Posts etiquetados ‘De re varia’

O divorcio

Martes, 28 de Xuño, 2016

HAI COUSAS que un asume porque si. Eu nunca organicei un referendo comigo mesmo para saber se son europeísta ou eurófobo; son máis do primeiro, aínda que supoño que é consecuencia do lugar de nacemento. Iso de poder ir visitar ao veciño sen ter que superar o pesado trámite de cambiar pesetas por escudos agradécese, como se agradece non perder media hora nunha remota alfándega do Xurés mostrando o maleteiro do teu coche. Supoño que un español do Baixo Miño non pensa igual que un británico de Boston, nas Midlands. Era parte do encanto desta UE que quedou tocada pola vitoria do Brexit: alí xuntábase xente que non se parecía en nada e á que non lle importaba sacarlle punta aos defectos dos demais (o típico nas familias). Nada máis chegar ás Illas xa detectabas as diferenzas mais visibles: os horarios, ese xeito de conducir… e (permítanme a chanza) o ben que falan inglés! Eramos como eses primos terceiros ou cuartos que saben que teñen algo en común, pero tampouco se matan por coidalo. Agora virán outros curmáns, dicindo que se aqueles van ter xoguete propio, eles tamén queren. Eu xa medio asustei aos meus pais: como hai un socio menos, ameacei, vai haber menos cartos para as pensións. E o Ave galego, nin de coña: xa o dicía Ciudadanos. Pero isto penso que vai para largo, aínda que descoñezo cantas tempadas ten previstas o guionista deste dramón familiar: é o que pasa con algúns divorcios.

(Na imaxe, a fronteira entre España e Portugal na ponte internacional de ferro de Tui)

Testar

Martes, 21 de Xuño, 2016



HAI QUEN cre que facer testamento é como chamar á morte. Convencido, retarda o labor ata que non queda máis remedio ou morre sen testar. No outro extremo están os precavidos, os que poñen todo en orde moito antes: por exemplo, cando nacen os fillos. Supoño que para os primeiros podería encargarse algún estudo que demostrara que testar non acelera a morte (agás, quizais, nos culebróns), pero as supersticións son resistentes á lóxica. En liñas xerais, redactar testamento é como facer un compendio da túa vida, no que marcas o máis valioso, o que queres que pase aos que te van sobrevivir. Claro que ás veces iso é deprimente: tras anos vivindo, miras en derredor e descobres que o único de valor que tes é, posiblemente, unha casa e uns cartos. Aquela figuriña, aquel cadro, aqueles libros aos que tanto cariño tes, mesmo aquela cara antigüidade, non valen ren. Tamén te podes decatar de que esas cousas que gardas como ouro en pano (quizais un reloxo caro, unha pluma ou calquera chorrada así) e que preservabas de mans descoidadas van acabar ou nesas mesmas ou noutras mans descoidadas. Tantos anos atesourando cousas e… De todos xeitos, agás se pensas reencarnarte ou resucitar, tería que darche igual: ti non vas estar para ver o que fan co teu legado. Iso é bo argumento para facer testamentos explosivos: total, tampouco vas oír as maldicións que van lanzar sobre ti os teus herdeiros. Por sorte.

(Na imaxe, o Gran Torino de 1972 que dá título á película de Clint Eastwood de 2008, onde hai un exemplo de testamento inesperado)

S. Antonio

Martes, 14 de Xuño, 2016

HAI SANTOS máis populares que outros. Este luns celebramos un deles, San Antonio. Este é deses  que adquire nome diferente segundo o sitio. Na meirande parte da cristiandade asóciano á cidade italiana na que morreu, Padua. En Portugal recórdano polo sitio no que naceu: Santo António de Lisboa. E en Madrid asóciano á Florida, o barrio da cidade no que está a ermida á que van as rapazas casadeiras a buscar mozo. É curioso que Madrid, unha cidade supostamente tan adiantada (todo o mundo pensa que canto máis grande é un sitio, é socialmente máis avanzado e progresista), conserve tradicións tan antigas como esas. Claro que a festa grande de Madrid (15 de maio, San Cidre) está adicada ao patrón dos labregos, profesión da que xa case non quedan practicantes nesa vila de 3,1 millóns de habitantes. O que pasa é que dá igual: a partir de certo tamaño, téndese a esquecer a quen vai dedicada a festa, mesmo se tende a postergar a súa orixe relixiosa, daqueles tempos en que o mundo era maioritariamente incomprensible e a xente de a pé pensaba que as cousas ocorrían por causas divinas ou máxicas (creo que agora estamos volvendo a iso, vía internet). Penso se haberá moitos vigueses que saiban que vitoria dá nome ao Cristo da Vitoria, ou cantos santiagueses confundirán Ascensión (as súas festas de primavera) con Asunción, ou quen era ese San Froilán (venerado, como San Antonio, tanto onde naceu como onde morreu) que enche Lugo de troula en outubro. Son todos santos católicos, pero non creo que a Igrexa considere un éxito que todo o mundo honre aos seus santos sen telos presentes.

Centenarios

Martes, 7 de Xuño, 2016

UN RECONTO de esquelas dun xornal fíxome descubrir hai pouco que na miña aldea natal morreran en tres días dúas persoas de máis de cen anos (101 e 103). Dous centenarios (dos 1.400 de Galicia) non é mala porcentaxe para unha parroquia de 857 habitantes. Sober supéranos, aclaro. Da miña aldea tamén era Palmira, que morreu en 2011, catro meses antes de chegar aos 109. Un ve eses datos, primeiro fai unha broma (ameazar a alguén con vivirlle sempre) e despois pensa se a súa aldea ten algo especial, que fai que a xente viva máis. É unha das grandes cuestións da ciencia actual, e máis cando os avances científicos e, en especial, médicos fan que sexa doado acadar idades provectas. O ‘xornalismo de centenarios’ é todo un clásico das redaccións. Aos xornalistas gústanos preguntarlles aos que pasan esa barreira cales son as súas rutinas, que tal o levan de saúde… se beben ou se dan a algún vicio en especial. Esta última pregunta é a que explica que moitas veces destaquemos aquilo de que alguén chegou aos cen e aínda segue bebendo unha fechiña de augardente tódolos días despois de botar a partida. Eu entrevistara a un centenario de Baleira. Pregunteille que había que facer para vivir tanto e contestoume, tallante: “Non morrer”. Palmira, a miña veciña que quedara ás portas dos 109, dicía que o truco era traballar moito (algo no que coinciden todos), comer san e non perder unha festa. Vai ser iso.

ADENDA

Citei a Sober na edición impresa porque é un dos concellos que máis publicita os seus centenarios. Pero está moi lonxe de ser o que máis centenarios ten, xa non só en Galicia, senón mesmo en Lugo. Os concellos coa meirande porcentaxe de persoas con cen o máis anos son, por esta orde, o lugués O Courel e o ourensán Lobeira (o 0,37 por cento da poboación), seguidos de Boborás e Gomesende (0,36), A Pobra do Brollón (0,33), Entrimo, Sarreaus, Beariz, O Incio e Pantón, todos eles con porcentaxes por riba do 0,3. A de Sober é do 0,21.

Noctámbulos

Martes, 31 de Maio, 2016


AOS GOBERNOS dámoslles dereito a que poñan orde en certas actividades e costumes privados: o consumo de sal ou graxas, o tabaquismo, o alcoholismo… Unha das últimas teimas, polo menos en España, son os horarios: hai unha campaña para que deixemos de trasnoitar, e mesmo algún candidato (Rajoy) propuxo cambiar o noso actual fuso horario, unha herdanza do franquismo, para adaptarnos aos costumes europeos. Pero logo chegan organizacións amparadas (teoricamente) polo Estado e poñen unha final de Copa do Rei ás nove e media da noite dun domingo. Aínda sen penaltis, a cita rematou na madrugada do luns, que é, supostamente, día laborable. Contrasta isto co ocorrido á semana seguinte, cando o fútbol europeo organizou a súa gran festa anual (a final da Champions) para as nove menos cuarto dun sábado, véspera dun día maioritariamente non laborable. Os españois temos a sona de que somos os que mellor improvisamos (iso dixeron na Conferencia de Paz de 1991), e haberá que adxudicarnos a de que somos os que mellor levamos as olleiras. Vainos a marcha, e gústanos crear escola e que os nosos herdeiros empecen tamén desde pequenos a trasnoitar: abonda con ver a cantidade de nenos presentes nas celebracións da Copa e da Champions. Os fillos dos futbolistas poden deitarse máis tarde? Trasnoitar tamén é algo que exportamos: levámolo mesmo ás nosas excolonias americanas. Chega con oír nas radios estes días a Enrique Iglesias propoñendo (nunha canción pensada para América) bailar “ata as dez”, enténdese que da mañá. Que resistencia a nosa!

O retorno

Martes, 24 de Maio, 2016


CANDO A cadea Fox estreou ‘Expediente X’ o 10-S de 1993, un crítico de televisión dixo que era unha serie normaliña, pero auguroulle un gran éxito pola súa banda sonora. E o certo é que esa música que semella asubiada aínda permanece na nosa memoria auditiva e dende hai case un cuarto de século segue a ser sinónimo de programas de misterio ou cousas inexplicables. Pero ‘X-Files’, o seu título orixinal, distinguíase por máis cousas: era unha completa sistematización de teorías da conspiración, desas que percorren parte da historia recente da literatura estadounidense. E tamén era das primeiras series que exhibía autopsias con detalle en prime-time. E era, sobre todo, a serie de Mulder e Scully, que mesmo chegaron a marcar estilo á hora de vestir. Hai unhas semanas, estreouse unha mini tempada de seis capítulos, cos dous actores protagonistas de sempre, David Duchovny e Gillian Anderson. Seica estúdase continuala. Pero xa non vai ser o mesmo. As recreacións de vellas series (ultimamente, algo moi habitual nos debuxos animados) nunca son o mesmo: cambia a situación social, a moda, a tele, as comunicacións (aqueles teléfonos móbiles de 1993!), as relacións e mesmo os gustos dos espectadores. Iso si, conspiracións e cousas inexplicables (na política por exemplo) seguen a darse, e así nos programas de televisión poderemos seguir asubiando de cando en vez a inesquecible melodía de Mark Snow.

Sabios

Mércores, 18 de Maio, 2016

CANDO BAIXAMOS a Cuevas de San Marcos, hai agora un ano, pasamos pola nova Seseña, esa cidade pegada á autovía e feita con escuadro e cartabón, como as vilas do franquista Plan Badaxoz. Daquela non recordo ter visto ningún cemiterio de pneumáticos. Vino claramente estes días, nas noticias, mentres ardía. Foi queimarse e prenderse ese fogo cruzado tan español que consiste en culpar aos demais porque todo o mundo sabía que o vertedoiro era ilegal pero (case) ninguén fixo nada por eliminalo. Tampouco falta a queixa de sempre sobre a lentitude da administración, en especial a de Xustiza. Algún presidente do Poder Xudicial criticou hai anos que o noso sistema xurídico fose excesivamente garantista. Esa teima por velar para que ningún inocente vaia á cadea fai que os procesos xudiciais sexan tan lentos, aínda que é verdade que en España ás veces pasámonos de coidadosos e mesmo pachorrentos. No teatro gustamos de ver ‘12 homes sen piedade’, a historia dun xurado que comeza cunha condena a morte e que remata por declarar inocente ao reo, despois dunha intensa deliberación. Gustamos diso, e cremos que un xurado pode darlle a volta a un veredicto, pero tamén queremos xustizas inmediatas: se o vertedoiro é ilegal, hai que eliminalo no minuto seguinte, e non miramos se hai cartos ou medios para facelo. Queremos que pague o promotor, pero se este desaparece, non queremos que o faga o Concello. Todo á vez. O importante é sentenciar e non mirar máis aló: xa pensarán outros. Que marabilloso país este, no que en cada habitante hai un adestrador de fútbol, un médico e un xuíz!

(Na imaxe, unha roda tirada nun camiño de Penarrubia, en Lugo)

Árbores

Martes, 10 de Maio, 2016

GALICIA, ÁS veces, semella un país tropical; cando menos, máis morno do que di o tópico: penso nos cultivos de kiwis e, sobre todo, nas palmeiras. Disque é ‘culpa’ dos indianos, que as trouxeron dos países tropicais nos que fixeron fortuna. Pero acabaron por ser tan tipicamente galegas como un longueirón da ría (sexa cal sexa esta). Por iso, gástanse milleiros de euros en combater a praga do picudo, que está a acabar con elas sen misericordia. Velas caer, convertidas en lascas, e sentes como se asistiras á morte dun xigante, que as máis das veces é máis vello ca ti. No meu caso, a miña infancia non son recordos de limoeiros (aínda que os había na casa), como Machado, senón das dúas soberbias palmeiras do veciño, niño de tódolos paxaros da aldea na noitiña. En Galicia sempre hai unha árbore que lembrar: os carballos do campo da feira, os piñeiros do parque, a cerdeira allea na que facías incursións de mozo, os negrillos do fondo da Praza Maior, os salgueiros do río que pasa polo centro da vila ou os ameneiros que están morrendo na beira do Miño (ultimamente sucédense as noticias sobre pragas arboricidas)… En Xapón, sempre tan avanzados, están de moda os baños de bosque (shinrin-yoku) e en internet recomendan abrazar árbores, algo que por aquí levamos anos facendo. Eles, mentres, seguen aí, sen que lles fagamos máis caso que o imprescindible. Anda que se contaran o que saben de nós…

(Na imaxe, un carballo nunha rúa de Vigo e unha inscrición alusiva en latín)

A paxariña

Martes, 3 de Maio, 2016


ESTA FIN de semana vivín un momento de cabreo, ese que se produce cando as cousas non saen aínda que ti estás farto de facelas. Envolvín un regalo e quixen darlle unha nota de cor pegándolle unha paxariña de papel. Púxenme a facela… e non saía. Había tanto tempo, que xa perdera a práctica: eu, que en tempos amolaba á miña nai poñéndolle nos mobles familias numerosas de paxariñas de diferente tamaño, cor e constitución (papel). Despois de varios intentos frustrados e frustrantes, fixen o que se fai agora: mirar en internet. Apareceron milleiros de debuxos e vídeos… pero non era o mesmo. Aquelas non eran as miñas paxariñas de papel de toda a vida, as que facía Unamuno, as que argallaba Isabel, aquela compañeira de facultade (aos seus apuntamentos débolle a metade da miña licenciatura) que me introduciu no que aquí chamamos papiroflexia e os xaponeses (e os fatos de internet), origami. Cambiáranme as instrucións. Os meus dedos non recordaban como era, pero si que non recoñecían tantos pregues, nin esas arestas e sobrábanlle dobreces… Hai vídeos nos que a operación leva catro minutos, cando a min nunca me levou nin a metade. Decidín deixar que as cousas fluíran soas, como fas cando te atascas cunha palabra. E este luns, despois de ver unha imaxe incomprensible en Google, os meus dedos deron construído unha. Cando tirei das súas patiñas, recoñecina: era a vella paxariña de papel de sempre. Mentres escribía este artigo fixen unha, polo capricho de recordar un vello pracer. Sigo, iso si, sen acabar de entender a que vén actualizar as instrucións de algo tan sinxelo e popular (unha vez regalei uns pendentes con forma de paxariña, feitos en papel de Sugus). É como esas actualizacións de contos clásicos que tanto se levan no cine e que converten a Carrapuchiña, por exemplo, nun émulo da Trinity de Matrix. Ou esas postas ao día de algúns xogos que os fan irrecoñecibles (o Risk). Será que algúns non entenden a beleza do simple, a dun cacho de papel reconvertido en figura, por exemplo.

Sentado

Martes, 26 de Abril, 2016

LUIS SUÁREZ, goleador do Barcelona e agora mesmo Pichichi da Liga española, confesou hai un mes, na televisión uruguaia, que el na casa ouriña sentado (no minuto 8 deste video). Semellante notición converteuse en motivo de comentario inmediato en certa prensa deportiva. Alí mesturaron as súas habilidades dentais (foi sancionado varias veces por trabar os seus rivais, a última catro meses), os seus alcumes (El Pistolero, El Conejo) e fixéronse chanzas sobre un home que “Morder, morde, pero facendo pis é unha señorita” (título nunha web arxentina). É posible que mentres lemos comentarios como estes, no noso WhatsApp estea entrando algún chiste sobre a pouca puntería dos homes cando ouriñan. É curioso, porque todos, nenos e nenas, aprendemos a facer as nosas necesidades sentados. Pasando o tempo, o habitual é que eles o fagan de pé e elas, sentadas, aínda que as nosas constitucións corporais non impiden que sexa ao revés. Pero seica no fútbol masculino, ese deporte tan viril no que o terreo de xogo remata cheo de cuspidelas e onde algúns xogadores celebran os seus goles con ereccións incluídas (abonda con ver as fotos, sen necesidade de fixarse moito), só vale facer gala de ser un home á vella usanza. Igual no fondo o problema é ese: non está ben visto ser diferente. Suárez explica que fai augas sentado por unha cuestión de hixiene e limpeza, pensando nos seus nenos. Nótase que quen se ri del nunca limpou un baño.