Posts etiquetados ‘consumo’

De compras

Martes, 19 de Abril, 2016

TODO O mundo fai unha compra grande, que normalmente ten carácter semanal (ou cando se pode). Os expertos aconsellan facela fóra da hora de comer e cunha lista pechada, para non sucumbir á tentación de comprar o primeiro que ves e arrepentirte ao baleirar as bolsas na casa. Pero se un non ten présa e pode deterse un chisco diante dos estantes, pode pasar un rato ben divertido: é sorprendente a cantidade de cousas estrañas que se venden, en especial nos hipermercados; cousas que nin imaxinabas que podían existir e que cobren calquera situación, por atípica que sexa. Que es moreno e tes pencas verdes na cara? Pois seguro que algún laboratorio de cosmética xa ideou unha crema para suavizar a cor. Xa non abonda cun simple limpacristais, como en ‘Mi gran boda griega’. Gardatomates e gardalimóns, ámbolos dous individuais e para a neveira, deixáronme sorprendido, sobre todo porque a primeira vez que os vin foi nun híper de informática; non, non funcionaban con electricidade. As cousas máis impresionantes aparecen, porén, nas zonas de cosmética, droguería… O xel íntimo masculino pode parecerme útil; que os cortaúñas agora sexan diferentes para mans e pés (cando non hai moito usabamos unha simple tesoira) podo entendelo; o da auga para peitearse, diferente segundo o tipo de cabelo, retrotráeme a esas nais que te alisaban o pelo co seu cuspe… pero o que me ten descolocado son as misturas. O xel de chocolate pódese comer? E o de crema de iogur (grego, matizo)? Aínda que, postos con cousas raras, aínda non din sabido que é iso de ‘Dentríficos’ que anuncian nos carteis fixos dun hipermercado de Vigo. Xa non saben que facer para vender.

(A FOTO: Este “dentrífico” amenazador estaba colgado a mediados de marzo nun hipermercado de Vigo. Non sei que pensarán os seus primos os dentífricos.)

O sal

Martes, 16 de Febreiro, 2016

CADA VEZ que abro unha lata ou un prato precociñado, acórdome de Alfonso Castro Beiras, o cardiólogo que morreu hai uns días. Cando o entrevistei, haberá máis de dez anos, pregunteille se, ademais do tabaco (un gran problema daquela e hoxe), había algo que o preocupara moito como cardiólogo. E contestoume que o sal. Dicía que os produtos preparados que se vendían en España tiñan un alto contido en sal e que ninguén se preocupaba diso, cando é un elemento que inflúe na hipertensión. Ao pouco tempo, do ministerio encargáronlle a el e a outros cardiólogos de España un estudo sobre o tema. De aí vén que eu mire non só o contido en calorías, graxas ou hidratos, senón tamén en sal. Aínda que a lei obriga a incluír información nutricional en todo produto alimenticio que se vende en España, non sempre é doado miralo, e moito menos comparalo. Hai quen o agocha moi ben (letra tamaño gnomo) e quen te engana publicitando a composición por unidade (“só 46 calorías!”) e non por cen gramos (479 quilocalorías). Un pensa que a cousa foi mellorando en canto á información sobre nutrientes e ingredientes que conteñen os produtos preparados, pero… Hai anos, Guillermo, o informático, mostroume un doce de chocolate (destes que temos comido mil veces de nenos e que ás veces veñen con cromos) que non tiña cacao. E hai uns días atopei un té (iso dicía a etiqueta) que non levaba té. Sabemos todo o que estamos comendo?

A comer!

Martes, 3 de Decembro, 2013

ACHÉGANSE eses días nos que facemos cousas que o resto do ano non entendemos e que mesmo veriamos mal. Por exemplo, a ninguén se lle ocorrería copiar un día de vendas como o Black Friday se fose, poñamos por caso, en maio. E ninguén faría un pixama coa foto da súa nai para poñerllo só en maio ao pequeno da casa, fotografalo e espallar a imaxe, sexa por internet ou en papel. Precisamente, penso niso cando atopo no catálogo dun hipermercado unha páxina dedicada case enteiramente a pixamas de Papá Noel, que son xa habituais no Nadal. Xustamente as grandes superficies comerciais son o templo destas datas, cos seus catálogos (mesmo monográficos) cheos de lotes de cousas para comer ou beber. Por que xente habitualmente moderada na mesa come en exceso nestas datas? É un dos grandes misterios do Nadal e a súa contorna. Tamén é un misterio o das viandas específicas: eses produtos manufacturados (non falo dos frescos, obviamente) que só ves nas tendas nesta temporada: na charcutería á que vou, por exemplo, polo Nadal aparecen cousas moi estrañas. Pregúntome se os fabricantes fan esas misturas experimentais porque os consumidores estamos máis dispostos a perdoar nesta época na que nos convidan a espallar paz e amor. Iso si: este ano, quizais pola crise, xa non hai tanto turrón experimental. O meu favorito, por sorte, é o brando: mágoa que non o vendan máis tempo.

Crise e marcas brancas

Xoves, 24 de Setembro, 2009

A Crise (fálase tanto de ela que xa hai tempo decidín escribilo en maiúsculas, como se fose unha época histórica) ten algún efecto colateral interesante. Por exemplo, ratificarnos na nosa sospeita de que as marxes de beneficio que se levan as marcas son moi substanciosas. Este luns, vin na tele varios anuncios consecutivos nos que determinadas marcas anunciaban interesantes descontos. Sabido é que non hai empresario que queira perder cartos, así que se poden rebaixar nestes tempos de estreiteces, por que non o fan o resto do ano.

Logo, cando te aboas ás marcas brancas, tamén descobres cousas sorprendentes. Por exemplo, compras unhas sardiñas de marca branca, despois de ver que o fabricante (ou iso pon a letra pequena da caixa) é unha prestixiosa empresa da provincia da Coruña. E abres a caixa e ves marcado sobre a lata, en tinta indeleble, que aquilo é un “produto de Marrocos”. Ou sexa, que o que ti considerabas unha prestixiosa conserveira, que fabricaba latas con sardiñas pescadas, pode ser, en Marrocos, resulta que tamén as compra enlatadas e distribúeas sen máis. E días despois ves no supermercado da esquina (dunha coñecidísima e punteira empresa de distribución galega) unha caixa coas bolsas de plástico e entéraste de que as bolsas que che dan coa compra están feitas en Arabia Saudí. Ou sexa, que isto debe de ser iso da globalización: que te podes levar á casa unha lata importada de Marrocos pensando que é coruñesa, e todo metido nunha bolsa fabricada, ao mellor, por un grupo de nenos de menores.

Aínda que o mellor que me pasou ultimamente facendo a compra foi achar, no hipermercado, unha lata de sardiñas marca Ría de Vigo… fabricada en Cariño. Non sei se isto tamén é consecuencia da globalización. Non sei a que esperan os de Arotz para vender os seus espárragos da Ulloa baixo a marca La Navarra, por exemplo.