Posts etiquetados ‘Electuras’

Electuras – A medalla

Martes, 16 de Xuño, 2015

Os novos alcaldes, nomeadamente os das mareas cidadás de Santiago e A Coruña, abriron un lindo debate sobre o laicismo a conta da ofrenda a Xesús Sacramentado das capitais do antigo Reino de Galicia, que se celebra cada infraoitava (palabra que só debe de ser familiar para os de Lugo, e non todos) de Corpus. Como Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, respectivamente, teñen procedencias nacionalistas, procuramos no arquivo a ver se tiñamos foto dalgún alcalde bloqueiro que fixera a ofrenda. E si: tocoulle ao predecesor de Elena Candia, Orlando González, no ano 2010. É, con todo, un debate que me gusta: o voto diante desa hostia en permanente exposición é tradición histórica ou é relixión? Un alcalde ten que manter as súas crenzas ou debe mirar polas dos que non pensan como el?

Ese debate seica se abriu tamén cando o primeiro goberno de López Orozco (1999-2003) e os membros nacionalistas daquel produtivo executivo decidiron antepoñer o carácter institucional da súa función. Así, era doado ver á primeira tenente de alcalde, Branca Rodríguez Pazos, e ao responsable de economía, Fernando Blanco, asistindo a todo canto oficio relixioso fose ineludible acudir, que en Lugo hai uns cantos. Os xornalistas chanceabamos, porque había momentos en que neste tipo de actos (San Froilán, o Corpus, a ofrenda, San Roque, Semana Santa…) había máis representantes do PSOE e do BNG que do PP. O domingo pasado ocorreu exactamente o contrario: do PP foron todos e do PSOE, tres ou catro. Nunha desas, nos soportais do concello, recordo a Fernando Blanco aclarándonos os xornalistas, sen que llo pedíramos, que el estaba alí “como representante do Concello e de todos os lucenses”, como testemuñaba, sinalou, a medalla municipal que aínda levaba no pescozo. Nun pleno da Deputación, Cacharro rira algunha vez diante de Blanco coa presunta querenza dos nacionalistas “polos símbolos, as medallas, as bandeiras e esas cousas”.

Dicía que estivemos a buscar fotos de alcaldes bloqueiros renovando este voto secular sen problemas. Pero o mellor foi que na procura apareceu esta foto impagable, dunha das dúas ofrendas (2001 e 2008) que fixo o último alcalde de Santiago que a presentou, Xosé Sánchez Bugallo. O daquela rexedor santiagués é o segundo pola dereita nesta imaxe do 23 de xuño de 2001, entre López Orozco e Branca Rodríguez Pazos. Despois de Fernando Blanco intúense ao finado Marcos Cela, o devandito Cacharro, Xosé Piñeiro e a Xaime Castiñeira. E quen é o que está entre os dous ‘brancos’ do BNG e mira para a súa dereita? Si: Francisco Fernández Liñares. Que tempos.

Electuras – A colleita do 99

Domingo, 14 de Xuño, 2015

As eleccións municipais de 1999 depararon en Galicia uns resultados moi transcendentes, no sentido de que transcenderon o seu tempo. Naqueles tempos do fraguismo (aínda faltaban seis anos para o bipartito) e do aznarismo (aínda faltaban catro para o zapaterismo), cidades aparentemente tan rancias (por conservadoras) como Lugo ou Pontevedra tiñan gobernos de esquerda. O BNG facíase co poder en Vigo, o PSOE mantiña Santiago e, por suposto, A Coruña, e recuperaba Ferrol, de tal xeito que Ourense (Manuel Cabezas) era a única gran cidade galega nas mans do PP. Dende este sábado, o pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores queda como único representante daquela fornada de alcaldes das grandes cidades. O outro que quedaba, o lugués José López Orozco, renunciou esta semana. Aquelas corporacións, moi marcadas por a cultura dos pactos, foron moi produtivas e, xa digo, transcenderon no tempo. Delas saíron xente como, entre outros, un conselleiro de Industria (o lugués Fernando Blanco) ou, indirectamente, a primeira alcaldesa de Lugo, ou un secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Este aspira a ser o próximo presidente da Xunta… se non llo impide a colleita deste 2015.

Electuras – Clave local?

Sábado, 13 de Xuño, 2015

Semella que hai catro anos se castigou ao PSOE polas políticas erráticas de Rodríguez Zapatero, mentres que neste 24-M o castigado parece ser o PP polas súas políticas de axuste (e o PSOE e os partidos ‘da Casta’). Iso é que se pode deducir dos resultados, e iso me leva a cuestionarme algo que parecía un axioma electoral: ¿Pero non quedaramos en que as eleccións municipais sempre se fan en clave local? Pois parece que non sempre é así.
Si se pode facer unha lectura local no ocorrido nas dúas maiores cidades de España, e, se me apuran, mesmo na de Galicia (disque en Vigo Caballero arrasou pola súa política de proximidade e humanización de inhóspitos recantos esquecidos). E é que os resultados de Madrid e, sobre todo, Barcelona demostran que non sempre o que lle importa á xente normal é a última elucubración mental dun partido, senón as cousas do día a día: non a independencia, senón a axuda social; non o soberanismo, senón o reinvestimento do gasto superfluo. Aínda que, e aí hai un paradoxo, moitas das cousas que queren arranxar as mareas cidadás non entran na súa competencia.

Sexa o que sexa, as corporacións locais que están a tomar posesión nestes intres ou que xa o fixeron vanos dar catro anos que, posiblemente, serán apaixonantes. Sorte a todos os alcaldes.

Electuras – O polipartito

Venres, 12 de Xuño, 2015

Os resultados electorais do 24-M van obrigar a pactos moi concorridos. Ata agora, o que abundaban eran os bipartitos, pero agora hai que subir a cifra: tres, catro… Vai haber corporacións nas que vai ter que haber moita esquerda: Foz, Sarria… Caso peculiar é o de Tui. Nesta cidade, con 13.600 electores, presentáronse oito candidaturas. En Lugo capital foron unha lista máis, para 81.336 censados (seis veces máis). E na capital provincial dos tudenses, Pontevedra, tamén foron oito listas, pero para 67.816 electores (cinco veces máis).

Pero o sorprendente do caso, o que fai único ao meu concello natal, é que as oito candidaturas de Tui lograron representación. A máis votada, o PP, conseguiu catro dos dezasete concelleiros (tiña nove), o que abriu a posibilidade dun pacto de todos contra Fernández Rocha (o discutido cabeza de lista do PP ten os mesmos apelidos que o de Lugonovo) que lle vai dar a alcaldía a Enrique Cabaleiro González, do PSOE, con tres edís. Non haberá polipartito, porque non todos entrarán no goberno, pero o apoio na sesión de investidura seica vai ser moi multicor.

Electuras – Insultos ou sacrificio

Xoves, 11 de Xuño, 2015

Volvendo ao tema dos recheos de hai uns días, nestas eleccións houbo algunhas candidaturas que rozaron o insulto cara aos electores ou, se se quere suavizalo, que foron un xeito de mandar a alguén ao matadoiro no nome da causa: do partido, neste caso. O exemplo máis evidente é o de Vigo, onde o PP fixo desembarcar a unha conselleira de Facenda, Elena Muñoz, para intentar pelexar contra Abel Caballero. Se se pensa en gañar, e máis na cidade máis poboada de Galicia, non se pode improvisar unha cabeza de lista catro meses antes. Así que entre ese desdén, o poderío viguista de Caballero (que ás veces recórdame ao primeiro López Orozco, ese que ía casa por casa), a improvisación e algúns erros de vulto, non foi estraño a escandalosa malleira que o PSOE lle deu ao PP en Vigo. Os erros dos populares chegaron a tal extremo que a candidata chegouse a fotografar diante do Alfageme, o polémico barco co que varios grupos veciñais intentaron afundir a Caballero. Foi en van, evidentemente, e o pesqueiro segue alí, “precioso”, en palabras do segundo alcalde de Vigo que chega ao terceiro mandato na democracia.

Electuras – Dimitir, ese nome ruso que estes días si se conxuga

Martes, 2 de Xuño, 2015

O período que vai dende a noite electoral ata a constitución das corporacións locais é tradicionalmente o que máis dimisións concentra en España, e iso que aquí, como titulou unha vez o meu gran homónimo Lugilde, semella que Dimitir é un nome ruso. Xa caeron, polo menos, os alcaldes saíntes de Muras, Monterroso e Alfoz. Claro: non é fácil aguantar dende a oposición vendo como revisan o teu labor e te reprenden por el. Hai excepcións, claro: Regina Polín (PSOE) pasou da alcaldía á oposición en Guitiriz sen problemas, e o mesmo fixo José Antonio García en Sarria. Os dous, por certo, recuperaron despois a cadeira de mando. Tamén hai variedade entre os que perden unha e outra vez: a mindoniense Elena Candia, corredora de fondo, sufriu dúas derrotas antes da súa vitoria do 24-M. E queda a dúbida de que vai pasar, se os pactos non lle dan a alcaldía, co popular Jaime Castiñeira, que prometeu cesar… pero só se gobernaba (e non cumpría o seu contrato con Lugo). Os de Lugonovo, por certo, queren que se vaia canda un señor que entrou con el na corporación de Lugo o mesmo ano, 1999: José López Orozco.

Electuras – Elas

Luns, 1 de Xuño, 2015

O suplemento A Mariña destaca o martes 26 en portada as catro alcaldesas que depararon as eleccións: unha do PP, Elena Candia (Mondoñedo) e tres do PSOE: Rocío López (Lourenzá), Mayra García (Trabada) e María Loureiro (Viveiro), a única que xa o era. As catro son mozas, o que significan que teñen unha larga carreira política por diante; algunha tena tamén por detrás, como Candia, concelleira dende 2003 e alcaldable tres veces, ou Loureiro, que leva na corporación dende 2007, aínda que como man dereita de Melchor Roel.

Mayra García queda preto de bater o récord de precocidade en Lugo, que mantén Xosé Manuel Mato Díaz. Este home, do PP, chegou á alcaldía de Paradela con 25 anos e aí segue, 36 anos despois. É dicir: Mato xa era alcalde cando naceu García, cuxa vitoria foi unha das sorpresas da noite electoral.

As catro converten á Mariña na comarca con máis alcaldesas. Súmanse ás do Courel, O Incio, Triacastela e (previsiblemente) Guitiriz (esquezo algunha?), o que vai converter este mandato nun dos que máis mulleres verá nas cadeiras de mando. Non sei que é máis preocupante, que nos teñamos que alegrar por esta normalización ou que as alcaldesas sigan sendo noticia.

Electuras – En stand-by

Domingo, 31 de Maio, 2015

E de súpeto, desapareceron algúns políticos. Por exemplo, de López Orozco non se soubo nada dende a noite electoral ata que o xoves compareceu ante a prensa porque foi visitalo Jaime Castiñeira. O alcalde en funcións volveu aparecer o día seguinte, nun acto nesta casa. Ese estado de espera no que se instalaron moitos chegou mesmo ata algún organismo, que rebaixou o seu ritmo de produción de comunicados. Curiosos estes stand-by. Pregúntome se nalgures soará esa música intranscendente e coñazo que te poñen mentres agardas a que te pasen dunha centraliña a unha extensión telefónica.

Electuras – Pelexa frustrada

Sábado, 30 de Maio, 2015

Tantos ríos de tinta se verteron sobre o candidato do PP á presidencia da Deputación de Lugo e ao final os resultados convertérono nun debate inútil. Que se Elena Candia, que se Raquel Arias… mesmo o colega Ramudo chegou a insinuar unha terceira vía (que cadraba con Agustín Baamonde, deputado autonómico, exalcalde e concelleiro reelecto en Vilalba). E ao final, nada. Candia conseguiu unha axustada vitoria, despois dun demorado reconto, e logra á terceira a alcaldía de Mondoñedo, e Raquel Arias non tivo problemas para saír elixida na lista encabezada por Luis Fernández Guitián en Sober. Pero de nada valeu a loita, porque semella que (agás encontrón tremendo) se vai repetir sen problemas o pacto socialnacionalista para seguir co-mandando a Deputación de Lugo catro anos máis.

Agora a rumoroloxía asegura que Arias vai renunciar á acta no concello do que foi alcaldesa, para poderse seguir dedicando a dirixir a delegación da Xunta en Lugo. O ano que vén toca comicios autonómicos: volverá a haber movementos?

Electuras – Sarria, amantes de baile

Venres, 29 de Maio, 2015

Elección tras elección, os sarriaos están afeitos a corporacións complicadas e mandatos intranquilos, a vaivéns que poden ser sorprendentes, mesmo de persoa dubitativa. Foi irse do PP Arturo Corral Guitián, alcalde sempiterno, e comezou o baile. Fago memoria:

1999. Gaña o PP, pero goberna o PSOE (Claudio Garrido) co apoio do partido de Arturo Corral. É concelleiro de Urbanismo un recén chegado á política, José Antonio García López.

2003. Gaña o PSOE, pero goberna o PP (con García López) co sorprendente voto da nacionalista Sabela Caldas.

2007. Gaña o PP, pero goberna o PSOE (Claudio Garrido) cun tripartito.

2011. Maioría absoluta para o PP. Alcalde: outra vez José Antonio García.

2015. Haberá un goberno de polo menos tres partidos… ou non… ou vai ti saber!