Posts etiquetados ‘Guitiriz’

Un enfrontamento modélico

Martes, 15 de Abril, 2014

UNHA RIFA entre dous partidos adoita ser noticia; cando se repite moito, non: cansa como correr dúas maratóns seguidas. E hai moito tempo que non asistiamos a unha polémica tan coñazo, repetida e aburrida como a que se traen o goberno local de Guitiriz e o provincial de Lugo, na súa rama socialista. O de José María Teixido, José Ramón Gómez Besteiro e os seus satélites chegou a tal nivel que un non sabe se reunilos e encerralos sen pan nin auga ata que se poñan a falar seriamente ou mandar á papeleira o comunicado ou a rolda de prensa do día. Pero esta semana, caín na conta de que este desafío matonesco toma elementos doutras partes… como todo culebrón ou folletín.

SEGUE AQUÍ

De Guitiriz a Gamonal

Venres, 17 de Xaneiro, 2014

Oes falar da movida dos veciños de Burgos contra o bulevar de Gamonal e non podes evitar acordarte de que en Guitiriz foron pioneiros. E é que os veciños desta localidade chairega foron os primeiros en mobilizarse contra algo que en tempos se chamaba ‘humanización’ e que se resume, simplemente, en peonalizar (como en Guitiriz) ou ampliar beirarrúas (como en Burgos). Hai unha diferenza esencial, que é o tamaño das dúas localidades: seica todo Guitiriz (5.603 habitantes, segundo o INE) non chega ao dez por cento da poboación de Gamonal. Tendo en conta esa escala, mesmo nos dous sitios houbo denuncias contra os veciños, nun caso, procedentes das forzas da orde; noutro, do alcalde, que nos dous sitios é do PP. E tamén nos dous casos o asunto vén de lonxe: en Gamonal quéixanse de estar esquecidos polo alcalde; en Guitiriz, a movida implica aos dous partidos principais. E nos dous sitios houbo paralización das obras, aínda que en Guitiriz ao final seguiron adiante e en Burgos… seica non.

Descoñezo se son conscientes destas similitudes os convocantes da concentración de solidariedade con Gamonal anunciada para este venres en Lugo, paralela ás previstas no resto de España. Á vista dos precedentes, posiblemente haberá menos participantes que nas de Guitiriz e, por suposto, Burgos.

De Baqueros e vaqueiros

Xoves, 12 de Decembro, 2013

É evidente que no Septenario do domingo non citei o gran tema inesperado dos últimos tempos na provincia luguesa: esa sucesión de casos que fixeron que Lugo pasara de ser unha cidade tranquila e durmida a unha capital podre e na que ninguén parece estar limpo. Neste caso, foi unha ausencia premeditada: hai temas que cansan. Pero vou aproveitar para facer dúas matizacións sobre os últimos Septenarios.

Para empezar, equivoquei o concello no que está a láctea Castillode Pambre e que, polo tanto, é obxecto de interese de García Baquero. Non é Antas de Ulla, como escribín o 13 de outubro, senón Palas de Rei, como ben apuntaba o link.

O 3 de novembro, fixen o artigo a partir do que mandan os mortos, tanto virtuais como reais. Tiña pensado escribir algo sobre a enésima liorta, rexistrada días antes, entre o Concello e a Deputación de Lugo polas obras na Rúa do Mercado de Guitiriz, unha desas pelexas que a min recórdame a eses vaqueiros que se retan a ver quen desenfunda antes. Pero naquel momento non din inserido o tema dentro da sucesión lóxica do texto. Días despois si que atopei o fío que non achara, e iso que era máis que evidente: un dos protagonistas, o alcalde de Guitiriz, é todo un experto en mortos, como propietario dunha funeraria. Dende logo, foi un claro lapsus memoriae.