Como cambian os tempos (e 2)
Domingo, 8 de Xuño, 2008Un dos botóns de mostra do cambio dos tempos na Deputación foi a festa dos seus empregados, Santa Rita, o pasado 22 de maio. Desta, os agasallos foron menos esaxerados que noutros tempos: unha reprodución dunha lucerna. Foi curioso oír a Gómez Besteiro prometéndolle ao cura que o próximo ano irán máis funcionarios á misa da patroa. Pero o mellor chegou na sobremesa, cando a xente empezou a animarse e comezaron a oírse cancións que noutros tempos a ninguén se lle pasaría pola cabeza cantalas nesta festa: O carro, Galiza ceibe… Si, os grandes clásicos do primeiro nacionalismo galego.
E é que a Deputación estase a encher de bloqueiros de todo tipo, mesmo algún histórico, como Manuel Castiñeira Castiñeira, que hai uns días incorporouse á área de Asistencia aos Concellos. Ocupaba a secretaría do Concello de Begonte, e antes estivo na de Becerreá, e nos comezos da democracia, cousa que as xeracións máis novas non lembran, foi candidato do BN-PG (o predecesor do actual BNG) en varias eleccións, acompañado de Lois Diéguez e Pedro Luaces González-Rosón que acabou sendo durante o Cacharrismo o responsable máximo da área de Recursos Humanos. Por certo, un dos seus compañeiros de candidatura, García Mel, tamén é dos membros do staff da nova Deputación bipartita.
E outro signo do que cambian as cousas é que nos vellos tempos disque as funcionarias facían cola diante de Cacharro para bailar co presidente da Deputación. Coa cousa da bicefalia que hai agora, agardábase que o día de Santa Rita se fixeran dúas colas, unha para Gómez Besteiro e outra para Xosé Antón Bao. Pero o vicepresidente tivo que irse, para un acto organizado, precisamente, por este xornal, e non foi posible ver quen tiña a cola máis larga.
De tódolos xeitos, xa ven que ao presidente dáselle ben isto das colas, como demostra nesta foto do reparto de plantas o Día do Medio Ambiente.