Posts etiquetados ‘economía’

Lugo atrásase dez anos

Mércores, 30 de Abril, 2014

A UNDÉCIMA empresa con sede en Lugo que máis facturou no ano 2010 era Laboratorios Nupel, xa entón en concurso de acredores. Así o recolle o informe Ardán de 2012 (sempre vai con dous anos de demora). Hai dez anos, a empresa que deu a coñecer a Jorge Dorribo, antes de que lo levase por diante a operación Campión, ocupaba o posto 13 na listaxe. No 2004 recoñecía unha facturación de 41 millóns; no 2010, de case 51. No último informe publicado, o referido a 2012, tal empresa xa non aparece entre as primeiras cincuenta. A desaparición é rechamante, sobre todo polo seu transfondo xudicial, pero non é nin moito menos a única.

SEGUE AQUÍ

Caixa Breogán?

Venres, 23 de Xullo, 2010

Este venres vanse divulgar os exames de fortaleza (stress test) das caixas e os bancos españois. Estarán, por suposto, as dúas galegas, que a este exame estanse presentando xuntas, sumando datos que por agora van por separado. O curioso é o nome que elixiron para presentarse e que a moitos nos pasou inadvertido: Breogán. Non teño moi claro, porque as crónicas non o din, se se trata de Caixa Breogán ou Breogán a secas.

Leo por aí que a denominación foi elixida polo Banco de España, igual que chaman Júpiter á entidade que van formar Caja Madrid e Bancaja. Teño entendido que a denominación é un dos temas pendentes da fusión: igual convocan un concurso público, como fixera Caixanova para elixir o seu moebiusano logotipo.

O problema do nome Breogán, tan galego el, é que haberá inflación: non só o principal equipo de baloncesto de Lugo, senón tamén a nazón de Breogán (que bucólico!) que propoñen os socialistas agora (e antes os nacionalistas) para o futuro Estatuto galego.

E pregúntome: se as caixas elixen este nome, daranlle máis subvencións ao Breogán?

Pero é mellor que lle vaian buscando axiña un nome, porque xa hai chistes (escatolóxicos) na rúa.