Posts etiquetados ‘Educación’

A botica

Martes, 22 de Marzo, 2016

ESTES DÍAS deume por pensar que este 2016, no que se cumpren 400 anos da morte do autor, é un bo momento para acometer dunha vez a lectura completa e (por primeira vez) dun tirón do Quijote. Creo que hai poucas obras, agás os dicionarios, das que teña lido tantas partes soltas. E é que a miña relación con el (e sospeito que a de parte da miña xeración) arrincou naquel colexio de EXB no que tiñamos unha actividade de lectura que consistía en ler, marcando co dedo cada liña, as andanzas de Alonso Quijano e Sancho Panza. Na Secundaria (daquela, BUP) tamén apareceu bastante, e desa época é o primeiro Quijote que teño na casa, o daquela mítica edición de letra apertada da colección Austral. Despois chegaron á miña biblioteca outras edicións, entre elas unha moi linda desta casa (e non o digo por facer a pelota), e a voluminosa de Francisco Rico en dous tomos, un deles para as notas e o aparello crítico. De pequeno, para min Cervantes só era o nome dunha rúa de Vigo na que podías comprar pan fresco os domingos de finais dos sesenta. Despois, cheguei vivir noutra Rúa Miguel de Cervantes. O escritor alcalaíno dáballe nome a unha libraría na que fixen bastantes compras: a última, a dunha Biblia, outra obra que lin a cachos. Este outono descubrín que no seu lugar hai unha parafarmacia, que mantén o apelido do escritor. Non sei que pensaría don Miguel desta transmigración dende a cultura á saúde.

Ese asunto que a todos afecta

Luns, 11 de Novembro, 2013



ESTE CURSO (o escolar) empezou movido. Quizá sexa consecuencia da Crise, que todo o trastorna e que é o paraugas baixo o que se protexen os gobernos para xustificar, por exemplo, o enésimo cambio dunha lei educativa. Este ano, visto desde Lugo, comezamos o curso co batifondo das bolsas, logo seguimos coa nova lei educativa, continuamos coas sentenzas sobre o galego, tivemos varios problemas cos comedores escolares, as universidades puxeron o berro no ceo polos recortes e esta semana o ministro que algunha vez foi deputado pola Coruña, José Ignacio Wert, montábaa definitivamente co seu anuncio (¿globo sonda? ¿chapuza?) sobre as bolsas Erasmus. E ata tivemos unha folga de pais e profesores, en comandita cos alumnos.

SEGUE AQUÍ

Lembranzas

Mércores, 27 de Xaneiro, 2010

Disque a Laura Sánchez Piñón, a socialista conselleira de Educación no bipartito, non lle fai moita graza falar da súa etapa neste departamento da Xunta. Será para evitar que, nestes tempos educativamente revoltos, iso inflúa na súa candidatura a reitora da Universidade de Santiago. Sería, por certo, tamén a primeira vez que o máis alto cargo da USC recae en alguén do segundo campus desta universidade, o de Lugo.

Co veo a outra parte

Martes, 27 de Outubro, 2009

O pai da rapaza que conseguiu que lle autorizaran a ir a clase con hiyab en Lugo asegura que o seu instituto lle queda lonxe, porque a familia cambiou de domicilio. E anuncia que vai pedir o traslado. Haberá xa algún instituto de Lugo tremendo polo anuncio?

Debido a este tema, estes días témoslle dado varias voltas ao arquivo fotográfico na procura de imaxes de persoas con pano islámico en Lugo. E é curioso: agás algunhas imaxes de 2001, a maioría son fotos de homes.

Os libros na oposición

Xoves, 30 de Xullo, 2009

Un amigo, xefe de prensa, tiña no seu despacho un cartel no que poñía Os políticos nunca superarán a proba das hemerotecas. A miña memoria recórdame estes días que a polémica sobre a gratuidade dos libros de texto tamén marcou o comezo da anterior lexislatura galega, a do bipartito, e voume á hemeroteca. Daquela, as posicións dos tres partidos principais eran diferentes, e a do PP era defendida por unha luguesa, Manuela López Besteiro.

A deputada lucense fartouse de repetir que a gratuidade dos libros de texto era unha “operación de márketing” e “de imaxe” do bipartito, ademais de salientar que a proposta xa partira da Administración Fraga. O 4 de setembro de 2005, El Progreso recolle a súa preocupación pola “falta de referencia do presidente da Xunta ao programa de gratuidade dos libros de texto”. Alí, a parlamentaria salienta que o obxectivo do último Goberno de Fraga era acadar no ano 2007 “a gratuidade total dos libros de texto de ensino obrigatorio”.

Oito días despois, López Besteiro, daquela voceira de Educación do PPdeG no Parlamento galego, acusou á Xunta de “enganar” ás familias e “non cumprir coas súas promesas, posto que non garantiza a gratuidade dos libros de texto e os pais terán que aboar entre 53 e 65 euros por cada alumno de Primaria”. O 8 de xullo de 2006, a parlamentaria defendía o plan pero consideraba que “xeralizar a gratuidade foi unha medida máis de imaxe que de realidade”.

Abofé que dan xogo as hemerotecas.

Que difícil é atopar un inspector

Martes, 2 de Xuño, 2009

Contaba na crónica deste domingo que un dos postos que más complicado está resultando de cubrir na estrutura provincial da Xunta en Lugo é o de inspector xefe de Educación (hai que aclarar a consellería, xa que tamén existe este cargo, por exemplo, na área de Transportes). Houbo xa varios ofrecementos, pero por agora ninguén aceptou. Mesmo llo ofreceron a un dos delegados provinciais da Consellería de Educación nos tempos de Manuel Fraga, pero declinou a oferta.

No fraguismo, os inspectores tiveron moito peso na política luguesa, tanto na educativa como na xeral: eran inspectores o último conselleiro, Celso Currás, e tamén os dous últimos delegados provinciais, Pablo González Moreiras (que despois foi o último director xeral de Política Lingüística de Fraga) e Xaime Santoalla. Non recordo se o predecesor do primeiro, Ángel Fernández, tamén era inspector. E do gremio era, claro, o home que máis mandaba en Lugo, Francisco Cacharro, presidente da Deputación Provincial.

Na Deputación, á fronte da área de Infraestruturas, está agora un dos inspectores que máis rebumbio armou co seu nomeamento, Manuel Martínez, quen conseguiu a praza dun xeito que lle valeu varias críticas de parte do PP. Supoño que este socialista, alcalde de Becerreá, é un dos que non encaixa no perfil da persoa que están a buscar para inspector xefe. Ao final, é probable que siga sendo Federico (non din atopado o apelido), o actual, un home que ten tido varias discrepancias con algún alcalde da Montaña.

A primeira foto, cun do BNG

Sábado, 25 de Abril, 2009

Fernando Suárez e Jesús Vázquez, en Ribadeo, o 22 de abril (Foto: José Mª Álvez)

Iso de que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez (xuro que o domingo pensei que era o presidente da federación veciñal de Lugo, que creo que ten algún vencello co mundo educativo), fixera a súa primeira visita oficial (polo menos en Lugo) a un concello gobernado polo BNG (Ribadeo) é moi significativo. Por certo, xa se decataron de que o departamento responsable da educación e da política lingüística segue a estar nas mans dunha persoa da Galicia interior?