Posts etiquetados ‘froita’

Hoxe é malo

Xoves, 6 de Novembro, 2014


DE PEQUENO dicíanme que a mazá era unha das cousas máis sas que podía comer, fose a hora que fose; despois oín aquilo de “pola mañá, ouro; pola tarde, prata e pola noite mata” (refrán  que tamén teño visto aplicado a outras froitas), e máis tarde escoitei a algún dietista desaconsellar o consumo desta e doutras froitas pola noite, tanto polo longa que é a dixestión dalgunhas (o plátano é paradigmático) como polo azucre que levan. Como me gusta a froita pero non sempre teño forma de comela, decidín introducila na única comida que fago fixo todos os días, o almorzo. E este verán o fisio comentoume que algún estudo recente desaconsellaba tomar froita na primeira comida do día, e tamén censuraba os outros dous elementos cos que esperto: o café e o leite de vaca. E el engadiu, con moita retranca, que “iso é esta semana”. Seguro que se miro agora, atoparei algún estudo de, por exemplo, antonte que recomenda comer cen quilos de froita ao día para vivir mellor, e mañá sairá outro que sinala a relación directa entre o lupus de Greg e a inxesta de melón do Courel, e pasado haberá outro que insistirá nas bondades da soia (para min é mellor a solla) e o venres outro desmontará tal teoría, que atribuirá aos intereses do Goberno chinés. É reflexo da preocupación do ser humano por vivir mellor e, se se pode, máis: pasamos o día buscando o produto perfecto e máis san, soñando cunha panacea comestible. Leo nalgures que todo isto non é contraditorio, senón que é consecuencia de que cada día hai mellores medios técnicos para facer os estudos, e se hai vinte anos deducías que a mazá é mala a partir dunha análise con 120 persoas, agora podes dicir o contrario a partir dun experimento con 1.120. Así que ao final non sabes se instalar ou deseñar unha APP que che diga en cada minuto cal é a recomendación do día, ou learse a manta á cabeza e dicir como os vellos: “O que non mata, engorda” ou a variante “De algo hai que morrer”.