimo que ya tiene el honor de llevarlo el pueblo en cuya demarcación está el “Campo de aviación”, que se decía antes pueblerinamente. No sería, pues, un agravio para tan histórica y bella localidad coruñesa suprimir su, ya histórico, nombre —lo está en el Camino de Santiago— en el aeropuerto central de Galicia, si así ocurriese.

Florido, non si?