Posts etiquetados ‘erros’

De Baqueros e vaqueiros

Xoves, 12 de Decembro, 2013

É evidente que no Septenario do domingo non citei o gran tema inesperado dos últimos tempos na provincia luguesa: esa sucesión de casos que fixeron que Lugo pasara de ser unha cidade tranquila e durmida a unha capital podre e na que ninguén parece estar limpo. Neste caso, foi unha ausencia premeditada: hai temas que cansan. Pero vou aproveitar para facer dúas matizacións sobre os últimos Septenarios.

Para empezar, equivoquei o concello no que está a láctea Castillode Pambre e que, polo tanto, é obxecto de interese de García Baquero. Non é Antas de Ulla, como escribín o 13 de outubro, senón Palas de Rei, como ben apuntaba o link.

O 3 de novembro, fixen o artigo a partir do que mandan os mortos, tanto virtuais como reais. Tiña pensado escribir algo sobre a enésima liorta, rexistrada días antes, entre o Concello e a Deputación de Lugo polas obras na Rúa do Mercado de Guitiriz, unha desas pelexas que a min recórdame a eses vaqueiros que se retan a ver quen desenfunda antes. Pero naquel momento non din inserido o tema dentro da sucesión lóxica do texto. Días despois si que atopei o fío que non achara, e iso que era máis que evidente: un dos protagonistas, o alcalde de Guitiriz, é todo un experto en mortos, como propietario dunha funeraria. Dende logo, foi un claro lapsus memoriae.

Quarks, Álvarez Vázquez e demais

Xoves, 31 de Xullo, 2008

Iso dos comunicados oficiais dos gabinetes de prensa é un mundo fascinante. Por exemplo, onte, mércores 30, chegou un a este xornal que foi inmediatamente anulado, a petición do remitente. Foi moi curioso: ía do mesmo tema de fondo, pero o primeiro comunicado era agresivo e o segundo, non. Que pasaría polo camiño?

Ese referíase a Galicia. Hai unhas semanas, chegounos outro, relativo a Lugo cidade, que tamén nos pediron que se anulara, pero desta vez non houbo substituto. O curioso é que anunciaba algo, unha liorta entre institucións, que ía pasar xusto dous días despois.

Pero os mellores son os que teñen erratas (ou erritas, como poñía aquel memorable libro que terminaba con “Este libro no contiene erritas”). Encántame un que mandou un Concello o pasado maio, que anunciaba uns actos co gallo de que o Día das Letras Galegas estaba dedicado a un tal Álvarez VÁZQUEZ. Non sei que pensaría o fillo de Álvarez BLÁZQUEZ de ter lido isto.

Pero o que máis me gusta é esta que chegou hai uns meses. É un fax que demostra o moito que avanzou Lugo. Mesmo temos circuítos de quarks! Algúns, preocupados polo atraso en infraestruturas, e outros, creando aceleradores de partículas.

Erro nun comunicado