Posts etiquetados ‘Fernando Blanco’

Electuras – A medalla

Martes, 16 de Xuño, 2015

Os novos alcaldes, nomeadamente os das mareas cidadás de Santiago e A Coruña, abriron un lindo debate sobre o laicismo a conta da ofrenda a Xesús Sacramentado das capitais do antigo Reino de Galicia, que se celebra cada infraoitava (palabra que só debe de ser familiar para os de Lugo, e non todos) de Corpus. Como Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, respectivamente, teñen procedencias nacionalistas, procuramos no arquivo a ver se tiñamos foto dalgún alcalde bloqueiro que fixera a ofrenda. E si: tocoulle ao predecesor de Elena Candia, Orlando González, no ano 2010. É, con todo, un debate que me gusta: o voto diante desa hostia en permanente exposición é tradición histórica ou é relixión? Un alcalde ten que manter as súas crenzas ou debe mirar polas dos que non pensan como el?

Ese debate seica se abriu tamén cando o primeiro goberno de López Orozco (1999-2003) e os membros nacionalistas daquel produtivo executivo decidiron antepoñer o carácter institucional da súa función. Así, era doado ver á primeira tenente de alcalde, Branca Rodríguez Pazos, e ao responsable de economía, Fernando Blanco, asistindo a todo canto oficio relixioso fose ineludible acudir, que en Lugo hai uns cantos. Os xornalistas chanceabamos, porque había momentos en que neste tipo de actos (San Froilán, o Corpus, a ofrenda, San Roque, Semana Santa…) había máis representantes do PSOE e do BNG que do PP. O domingo pasado ocorreu exactamente o contrario: do PP foron todos e do PSOE, tres ou catro. Nunha desas, nos soportais do concello, recordo a Fernando Blanco aclarándonos os xornalistas, sen que llo pedíramos, que el estaba alí “como representante do Concello e de todos os lucenses”, como testemuñaba, sinalou, a medalla municipal que aínda levaba no pescozo. Nun pleno da Deputación, Cacharro rira algunha vez diante de Blanco coa presunta querenza dos nacionalistas “polos símbolos, as medallas, as bandeiras e esas cousas”.

Dicía que estivemos a buscar fotos de alcaldes bloqueiros renovando este voto secular sen problemas. Pero o mellor foi que na procura apareceu esta foto impagable, dunha das dúas ofrendas (2001 e 2008) que fixo o último alcalde de Santiago que a presentou, Xosé Sánchez Bugallo. O daquela rexedor santiagués é o segundo pola dereita nesta imaxe do 23 de xuño de 2001, entre López Orozco e Branca Rodríguez Pazos. Despois de Fernando Blanco intúense ao finado Marcos Cela, o devandito Cacharro, Xosé Piñeiro e a Xaime Castiñeira. E quen é o que está entre os dous ‘brancos’ do BNG e mira para a súa dereita? Si: Francisco Fernández Liñares. Que tempos.

Arietes políticos

Xoves, 23 de Xullo, 2009

O pleno da Deputación de Lugo aprobou hai uns días unha moción, obra do bipartito socialnacionalista gobernante, pola que se lle pide á Xunta que manteña a gratuidade total para os libros de texto. Sospeito que vai ter o mesmo éxito que outras, aínda que dirixidas a gobernos amigos. Desta, PSOE e BNG danlle armas ao PP, que pode asegurar que os partidos que gobernan a Deputación queren defender aos ricos, a pesares da súa procedencia proletaria: é o mesmo argumento que utiliza a actual Consellería de Educación para defender o recorte na gratuidade.

Non é a primeira vez que unha institución é utilizada como ariete contra outra de cor política distinta. É posible que ata o 2013 vexamos algún exemplo máis. Penso nisto cando vexo que estes días tamén se está a falar da continuidade ou non do Centro Tecnolóxico Lácteo (CTL) que estaba proxectado para Lugo, a partir da veterana Aula de Produtos Lácteos do campus. O último rumor di que igual a Crise se leva por diante o proxecto. Este CTL é un dos máximos exemplos que temos en Lugo de como se pode converter algo en instrumento para as guerras entre partidos.

A lenda di que este centro tecnolóxico foi o primeiro pensado en Lugo, pero a Xunta, presidida daquela por Manuel Fraga, non lle fixo caso. Ata que chegou Xosé Blanco na campaña das eleccións xerais de 2004 e dixo que o PSOE ía crear un centro tecnolóxico agroalimentario (Cetal). A idea tiña unha clara cor socialista. Así que ás poucas semanas un dos conselleiros de Industria máis grises dos últimos tempos, Juan Rodríguez Yuste, visitou Lugo para anunciar un centro tecnolóxico lácteo no campus. Despois gañou o bipartito, e semellaba que a idea láctea esmorecía, ata que o sucesor de Yuste, Fernando Blanco, decidiu resucitar o proxecto e usalo como ariete contra o Cetal do PSOE, que ía (vai) lento de narices. Algúns apostamos a que o centro lácteo ía funcionar plenamente, con sede e todo, antes que o Cetal, que arrancara antes. Pero chegou o 1-M, cambiou outra vez o goberno e parece que o futuro do CTL é pouco optimista. Unha mágoa, porque Lugo podía ter chegado a ser un referente en materia de investigación agraria, pero o noso Silicon Valley particular vai camiño de quedar no caixón dos proxectos non natos.

O que anda ultimamente moi activo, a un ritmo dunha nota de prensa á semana como mínimo, é o Cetal. O curioso é que a súa actividade estivo desaparecida un tempo en internet. Hai unhas semanas, preguntábaslle a Google polo Cetal e non aparecía nada. Agora parece que xa está arranxado. Milagres da tecnoloxía do centro tecnolóxico. A web, por certo, está deseñada por unha empresa de Lugo (que comparte o centro de empresas de Lugo co Cetal) que o pasado outono estivo envolta nunha polémica política.

18. A arte de quedar todos contentos… ou non

Luns, 2 de Marzo, 2009

O MELLOR dunhas eleccións como as que vimos de celebrar onte é que todo o mundo queda máis ou menos ledo… case sempre. E escribo “case sempre” porque onte á noite había algún socialista de Lugo que non estaba nin para coller o teléfono.

Pero no caso concreto desta provincia, moitos teñen motivos para dar saltos de alegría, aínda que, se cadra, non polos resultados provinciais do seu partido… ou si.

Barreiro

Por suposto, o máis contento vai ser Xosé Manuel Barreiro, que obtén un éxito electoral ao que ultimamente non estaba afeito, porque gañar gañaba sempre, pero iso non representaba estar no goberno. Desta, cunha cabeza de lista imposta dende Santiago e cando as enquisas previas auguraban que o PP perdía un escano en Lugo, os resultados finais son realmente para celebrar dentro do partido. Non houbo suba, como si ocorreu na Coruña ou Pontevedra, pero tampouco caída (nin sequera en porcentaxe de votos), o que pode ser un aval á hora de pedirlle a Núñez Feijoo que teña en conta aos lugueses cando confeccione o seu goberno. Ademais, Barreiro conta cun aval engadido: despois de moito tempo, o PP gañou claramente na capital provincial, e Lugo mantense como segundo almacén de votos autonómicos populares.

A recuperación da Xunta seguro que tamén leva a ledicia a moitos populares: ábrese unha bolsa de emprego importante, aínda que o presidente electo xa anunciou que vai reducir o número de consellerías e incluso o de delegados provinciais. Haberá que contentarse con direccións xerais ou xefaturas de negociado ou de servizo.

Ben, tamén podemos mirar cara arriba e pensar noutras cousas: que consellería lle tocará a Lugo? Quen será conselleiro? Veremos a Raquel Arias culminando a súa carreira á dereita de Núñez Feijoo -non sei se aproveitar este momento para recordar que fun dos primeiros en gabala como oradora ;-) ? Haberá unha consellería de Pesca para José Manuel Balseiro ou unha presidencia do Parlamento autonómico para Agustín Baamonde ou Daniel Varela? Claro que, de facer caso ás cousas que dicía o socialista Ricardo Varela durante a campaña -que Arias e Barreiro non se falaban-, se cadra o ascenso de Arias non beneficia ao presidente provincial do PP e, sempre segundo esa teoría, Balseiro e Baamonde, pola súa proximidade a Barreiro, igual non o teñen tan doado.

Outra lectura que lles gustaría a algún (especialmente os socialistas nesta hora de dor) é que Núñez Feijoo queda agora lexitimado para desmantelar definitivamente o grupo da boina do PP galego; claro que Barreiro é máis dócil que o irredento Baltar, e por aí non vai ter problema.

Blanco (Fernando)

O nacionalista Fernando Blanco tamén ten algún motivo para sorrir, aínda que perderá o despacho oficial. Lugo, con Ourense, foi a única provincia onde o BNG subiu, e nalgúns dos concellos con alcalde bloqueiro (Riotorto, A Pobra de Brollón) esta formación plantoulle cara ao PP.

Haberá que ver como lle afectan a Lugo as peticións de contas que vai facer a UPG en Santiago. Quen sabe? Se cadra, mesmo Blanco (o conselleiro nacionalista mellor valorado) pode optar a algún cargo no Bloque, a nivel nacional, se o partido abre unha purga para levarse por diante a Quintana.

Ricardo Varela

O que queda menos claro é o futuro de Ricardo Varela, vicesecretario xeral do PSdeG. Os resultados electorais non foron tan malos… descontando a cidade de Lugo. Moitas das novas alcaldías déronlle bos réditos ao PSOE (A Pontenova, Láncara, Navia de Suarna…) e algunhas das veteranas mantiveron o tipo (nomeadamente, Pedrafita), aínda que algúns clásicos fallaron (Foz, As Nogais). Pero o de Lugo cidade foi un forte golpe, que pode ter consecuencias para López Orozco.

O que pasa é que, con isto das eleccións autonómicas, o PSOE galego deixou aprazado para esta primavera un asunto que vai reabrir máis dunha ferida: a reorganización do partido, para darlle unha estrutura provincial. Vai ser unha boa ocasión, primeiro, para mandar para a casa a Pérez Touriño (o segundo socialista galego que perde o goberno) e, a continuación, para levarse por diante a algún dos xefes actuais. Varela pode, nesta situación, ou ser o piloto do cambio, tanto na secretaría xeral galega como na organización territorial, ou ser arrastrado pola marea.

Blanco (Xosé)

É posible que o futuro do actual número dous do PSdeG non dependa de Lugo, senón de Madrid. Haberá que ver como lle senta ao PSOE nacional esta derrota en plena crise e como queda o seu número dous, o tamén lugués José Blanco. Responsabilizarao Rodríguez Zapatero do fracaso? Ou será o recambio para Pérez Touriño, como xa ten apuntado algún cronista político galego? Ou ascenderán a Blanco a ministro para que se enfronte con Núñez Feijoo, que seguro que vai dar guerra co tema das infraestruturas?

Porque non é a primeira vez que o presidente electo se enfronta cun Goberno central do PSOE. Xa o fixo entre marzo de 2004 (cando Zapatero gañou) e xuño de 2005 (cando Touriño gañou), e a liorta foi boa: de feito, neses quince meses Manuel Fraga usara a Núñez Feijoo de ariete contra unha ministra de Fomento que segue a ser a mesma.

Gómez Besteiro 

As perspectivas que se abren no PSOE lugués son tan variadas que mesmo poderíamos ver a un presidente de Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gomez Besteiro, emigrando a Santiago. O que vai ser a institución provincial, dende logo, é un ariete contra a Xunta popular, aínda que nos primeiros intres, e de portas fóra, haberá poses de colaboración «leal e institucional» entre as dúas institucións. Non serán cribles, claro.

No que si vai ser protagonista a Deputación é nos movementos de postos de traballo que vai haber nos meses inmediatos: onde imos colocar, se non, a todos os socialistas e nacionalistas que tiñan copados os postos intermedios na Xunta?

Tres momentos

Emoción. Xsé Manuel Barreiro chegou a emocionarse no seu discurso de onte á noite, na sede popular. Os resultados en Lugo e en Galicia, e esa luz que o PP ve ao final do túnel, xustifícano.

Silencio. Algún socialista lugués quedou tan ofuscado que nin gañas tivo de poñerse ao teléfono para atender á prensa.

Urbanitas. Unha gráfica (e quizais acertada) explicación do fracaso do BNG, que medra na Galicia interior e baixa na urbana: “A culpa foi dos pijos urbanitas”, dito por un militante bloqueiro.

15. A medición do público

Venres, 27 de Febreiro, 2009

A CAMPAÑA vai pechar en Lugo cun clásico: un mitin de Manuel Fraga, que sempre é benvido por estas terras. Nesta ocasión, o PP utilizou pouco ao ex presidente, que no primeiro acto seu na campaña, en Portomarín, sinalou que “un xa ten certa idade”. Hai catro anos, populares e socialistas rivalizaran en mobilización popular, porque os dous empregaran o mesmo escenario na cidade de Lugo, o pavillón municipal de deportes. Quedaran en táboas, cunha lixeira vantaxe para Don Manuel. Desta, a comparación é difícil. O PSOE usou o pavillón, pero antes da campaña; o BNG, tamén, pero desta leva un escenario que ocupa moitísimo, e o PP aínda está por ver.

Con todo, comparar afluencia é unha cousa un pouco falsa cando se trata de partidos políticos. No mitin de Zapatero do 2005 (ao do pasado día 1 non fun) había xente de Santiago e das Rías Baixas, o que demostra que, no fondo, que se encha ou non un pavillón para un mitin central non é tanto cousa da simpatía que espertan os oradores como da capacidade de mobilización dos empregados do partido. Está claro que, por exemplo, o acto de Pérez Touriño o mércores cos xubilados en Lugo estaba cheo de xente próxima ao PSOE. Que sería dos partidos se non houbera xente carretando espectadores para os seus mitins? Nesta campaña, onde na rúa se apreciaba (vouno escribir en pasado) tanto desinterese, corríase o risco de ver aos candidatos falando para un mar de cadeiras baleiras.

Debates

Telelugo emitiu onte o segundo debate electoral da campaña. Foi a tres bandas, como o primeiro. Os tres cabezas de lista de Lugo debateron, que eu recorde, tres veces dende o día 13, e onte, se chegan a estar os candidatos do PP e o PSOE, tería sido a cuarta. Tamén estes días houbo un debate múltiple, televisado, nas eleccións vascas. Aquí debaten os segundos espadas pero non os primeiros, que prefiren agredirse en guerriñas tipo “e ti máis”.

Informais

Na campaña do 2005, Anxo Quintana sorprendíanos cada día cunha foto electoral que se saía do normal: nun barco con Bugallo (que foi dela?), ao pé dun carballo centenario de Soutomerille, cabo dunha gandeira de Lugo… Desta, o especialista nestas fotos curiosas ou informais é o seu número un por Lugo, Fernando Blanco. Aínda que tampouco se están a prodigar moito os candidatos, e mira que o tempo seco parecía que podía axudar.

11. Diferenzas de campaña

Luns, 23 de Febreiro, 2009

COMO AS persoas son diferentes, as campañas electorais tamén deberían selo. O que pasa é que non sempre se cumpre esa perogrullada. Os estrategos electorais e as cousas do márketing fan que un candidato sexa perfectamente intercambiable polo outro, sempre que sexan do mesmo partido. E das mensaxes xa non falamos. Aínda así, un ve lixeiras diferencias, polo menos no que se refire á provincia de Lugo. Por suposto, os cabezas de lista dos tres principais partidos coinciden en zoscarlle aos demais, que se non hai paus non ten graza o mitin. Nisto era un especialista O Beiras.

Porén, os golpes entre os tres teñen os seus matices: PSOE e BNG non se tiran os trastes, que despois de que o PP pasara toda a lexislatura falando do bi-goberno, só faltaría que estes viñeran darlle a razón na campaña. Nas ringleiras populares, Raquel Arias ataca con todo, coa experiencia que xa ten dos meses en que se enfrontou ao bipartito da Deputación. No Bloque, Fernando Blanco vai ao seu. E no PSOE, Ricardo Varela ten unha declarada querenza por pegarlle ao PP. Dá a sensación de que ás veces prefire ver a palla no ollo alleo (e retorcela ben) que defender a postura propia. Quizais sexa porque os socialistas teñen claro que o único xeito de medrar é sacándolle votantes ao Partido Popular.

Xeitos

Outros candidatos fan outras campañas distintas. Por exemplo, Luis Pérez de Llano, o cabeza de lista da UPyD, especializouse nos comunicados de prensa minimalistas, moi ben redactados por certo, nos que opta por unha campaña ética, por dicilo dalgún xeito: quéixase da dilapidación de cartos, da falta de debates serios ou de que os partidos maioritarios queren afogar aos pequenos. Esquerda Unida decántase pola internet, aínda que con contagotas; Terra Galega móvese polos seus territorios e dos demais sabemos ben pouquiño.

Avogados

A falta dunha candidatura en Lugo, Os Verdes están a enviar emails con reflexións do máis variado. Por exemplo, hai uns días o seu presidenciable, Francisco Vicente, congratulábase de que non houbera políticos entre os detidos en Galicia pola venta de Rolex falsos por internet. Aínda que a mellor proposta que presentou este candidato é a de promover unha folga de avogados. Non, o home non toleou; el asegura que xa hai uns que están en folga: trátase dos avogados dos cidadáns, é dicir, os parlamentarios.

9. Música para votar

Sábado, 21 de Febreiro, 2009

ENTRE O material publicitario de Fernando Blanco nestas eleccións figura un CD de música tradicional de Lugo. Escoiteino onte, mentres Jorge Mira rememoraba na tele o seu encontro con Stephen Hawking. Son oito temas que van dende a muiñeira de Lugo á de Chantada, pasando polos Catros vellos mariñeiros, interpretados de forma moi ortodoxa por alguén que descoñecemos: será algúns coñecidos gaiteiros bloqueiros? Serán os da Tradescola? E ti estás tan tranquilo escoitando iso e de súpeto sae unha voz do aparato de música que di que o BNG confía na xente nova. E no medio do espich, a mesma voz di: “Son Fernando Blanco e penso que…” Na capa do CD non hai ningunha mención a esas brevísimas cuñas electorais, polo que me imaxino o susto que se pode levar algún despistado.

A orixinal iniciativa debe de ser o primeiro disco de folclore electoral que vexo. E iso que a música é fundamental en calquera campaña. Ti estás na casa, escoitas unha música dende a rúa e xa sabes que vén aí o coche do PP ou do PSOE. No caso do Bloque é máis complicado recoñecer a banda sonora, porque a cambian en cada campaña: iso si, sempre é galega. O himno do PSOE intenta ser “un airiño”, que diría Kitaro, mentres que o do PP é un pouco máis marcial. En calquera caso, todos están bastante usados e son coñecidos de máis. Estrañaríame que tivera éxito un disco de himnos políticos, aínda que nunca se sabe. Ademais, paréceme que os políticos prefiren o ruído das súas verbas á harmonía da música.

Maxia

Blanco (Fernando) e os seus contan nesta campaña cun aliado máxico, nada menos que o Mago Antón, para sorpresa dos que coñecen ao ilusionista. O mago chairego paseaba onte poor Lugo montado no patinete eléctrico bloqueiro mentres facía un xogo de cartas no que conseguía que a baralla compuxera un dos lemas electorais do Bloque. Por sorte para os rivais do conselleiro de Industria, a especialidade de Antón aínda non é volatilizar persoas.

Compañía

Esquerda Unida colgou pancartas (en vermello, obviamente) en varias pontes de Lugo. E onte apareceron no mesmo sitio outras, máis grandes, anunciando a próxima celebración de LugoStock. Iso si, os do certame de oportunidades non taparon o cartel de EU, movérono e deixárono a carón do seu, os dous en boa compaña. É un detalle, pero agora velos e parece que alguén invita a rebelarse contra a feira.

Conta atrás xacobea

Venres, 30 de Xaneiro, 2009

Raposo, Piñeiro e Blanco (Foto: Pepe Álvez)

Isto si que é facer as cousas con adianto: queda algo menos dun ano para que comece o Ano Santo compostelán do 2010 (cando eu era cativo, chamábase así e non había ningún Pérez Varela que se inventara a marca Xacobeo) e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, é dicir, o do Xacobeo, fai unha presentación en Lugo por todo o alto. O salón de actos estaba ateigado. Mesmo foi todo o plantel do CD Lugo, que por algo leva publicidade da sociedade de xestión. Blanco foi breve, que aquilo era unha festa e non había por que leala falando polo miúdo de tódolos investimentos.

Como ven na foto, ao remate falou de xeito distendido cun representante da ruta principal, a francesa, e outro da que está adquirir moito pulo ultimamente, a primitiva: o alcalde de Pedrafita, Xosé Luís Raposo Magdalena, e o concelleiro de Lugo Xosé Piñeiro, respectivamente. Raposo foi, ultimamente, protagonista dun feito semellante ao que contaba eu aquí hai pouco, pero ao revés: a el non o deixou saír a muller da casa durante a fin de semana do temporal. Non pensen mal: foi por recomendación médica. Estaba tan mal que nin se lle oía cando falaba por teléfono.

Por certo, Raposo hai uns días deulle plantón a outro conselleiro nacionalista, o de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, cando viu a Lugo a asinar os convenios de constitución dos GDR (grupos de desenvolvemento rural) que van xestionar o Leader. O alcalde de Pedrafita mesmo chegou a mandarlle unha carta ao conselleiro para explicarllo. El, implicado no primeiro Leader que houbo en Lugo e un dos pioneiros de Galicia, estaba moi cabreado porque na xuntanza de creación do GDR dos Ancares, hai meses, nin o deixaron falar. Si, el foi un dos prexudicados pola estraña forma en que se crearon estes grupos.

Vocabulario

Sábado, 3 de Xaneiro, 2009

É curioso ver como algunhas palabras mantéñense de actualidade aínda que cambien os tempos ou os gobernos. Por exemplo, hai uns días fíxome graza ver que Fernando Blanco segue a usar a palabra transparencia. Hai anos, cando era oposición, utilizábaa contra Francisco Cacharro, daquela presidente da Deputación de Lugo; agora, que é conselleiro, utilízaa para defender o reparto eólico.

Mentres Blanco falaba de transparencia, o seu compañeiro de oposición Manuel Martínez, daquela voceiro socialista, empregaba naqueles tempos a palabra clientelar, referida á política de Cacharro. Curiosamente, agora na Deputación segue a usarse, pero desta volta en boca de Xosé Manuel Barreiro, do PP. Serán palabras que quedan prendidas nas cadeiras do salón de plenos do pazo de San Marcos e pasan dun a outro?

Incógnita? despexada

Venres, 19 de Decembro, 2008

Fernando Branco, a piques de ser proposto candidato

Menos mal que a asemblea do BNG de Lugo centro fixo o que todos daban por feito dende hai meses: propoñer a Fernando Blanco como número un da candidatura provincial para as galegas. Porque o xoves, na sinatura de convenios con alcaldes, varios xornalistas preguntáronlle polo tema unhas vinte veces (el prometeu que estaría disposto a chegar ata as trinta) e a súa resposta foi sempre a mesma: “No BNG xa coñecen a miña postura”. Mesmo podería pensarse que non quería ser candidato. Ai, como se fan de rogar algúns políticos!