Posts etiquetados ‘debates’

15. A medición do público

Venres, 27 de Febreiro, 2009

A CAMPAÑA vai pechar en Lugo cun clásico: un mitin de Manuel Fraga, que sempre é benvido por estas terras. Nesta ocasión, o PP utilizou pouco ao ex presidente, que no primeiro acto seu na campaña, en Portomarín, sinalou que “un xa ten certa idade”. Hai catro anos, populares e socialistas rivalizaran en mobilización popular, porque os dous empregaran o mesmo escenario na cidade de Lugo, o pavillón municipal de deportes. Quedaran en táboas, cunha lixeira vantaxe para Don Manuel. Desta, a comparación é difícil. O PSOE usou o pavillón, pero antes da campaña; o BNG, tamén, pero desta leva un escenario que ocupa moitísimo, e o PP aínda está por ver.

Con todo, comparar afluencia é unha cousa un pouco falsa cando se trata de partidos políticos. No mitin de Zapatero do 2005 (ao do pasado día 1 non fun) había xente de Santiago e das Rías Baixas, o que demostra que, no fondo, que se encha ou non un pavillón para un mitin central non é tanto cousa da simpatía que espertan os oradores como da capacidade de mobilización dos empregados do partido. Está claro que, por exemplo, o acto de Pérez Touriño o mércores cos xubilados en Lugo estaba cheo de xente próxima ao PSOE. Que sería dos partidos se non houbera xente carretando espectadores para os seus mitins? Nesta campaña, onde na rúa se apreciaba (vouno escribir en pasado) tanto desinterese, corríase o risco de ver aos candidatos falando para un mar de cadeiras baleiras.

Debates

Telelugo emitiu onte o segundo debate electoral da campaña. Foi a tres bandas, como o primeiro. Os tres cabezas de lista de Lugo debateron, que eu recorde, tres veces dende o día 13, e onte, se chegan a estar os candidatos do PP e o PSOE, tería sido a cuarta. Tamén estes días houbo un debate múltiple, televisado, nas eleccións vascas. Aquí debaten os segundos espadas pero non os primeiros, que prefiren agredirse en guerriñas tipo “e ti máis”.

Informais

Na campaña do 2005, Anxo Quintana sorprendíanos cada día cunha foto electoral que se saía do normal: nun barco con Bugallo (que foi dela?), ao pé dun carballo centenario de Soutomerille, cabo dunha gandeira de Lugo… Desta, o especialista nestas fotos curiosas ou informais é o seu número un por Lugo, Fernando Blanco. Aínda que tampouco se están a prodigar moito os candidatos, e mira que o tempo seco parecía que podía axudar.