Posts etiquetados ‘García Díez’

Á procura do candidato

Martes, 22 de Setembro, 2009

De súpeto, sen máis, pasamos de non saber se García Díez vai optar de novo a ser alcalde de Lugo a dar por feito que o cabeza de lista do PP vai ser Xaime Castiñeira. No partido aínda non deron a confirmación oficial, pero esta non vai tardar moito, porque Mariano Rajoy quere reunir este outono (nalgún sitio lin que mesmo este mes) seus presidentes provinciais para que se proclamen os cabezas de lista das capitais de provincia de España nas eleccións municipais de 2011. El xa deu exemplo anunciando que Rita Barberá vai optar a recuncar en Valencia. A pretensión do partido é, por un lado, evitar que as liortas internas poidan atrasar a proclamación e, por outro, darlle tempo para asentarse aos que sexan novatos.

O certo é que hai unhas semanas, cando eu comentei, nun dos meus Septenarios dominicais, que García Díez non vai repetir, no PP non pareceron expresar unha inquietude desaforada. Home, está claro que prefiren ao último cabeza de lista, pero “temos canteira abondo”, dicían no partido. O feito de recoñecer que teñen canteira era, tamén, un xeito de admitir implicitamente que García Díez non repite (o último rumor sitúao nun posto dun futuro Goberno de Rajoy). E o interesado deu pábulo aos rumores cando aos poucos días do Septenario lle preguntaron polo tema e el, en lugar de saír co tópico “é moi cedo para pensar en iso” ou o non menos tópico “eu estou sempre a disposición do partido”, dixo que necesitaba un prazo para pensalo e que xa comunicaría a súa decisión máis adiante. “Temos canteira”, repiten no PP, pero por agora, ou iso parece, o mellor colocado é Castiñeira.

‘Alcaldables’

Martes, 23 de Xuño, 2009

A verdade é que esperaba que alguén se queixara polo meu prognóstico do domingo 7 de xuño de que ningún cabeza de lista dos partidos maioritarios vai repetir nas vindeiras eleccións locais no concello de Lugo. Pero non recibín chamada ou queixa ou expresión de malestar algunha. Só López Orozco me fixo un cariñoso e sorrinte comentario tres días despois, aproveitando a súa estancia no xornal para entregar os Premios Muralla. Dixo que Gómez Besteiro e el se fixeran unhas risas o domingo lendo a miña crónica. Por se acaso, xusto unha semana despois, o pasado 14 de xuño, en El País, o alcalde proclamaba que se vai presentar á reelección “indubidablemente que si” e que o vai facer “con forzas e ganas”. Xosé Anxo Lage non abriu a boca ao respecto, e García Díez si que a abriu, pero para deixar máis dúbidas: nin que si nin que non, dixo escudándose detrás dunha realidade incontestable: quedan aínda dous anos para as eleccións.

Esa é, por certo, a liña oficial do PP (“Pero se vimos de saír de dúas eleccións! Que queredes? Unha cada seis meses?”, protestoume entre risas Xosé Manuel Barreiro hai uns días). E a do PSOE é a de sempre: o normal é que repita o alcalde naqueles concellos onde se goberna. Pero aínda falta moito para o último domingo de maio de 2011, que vén sendo o día 29. Ese ano non haberá problemas coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que caerá en xullo (o Venres Santo é o 22 de abril).

Soraya

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Soraya Sáenz de SantamaríaO venres vimos na primeira de El Mundo o anuncio da sorprendente e íntima reportaxe deste domingo con Soraya Sáenz de Santamaría, a voceira parlamentaria do PP. Este sábado, Pilar Cernuda contaba que o director do xornal descualificaba á política popular por se prestar a esta reportaxe (!!!!). Pero recordo que cando vimos a foto creo que todos os xornalistas pensamos o mesmo: que boa idea esta de sacar aos políticos na intimidade. É un xeito de desmitificar a estas persoas que son tan normais como as demais.

Pregúntome que político de Lugo se prestaría a saír como Sáenz de Santamaría. En El Progreso fixéramos, hai anos, algo semellante cunha serie de entrevistas de Antón Grande con famosos de Lugo nos recunchos favoritos das súas casas. E non hai moito sacáramos unha tremenda reportaxe con Lara Méndez na súa pobre cociña. Pero non me imaxino unha foto de López Orozco en batín, outra de García Díez cepillando os dentes ou outra de Xosé Anxo Lage remedando a Fred Astaire. A este último si que o temos sacado cociñando e os últimos que publicamos en posturas informais foron varios políticos lendo. A máis atípica era Raquel Arias, que estaba con El guardián en el centeno cos pés enriba do sofá.

 

A ledicia do PP

Sábado, 15 de Novembro, 2008

Barreiro e García Díez falan no pleno (Foto: Xesús Ponte)

Andan no PP moi ledos co resultado da cuestión de confianza no Concello de Lugo. Xa o dicía Luis Lamas o pasado martes: o seu partido mailo PSOE (ou, mellor, o alcalde) foron os claros gañadores da contenda. No PP teñen dous motivos de satisfacción: un é que a actuación de Xoaquín García Díez no pleno serve para calar de vez aos que pasaron un ano reprochando o pacto co PSOE para aprobar os orzamentos do 2007. O outro motivo de satisfacción é ver como picaron o anzol da moción de censura que tirou Xosé Manuel Barreiro. Acaso alguén pensaba que PP e BNG van gobernar xuntos nalgún sitio de Galicia… polo menos antes das eleccións autonómicas? Pois, aínda así, o PSOE e o BNG tomaron en serio a cousa e puxéronse nerviosos. Tanto, que o Bloque anunciou a abstención antes de tempo. Co ben que tería quedado agardar ata o pleno (ou votar en contra e ter un mes desacougado a López Orozco)!

Resta por saber como queda Xosé Anxo Lage despois disto. Algúns dos paxariños malvados que me subministran rumores insinúan que esta é unha manobra da U para botar polo río abaixo ao seu voceiro municipal e pelexado candidato á alcaldía. Pero aínda queda moito mandato municipal por diante e pode pasar de todo.

Por certo, nalgún confidencial din que o sentido do voto do PP decidiuse en Santiago e fanse eco do rumor dun suposto afastamento entre Barreiro e García Díez (na foto, os dous falan no pleno do luns 10 con Cristina Ares no medio). E eu que pensaba que ese rumor saíra dende as ringleiras do PSOE! Por certo, non sei se serán os mesmos que andan a dicir que García Díez vai ser o cabeza de lista para o Parlamento galego. Que cousas!

Non foi para tanto

Martes, 3 de Xuño, 2008

García Díez (Foto: Pepe Álvez)Fixen ben en poñer entre interrogantes o rumor sobre García Díez que contei o sábado. Porque esta mañá chegoume outra versión (xa recollida por algún dos comentaristas do post anterior). E din que non houbo tal tirón de orellas. Iso si, algún dos militantes pediu máis caña contra López Orozco. Aínda que a xuntanza de que falo é de hai tempo, quizais veña de aí esa alianza entre o PP e o BNG, incitados por Adega, para reclamar cambios no trazado da autovía de Santiago en Lugo, unha alianza que deixou abraiado ao alcalde de Lugo. Non sei por que, a verdade. Ou si…

E non, o meu informante non é do PSOE, como parecen dar a entender algúns dos comentaristas do post anterior.

Que haberá de certo?

Sábado, 31 de Maio, 2008

E que haberá de certo nese rumor que asegura que, hai unhas semanas, nunha xuntanza do PP local de Lugo, a Xaquín García Díez reprocháronlle que non estivera máis na cidade? Disque alguén dixo que “non se pode facer oposición un día á semana”.

E que haberá de certo nese rumor de que van ser gardas dunha empresa de seguridade, contratados pola vía de urxencia polo Concello, os que van cubrir o percorrido da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia este domingo en Lugo?