Posts etiquetados ‘Eleccións’

Electuras – A colleita do 99

Domingo, 14 de Xuño, 2015

As eleccións municipais de 1999 depararon en Galicia uns resultados moi transcendentes, no sentido de que transcenderon o seu tempo. Naqueles tempos do fraguismo (aínda faltaban seis anos para o bipartito) e do aznarismo (aínda faltaban catro para o zapaterismo), cidades aparentemente tan rancias (por conservadoras) como Lugo ou Pontevedra tiñan gobernos de esquerda. O BNG facíase co poder en Vigo, o PSOE mantiña Santiago e, por suposto, A Coruña, e recuperaba Ferrol, de tal xeito que Ourense (Manuel Cabezas) era a única gran cidade galega nas mans do PP. Dende este sábado, o pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores queda como único representante daquela fornada de alcaldes das grandes cidades. O outro que quedaba, o lugués José López Orozco, renunciou esta semana. Aquelas corporacións, moi marcadas por a cultura dos pactos, foron moi produtivas e, xa digo, transcenderon no tempo. Delas saíron xente como, entre outros, un conselleiro de Industria (o lugués Fernando Blanco) ou, indirectamente, a primeira alcaldesa de Lugo, ou un secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Este aspira a ser o próximo presidente da Xunta… se non llo impide a colleita deste 2015.

Electuras – Clave local?

Sábado, 13 de Xuño, 2015

Semella que hai catro anos se castigou ao PSOE polas políticas erráticas de Rodríguez Zapatero, mentres que neste 24-M o castigado parece ser o PP polas súas políticas de axuste (e o PSOE e os partidos ‘da Casta’). Iso é que se pode deducir dos resultados, e iso me leva a cuestionarme algo que parecía un axioma electoral: ¿Pero non quedaramos en que as eleccións municipais sempre se fan en clave local? Pois parece que non sempre é así.
Si se pode facer unha lectura local no ocorrido nas dúas maiores cidades de España, e, se me apuran, mesmo na de Galicia (disque en Vigo Caballero arrasou pola súa política de proximidade e humanización de inhóspitos recantos esquecidos). E é que os resultados de Madrid e, sobre todo, Barcelona demostran que non sempre o que lle importa á xente normal é a última elucubración mental dun partido, senón as cousas do día a día: non a independencia, senón a axuda social; non o soberanismo, senón o reinvestimento do gasto superfluo. Aínda que, e aí hai un paradoxo, moitas das cousas que queren arranxar as mareas cidadás non entran na súa competencia.

Sexa o que sexa, as corporacións locais que están a tomar posesión nestes intres ou que xa o fixeron vanos dar catro anos que, posiblemente, serán apaixonantes. Sorte a todos os alcaldes.

Un prólogo de doce meses

Luns, 30 de Decembro, 2013


PARAFRASEANDO a Eugenio d’Ors, a estas alturas do ano, ou fas un resumo ou cho fan. Bo, tamén vale a variante dos prognósticos ou proxeccións. Estas últimas son máis divertidas, máis que nada se confías en que ninguén vaia ter a paciencia de comprobar dentro de doce meses se acertaches nos teus prognósticos. Nalgúns casos, é fácil, como neste 2014, que vai estar marcado polas citas coas urnas, tanto as que se celebrarán como as que non se sabe se chegarán a termo (a catalá). Todas, aínda que sexan en lugares tan afastados fisicamente como Escocia, terán certo impacto en Lugo e Galicia. Isto converte a este ano que empeza o mércores nun prólogo a un 2015 moito máis intenso, con citas electorais municipais e lexislativas.

SEGUE AQUÍ

Acal desde a prehistoria

Luns, 10 de Xuño, 2013


NON É HABITUAL que un alcalde se morra no exercicio do seu cargo e tampouco calquera político en xeral: o xogo democrático adoita levar aos partidos a ir relevando aos seus gobernantes, polo que se dan poucos casos de falecemento na poltrona. Na provincia de Lugo, antes do óbito, o pasado 26 de maio, de Francisco Acal Eiros, de Baleira, hai que remontarse a 2005, cando morreu o barreirense Luís Fraga, quen, á súa vez, relevara a outro falecido,Manuel Díaz, en 2002. A lista amplíase, se a memoria recente non me falla, con Eladio Basadre (o de Negueira de Muñiz, en 2003), Darío Díaz (O Corgo, 1995) e Antonio Varela (Antas de Ulla, 1998, creo).

SEGUE AQUÍ