Tiña pensado escribir este domingo sobre corrupción, pero á vista de que xa o fixeron cinco ou seis compañeiros, decidín centrarme no outro tema da semana, o cisma do PP de Chantada. Tiña pensado facer unha reflexión sobre o mal que lle sentan á democracia estas corruptelas, a mala imaxe que queda nos cidadáns de a pé, a necesidade dunha rexeneración moral e o perigo de que, diante do cansazo cuns políticos deshonestos (este é un evidente caso de cómo se toma a parte polo todo), os votantes, e máis nesta situación de recesión económica, opten por aventuras populistas ou demagóxicas, como as de Hitler, Mussolini ou, salvando as distancias, Berlusconi.
Outra parte dese artigo que non escribín iría dedicada a cuestións de imaxe: o que pensa a xente. Ti prendes a un político e xa é culpable, aínda que despois, no xuízo, non aparezan probas e o tipo saia absolto. Se consegue a absolución, a masa (aquí xa non se pode falar de cidadanía, senón de masa amorfa) dirá: “Iso é que non lle atoparon nada, pero seguro que algo hai”. A masa non ten probas, pero acusa igual. A masa, por exemplo, usa os medios dixitais para, escudándose no falso anonimato, lanzarse á difamación, a acusar sen probas, tirando a pedra e agochando a man.
Viuse estes días nas noticias que Elprogreso/Galiciaé recolleron sobre o caso de Castro de Rei. Foi entrar a policía no concello e empezar a chover acusacións nas webs: que miren en Abadín, en Alfoz, en Antas, en Baleira, en Baralla… dicían. Si: dou a lista dos concellos de Lugo por orde alfabética porque non se librou nin un. Se os denunciantes teñen probas do que din, por que non van ao xulgado con elas? Se non as teñen, por que difaman deste xeito? (Repetirei que en internet, e menos diante dun xuíz, non existe o anonimato absoluto aínda que asines Anónimo?) No fondo, tiña razón Salvador de Madariaga (ou era Sánchez de Albornoz?) cando dicía que só hai algo que lles guste máis aos españois que facer e desfacer constitucións: facer guerras civís. O guerracivilismo, a maledicencia, o falar mal dos demais, a envexa e, en suma, o querer mal ao outro é algo que nos define.
Tamén nos define a hipocrisía. O chorreo de difamacións nas noticias do caso Castro de Rei foi tal que ás veces non dimos feito e algún comentario cafre quedou visible máis tempo do recomendable. Algúns sácanche despois o seu dereito á liberdade de opinión, esquecéndose do dereito dos demais a preservar a súa propia imaxe. Logo preguntabas pola IP de quen mandaba eses comentarios cafres e descubrías que a IP era dalgún organismo público. É dicir, algúns usan ordenadores pagados por todos para queixarse de que outros fan un mal uso dos fondos públicos. Incrible.