Posts etiquetados ‘deporte’

Sentado

Martes, 26 de Abril, 2016

LUIS SUÁREZ, goleador do Barcelona e agora mesmo Pichichi da Liga española, confesou hai un mes, na televisión uruguaia, que el na casa ouriña sentado (no minuto 8 deste video). Semellante notición converteuse en motivo de comentario inmediato en certa prensa deportiva. Alí mesturaron as súas habilidades dentais (foi sancionado varias veces por trabar os seus rivais, a última catro meses), os seus alcumes (El Pistolero, El Conejo) e fixéronse chanzas sobre un home que “Morder, morde, pero facendo pis é unha señorita” (título nunha web arxentina). É posible que mentres lemos comentarios como estes, no noso WhatsApp estea entrando algún chiste sobre a pouca puntería dos homes cando ouriñan. É curioso, porque todos, nenos e nenas, aprendemos a facer as nosas necesidades sentados. Pasando o tempo, o habitual é que eles o fagan de pé e elas, sentadas, aínda que as nosas constitucións corporais non impiden que sexa ao revés. Pero seica no fútbol masculino, ese deporte tan viril no que o terreo de xogo remata cheo de cuspidelas e onde algúns xogadores celebran os seus goles con ereccións incluídas (abonda con ver as fotos, sen necesidade de fixarse moito), só vale facer gala de ser un home á vella usanza. Igual no fondo o problema é ese: non está ben visto ser diferente. Suárez explica que fai augas sentado por unha cuestión de hixiene e limpeza, pensando nos seus nenos. Nótase que quen se ri del nunca limpou un baño.

A aventura

Martes, 12 de Xaneiro, 2016

Logo DakarEN TEMPOS, a principal actividade deportiva que podías ver na tele durante as vacacións escolares de Nadal, Liga de fútbol á parte, era o torneo do Real Madrid de baloncesto. Daquela, chamábame a atención que os deportistas se prestaran a pasar fóra da casa unhas datas nas que o normal, polo menos na miña contorna, era vir mesmo de moi lonxe para pasar as festas en familia. Despois, chegou o París-Dakar, competición que arrincaba cando medio planeta estaba de festa celebrando o cambio de ano. Aquela carreira levaba aos medios de comunicación unha serie de topónimos evocadores: Teneré, Tamanrasset, Niamey… E mirabas con admiración inocente a aqueles pilotos que se metían sós nunha aventura que tiña moito de loucura. Máis tarde viñeron as ameazas de Al Qaeda e os nomes que fan soñar cambiaron, porque a proba saltou a outro continente: Uyuni, Jujuy, mesmo hai un Belén… Pero seguen sendo o mesmo tipo de tolos entregados á aventura por carreiros onde, se cadra, non volverá pasar outro vehículo de motor ata dentro dun ano. É unha (admito que envexable) simple aventura… con GPS, camións con comida para sesenta rexementos, equipos de apoio con máis mecánicos que habitantes teñen algunhas aldeas… Si, logo din que os organizadores desta caravana dan axudas para as comunidades indíxenas, pero che queda un gusto agridoce, como se viras pasar unha expedición de tanques polas ladeiras do Mustallar…

Patrocinios

Martes, 24 de Maio, 2011

CANDO empecei a ver baloncesto na tele, houbo un tempo en que pensei que Dino Meneghin, lendario pívot italiano, era un cu inquedo, que cambiaba de equipo cada ano (como o futbolista Vieri), pero despois descubrín que os que cambiaban eran os nomes dos seus equipos, agás a selección, claro. No deporte da canastra europeo é moi habitual isto dos cambios de denominación, obrigados polos patrocinios. Só os equipos grandes logran manter por diante o seu nome de sempre: Barcelona, Real Madrid, Joventut… E cando ves que un club pequeno non leva unha denominación publicitaria, é que a cousa vaille mal. Tamén ocorre con outros deportes de equipo, ás veces anualmente, co cal, se non es un experto, pensas que cada ano cambian completamente as respectivas divisións. No fútbol hai igualmente patrocinios, pero están menos publicitados. E mentres en baloncesto podemos ler como se enfrontan dúas caixas (Laboral e Unicaja, por exemplo) ou unha empresa láctea e outra de buses (si, esas nas que están pensando), no fútbol ninguén fala do enfrontamento entre un Clesa vallecano e varios destes entes de aforro, Cajasur, CAI, Cajacanarias (todos en Segunda), nin da inimaxinable colisión dun teatro romano (Cartaxena) contra un aeroporto (Villarreal B). Seguindo con este fío, o ano que vén non poderemos ver en Primeira, por desgraza, se á cervexa (Dépor) lle senta ben a comida rápida (Getafe), e a ver se, cun ascenso polo medio, vemos un choque de coches, entre Citroën e Kia; senón, seguirémonos resignando, por exemplo, aos partidos entre un fondo catarí e unha casa de apostas.

Sexo e fútbol

Sábado, 25 de Xullo, 2009

Equipación do CD Lugo para a tempada 2009-2010 (Foto: J. Vázquez)

Jorge Dorribo está, paseniño, a converter a súa empresa, Laboratorios Nupel, nun referente en materia publicitaria, polo menos no eido deportivo. Patrocina o equipo de rallyes de Sergio Vallejo (Valeixo, en dialecto de Meira) e dende esta tempada tamén pon publicidade nas camisetas do CD Lugo dunha das marcas que comercializa: os preservativos Profilatex. Ten o seu punto este anuncio: é como se lles estivera a dicir aos seareiros do Lugo que, se celebran as vitorias por todo o alto, o fagan con precaución. Seguro que a algún afeccionado non lle importa gastar o soldo en preservativos se iso significa que o club vai ben. O importante é non incorrer en penaltis.

Augas bravas

Xoves, 23 de Outubro, 2008

Tito ValledorPublicaba este mércores El Progreso unha entrevista con Modesto Teijeiro Valledor, máis coñecido como Tito Valledor, quen despois de anos de éxito na práctica do piragüismo embarcouse hai dous anos na presidencia da federación galega. Anda o home un pouco desilusionado, e iso que vén de superar unha moción de censura. Como cuestión colateral, botou da federación ao xerente, José Paredes, home ao que moitos consideraban un dos mellores coñecedores do piragüismo galego. Por certo, na web da Fegapi (redeseñada non hai moito por unha empresa luguesa) este xoves aínda figuraba o destituído como xerente.

Foi un auténtico pulso entre Tito e os seus e outro poderoso grupo, aínda con menos votos, que presentou a José Ramón Vázquez como candidato alternativo.

De tódolos xeitos, disque isto é só un alto no camiño, porque as liortas volverán: algún club poderoso de Pontevedra, onde tachan de ”presidencialista” a Valledor, non quedou moi contento nin co resultado da asemblea extraordinaria nin coa destitución de Paredes. Ou sexa, que as augas baixan bravas no piragüismo galego. Mostra do que digo é o que se pode ler en foros de internet como este ou este, que teñen lincada a nosa entrevista.

A asesoría de Deportes

Luns, 1 de Outubro, 2007

Pouco a pouco, vai tomando forma a fontanería do grupo do BNG na Deputación de Lugo; ou sexa, iso que tecnicamente se chama asesorías. Foron máis rápidos os do PSOE, pero, como son tantos deputados, aínda non teño a lista completa socialista. Que conste que nin os nomeamentos duns nin os dos outros saíron aínda no Boletín Oficial da Provincia. Pero todo se andará.

Hoxe chegou a San Marcos Vítor Otero Vázquez, que vai ser o xefe de gabinete do vicepresidente primeiro, Xosé Antón Bao. Xa saben o que se di: o subordinado do xefe é o xefe dos subordinados. Un dato curioso: é home que ten antecedentes na Deputación.

En Cultura, xa leva tempo traballando unha das Abraira, Raquel, a quen dende hai tempo estamos a ver co pelo vermello. Ligada a Galiza Nova, é membro activo da AS-PG. Por certo, se hai algún cambio máis na representación luguesa do BNG no Parlamento galego, ela é unha das substitutas, despois de Xosé Chorén (unha aperta nestes momentos de dor).

As fichaxes de máis sona caen na órbita de María Xosé Vega Buján, pois trae a dúas persoas de fóra. Unha procede da Vicepresidencia da Xunta e vaise ocupar da área de servizos sociais. Chámase Susana e non sei se se apelida Quintas Gutiérrez ou Maceiras Pérez. A outra fichaxe é a dun membro do BNG de Ferrol, chamado Xaquín (tampouco coñezo o apelido), que se vai ocupar da área de turismo.

Pero a incorporación máis potente pode ser a do técnico de Deportes, o que vai asesorar a Antonio Veiga. Un home que ten moitas opcións é, disque, Vicente Castro Reigosa, concelleiro de Deportes de Ribadeo, aínda que hoxe un bo amigo contoume que un nome que empeza a gañar puntos é o de Eduardo Fernández Abel, actualmente xefe provincial de Deportes, da Consellería de Cultura. Esta si que sería unha fichaxe de sona.