Posts etiquetados ‘concellos’

A Revolta do Botelo

Mércores, 24 de Xullo, 2013

Este 24 de xullo, A Fonsagrada estrea casa do Concello. Os que tivemos oportunidade de coñecer a vella sabemos que boa falta lle facía, porque a antiga tiña moito encanto e, sobre todo, historia, pero era totalmente ineficaz. Houbo un tempo en que a frecuentei moito, como recordaron estes días algunhas das persoas que falaron con Pilar Cheda para a reportaxe que publicou hai un mes sobre a revolta popular de 1991-92. Hai tanto tempo, vinte anos, que algunhas cousas xa se esqueceron e outras quedaron difusas. Por documentar á miña compañeira, recuperei duns vellos arquivos algúns papeis e mesmo eu levei algunha sorpresa.

Por exemplo, hai quen di que o problema era o plan de comarcalización de Andrés Precedo Ledo, ese que botaron abaixo os baróns do PP galego (en tempos, a única mención dos seus nomes xa impoñía: Romay, Cacharro, Baltar, Cuiña). Porén, eu o que recordo era que a mobilización empezara porque a Xunta quería levar para Becerreá dous servizos que tiña A Fonsagrada: a cabeceira do equipo contra incendios e a oficina de Extensión Agraria. Nesta traballaba o daquela concelleiro do BNG Xoán Xosé Molina, quen despois foi destinado a Lugo e rematou como delegado provincial da Consellería de Cultura, o último que ostentou tal condición, porque a actual Xunta do PP eliminou as delegacións provinciais. O Bloque tiña un segundo edil, que anos despois acabou condenado no sur de España por un asunto de drogas, se non me falla a memoria.

Nos recortes descubro que intentaron bautizar o sucedido como Revolta do Botelo, nome que non tivo éxito. E tamén vexo que se xeraron tres procesos xudiciais. Un, que levou a Bonxe a varios dos implicados, foi polas denuncias da Garda Civil contra os veciños que desaloxou da casa do Concello o 17 de xaneiro de 1992, despois de mes e pico de peche nas oficinas municipais. Houbo outra denuncia pola ‘resposta’ veciñal á Garda Civil do 21 de xaneiro, cando os veciños ‘cargaron’ contra os axentes do instituto armado que protexeron ao alcalde no seu retorno ás súas oficinas case dous meses despois. E houbo un terceiro proceso por outros incidentes o 5 de maio do mesmo ano, ao remate dunha sesión plenaria.

Aquel alcalde que estivo cos veciños nos primeiros días do peche, despois foise e finalmente acudiu á Garda Civil para devolverlle a normalidade á vida municipal non faltará nas paredes da nova casa do Concello. Mario Arias Mon ten, abofé, cadro oficial, como vexo nas fotos que fixo Sebas. É un recoñecemento a un home que empezou no PSOE (eleccións locais de 1987), captouno Cacharro para o PP (eleccións municipais de 1991), sufriu a revolta e mesmo a súa familia chegou a ser obxectivo dun pequeno artefacto explosivo (o 19 de outubro de 1992). Si: poucos viviron mandatos tan axitados.

Fusións municipais

Martes, 1 de Decembro, 2009

Volve o debate sobre a fusión dos concellos. E sempre anda polo medio o alcalde de Lalín, que seica é un dos máis interesados. Curiosamente, o debate reactívase cando en Lugo temos un concello que está a piques de celebrar o aniversario de todo o contrario, é dicir, da súa independencia: no 2010, Ribeira de Piquín cumprirá 75 anos dende que se separou de Meira.

Que vai ser desta resurrección da discusión? Pois o mesmo que as anteriores: falarase uns días e despois esmorecerá para resucitar dentro duns anos. É habitual con temas como este, o federalismo, a seguridade aérea… Nada novo baixo o sol.

Xuntanzas do BNG

Venres, 25 de Abril, 2008

Hoxe, Xosé Antón Bao, vicepresidente primeiro da Deputación e home forte do triunvirato comarcal de Lugo, deu unha especie de aviso a navegantes na rolda de prensa da xunta de goberno provincial. Falando de Chantada, onde PSOE e BNG acadaron un acordo para as obras do canon eléctrico, Bao aproveitou para salientar as vantaxes que teñen as alianzas entre as dúas formacións.

O comentario adquire maior relevancia se se pensa que o BNG comarcal, ese no que Bao manda xunto con Xosé Manuel Becerra e Esther López, está estes días a manter varias xuntanzas para analizar a situación naqueles concellos nos que o PSOE chegou á alcaldía grazas aos votos nacionalistas, pero sen chegar a asinar un pacto de goberno: Pol, Portomarín, A Fonsagrada, Castro de Rei e Begonte. Interesante é o primeiro caso, xa que este sábado, no pleno, vai estar en xogo o soldo do alcalde.

E xa que falo da executiva comarcal do BNG, que leva sen titular único dende xullo, vou dar unha data nova para a súa renovación: antes do verán ou, como moito, antes de que o Bloque comece o proceso para as eleccións. Aínda que semella que neste partido non teñen présa.