Mil
Mércores, 10 de Xuño, 2015MIL é un número máxico, redondo, case perfecto. Nos Evanxeos danlle ese carácter ao sete, e non hai coñecemento de ningún ser humano que chegara a cumprilos: nin sequera o socorrido Matusalén, que non pasou dos 969 anos. Así que é normal que se faga festa cando algo chega a mil. Estes días, en Galicia estamos de celebración porque o Luar está a facer os mil programas. Case nada. Hai xente que cando naceu xa estaba O Gayoso na tele. Poderase detestar o programa, aborrecer a súa selección musical ou o que queiras, pero non se poderá negar a capacidade do Gayoso e o seu equipo para manter unhas cotas de audiencia que xa lle gustarían, por exemplo, aos programadores dos shows que perpetra TVE. Poderase odiar a O Gayoso, pero haberá que recoñecer a súa capacidade para conectar cun amplo segmento de poboación: Que pasa? É que os únicos programas de televisión válidos son os documentais de La 2? Aquí o único ‘milenario’ que pode competir con ‘Luar’ é o de Xavi, xogador que o sábado rozou os mil partidos entre o Barça e a selección española de fútbol, ou iso dicían na retransmisión da final. Pero tamén chega aos mil, títulos neste caso, a colección Visor de Poesía, si, a das portadas negras. O tema pasou inadvertido, agás na feira do libro de Madrid. Pero iso pasa por non saber promocionalo: se O Gayoso se pon, mañá sacamos unha canteira de poetas e facemos de Galicia o sitio onde máis poesía se le.