Posts etiquetados ‘Concello de Lugo’

O adeus dun home tranquilo

Luns, 27 de Xaneiro, 2014


Esta semana cumprirase un mes da marcha oficial de Xosé Antón Bao da casa do Concello de Lugo. Despois de moitas voltas, mesmo xa sabemos quen vai ocupar o seu escano no grupo do BNG. Trátase de Cristina Ferreiro, que, como Bao, forma parte da historia recente do partido na provincia. A traxectoria do exconcelleiro daría para escribir un libro: edil en Becerreá, deputado provincial, presidente do Breogán, candidato ao Congreso (2004), vicepresidente da Deputación, concelleiro raso en Lugo, tenente de alcalde no mesmo concello e, finalmente, membro dunha oposición tenaz: o seu ‘non’ aos orzamentos de López Orozco, sumado á negativa do PP, foi o que fixo que o Concello de Lugo vaia seguir este ano (en principio) coas mesmas partidas de 2013.

Algúns puxéronlle os cornos e o rabo que moitos lles debuxan aos nacionalistas galegos, pero o certo é que na distancia curta gañaba moitísimo, ata ser un tipo entrañable. Algunha vez chanceamos sobre os seus xemelgos: “Teño a sensación de que me preguntas polos nenos para ver se baixo as defensas”, díxome unha vez, entre risas, cando eu intentaba que me adiantase non sei que noticia política. Contraataquei días despois dicíndolle: “Vasmo dicir ou terei que preguntar polos nenos antes?” Todo, por suposto, nun ton xovial e distendido entre os dous.

Menos distendidas foron as relacións coa UPG, segundo din as malas linguas. De feito, hai quen atribúe o seu adeus ás presións da ‘U’. Tal cousa mesmo se chegou a publicar nalgunha web o día do anuncio. Horas despois, o post foi retirado e, finalmente, publicouse de novo, pero matizado, dando a entender que, por unha vez, un político non minte cando di que se vai por motivos persoais. No adeus, o BNG organizou un acto que quería ser informativo e foi emotivo, no que houbo bágoas e apertas a tres bandas, con Bao, Álex Penas e Paz Abraira (os tres, na foto). Sería para evitar ruxerruxes.

O certo é que os seus quince anos en política deron para moito, e diso dá fe o arquivo de El Progreso. Alí aparece en Becerreá a carón de Manuel Martínez, agora alcalde dese concello, cando os dous se puxeron diante das máquinas da autovía. E tamén aparece negociando con Gómez Besteiro o primeiro bipartito da Deputación (xullo de 2007), días despois de facelo con López Orozco. Con este último, o pacto foi imposible; con Gómez Besteiro foi rápido e sinxelo. El mesmo o recoñecía na entrevista que lle concedeu a Xoán C. Vidal.

Os xornalistas que agardabamos no Méndez Núñez a ver en que acababan aquelas xuntanzas co PSOE polo goberno da Deputación aínda recordamos o cabreo que pillou Bao cando veu pasar pola porta do hotel a Orozco. “Que pasa? Agora vén a ver se fode isto tamén?”, preguntouse para si, pero nun volume suficientemente audible. Agora que chega ao medio século de vida (o 29 de marzo, concretamente), quizais estaría ben que contara cousas como esas nunhas memorias: outros, con menos traxectoria e interese, xa as escribiron. Polo de agora, como aínda mantén a conta en Twitter, sabemos que segue indo ao Breogán; é, coa familia e a política, unha das súas grandes paixóns.

Auga de Lugo

Mércores, 3 de Febreiro, 2010

Hai uns días, o Concello de Lugo avisou dunha posible fraude, cometida presuntamente por unha empresa que está a chamar ás casas para ofrecer unha potabilizadora doméstica de auga. A movida xurdiu porque o alcalde foi unha das persoas á que chamaron. Imaxínome a conversa, con López Orozco cos ollos como pratos e bramando polo teléfono: “Oia, está vostede insinuando que a auga de Lugo non é potable?”

Eu tamén recibín unha desas chamadas e, a verdade, foi unha conversa moi divertida. Ao final, deixeime convencer pola rapaza que me chamou para que viñeran a casa a probar a potabilizadora, pero cando lle dixen os nosos horarios (“váleche a partir das doce da noite?”, propuxen) desistiu. O máis divertido foi verme a min defendendo a auga de Lugo e recordando que a cousa mellorara moito dende aquela vez que unha noiva se bañou na miña casa en auga verde. Cando falei da nova potabilizadora, a rapaza dixo que aínda non está funcionando. E cando lle recordei que os niveis de merda que leva o que sae polas billas de Lugo son aceptables (segundo a OCU), díxome que sempre queda algún residuo raro que se vai pousando ano tras ano e que, por acumulación, pode ter consecuencias na saúde propia (“despois duns séculos”, estiven por responderlle).

Non se atreveu a dicirme que a auga non era potable, pero pouco lle faltou. E a min faltoume tamén dicirlle que empezarei a preocuparme cando deixe de fumar, que así si que me estou metendo merda para o corpo.

Privado e público

Martes, 14 de Xullo, 2009

Á vista das noticias dos últimos meses, chego á conclusión de que estamos a vivir nun tempo en que o privado manda moito. Por exemplo, varias iniciativas e manifestacións populares poden chegar a que algún Goberno estude modificar mesmo o Código Penal; unha asociación privada é quen de conseguir cambiar a política lingüística de todo un goberno, e unha iniciativa privada e coas dubidosas garantías que dá internet recibe promoción dun Concello.

Para os que non están postos nos temas, aclaro que me refiro, respectivamente, ao caso Mariluz, Galicia Bilingüe e a campaña que o Concello de Lugo está a facer co concurso cibernético sobre as sete mellores festas de España, onde o Arde Lucus vai destacado. Hai uns días ía por diante o San Xoán de Soria. Con todo o meu respecto para esas terras que inmortalizaron Machado e Gabinete Caligari, pregúntome se realmente ese San Xoán é mellor que as Fallas ou San Fermín (por citar dous exemplos coñecidos fóra de España) ou se algún lugués ten oído falar do San Xoán de Soria ou cantos sabían que esa cidade facía festas polo 24 de xuño.

Vaiche ser certo o que dicía a miña avoa: o ocio é perigoso porque dá por facer cousas estrañas, con todo o meu respecto para os ociosos.

A tensión

Domingo, 29 de Marzo, 2009

Xosé Rábade e Enrique Rozas, na recepción (Foto: Pepe Álvez)

Mascábase a tensión na recepción que o Concello de Lugo ofreceu ao subdelegado do Goberno o pasado mércores 25. A tensión viña das cadeiras nas que se sentaban o concelleiro encargado da Policía no goberno local, Xosé Rábade, e o concelleiro encargado da Policía no PP, Enrique Rozas. Un chisquiño antes, Rábade fixera aquelas xa famosas declaracións nas que dixera que Rozas está a ser un “tonto útil” para un sector da Policía Local. E vai o protocolo e sitúaos un a carón do outro, ben xuntiños, uns minutos despois. Así que había tensión… pero só por unha das bandas. Porque resulta que o concelleiro do PP naquel intre non sabía nada das declaracións do seu homólogo do PSOE e, de feito, Rozas chegou a falar distendidamente (pola súa banda) con Rábade. Coñeceu as descualificacións cando, á saída da recepción, interrogárono os xornalistas.

O tema, por certo, ten moi pero que moi cabreados aos populares: tanto as declaracións como a denuncia. Na reunión da executiva provincial que o PP mantivo o xoves, houbo un aplauso de apoio ao concelleiro. E o venres, o grupo municipal saíu en pleno para defender ao seu compañeiro insultado.

A ledicia do PP

Sábado, 15 de Novembro, 2008

Barreiro e García Díez falan no pleno (Foto: Xesús Ponte)

Andan no PP moi ledos co resultado da cuestión de confianza no Concello de Lugo. Xa o dicía Luis Lamas o pasado martes: o seu partido mailo PSOE (ou, mellor, o alcalde) foron os claros gañadores da contenda. No PP teñen dous motivos de satisfacción: un é que a actuación de Xoaquín García Díez no pleno serve para calar de vez aos que pasaron un ano reprochando o pacto co PSOE para aprobar os orzamentos do 2007. O outro motivo de satisfacción é ver como picaron o anzol da moción de censura que tirou Xosé Manuel Barreiro. Acaso alguén pensaba que PP e BNG van gobernar xuntos nalgún sitio de Galicia… polo menos antes das eleccións autonómicas? Pois, aínda así, o PSOE e o BNG tomaron en serio a cousa e puxéronse nerviosos. Tanto, que o Bloque anunciou a abstención antes de tempo. Co ben que tería quedado agardar ata o pleno (ou votar en contra e ter un mes desacougado a López Orozco)!

Resta por saber como queda Xosé Anxo Lage despois disto. Algúns dos paxariños malvados que me subministran rumores insinúan que esta é unha manobra da U para botar polo río abaixo ao seu voceiro municipal e pelexado candidato á alcaldía. Pero aínda queda moito mandato municipal por diante e pode pasar de todo.

Por certo, nalgún confidencial din que o sentido do voto do PP decidiuse en Santiago e fanse eco do rumor dun suposto afastamento entre Barreiro e García Díez (na foto, os dous falan no pleno do luns 10 con Cristina Ares no medio). E eu que pensaba que ese rumor saíra dende as ringleiras do PSOE! Por certo, non sei se serán os mesmos que andan a dicir que García Díez vai ser o cabeza de lista para o Parlamento galego. Que cousas!

Lage non quere apertas

Martes, 11 de Novembro, 2008

Orozco e Lage, saudándose

Pasou no pleno do luns en Lugo sobre a cuestión de confianza. Ao seu remate, unha vez que a abstención do BNG permitía a López Orozco sacar adiante os seus orzamentos e manterse na alcaldía, os líderes da oposición achegáronse, educados eles, á mesa presidencial para saudalo. Nada máis achegarse Xosé Anxo Lage, o alcalde ofreceuse, cun sorriso de orella a orella, a darlle un abrazo. E Lage dixo que non: “Cun apertón de mans tes máis que suficiente”. Temería que fora o abrazo do oso? O certo é que Lage non quixo apertas, pero quedou ben apertado coa decisión de se abster.

Orzamentos locais

Luns, 27 de Outubro, 2008

Vai Mar Barcón, número tres do PSOE galego, e di que o seu partido vai apoiar en toda Galicia os orzamentos que presenten aqueles gobernos locais que gobernen en minoría e onde os socialistas sexan oposición. En Lugo, iso beneficia a Xove e O Valadouro, onde goberna o PP a duras penas. Pero a min iso recordoume o caso da capital provincial, porque Barcón, secretaria de Organización, veu insinuar que agardaba que PP e BNG correspondan do mesmo xeito onde o PSOE é minoría; por exemplo, en Lugo. A miña suposición é reforzada polo feito de que o anuncio de Barcón fíxose xusto cando socialistas, populares e nacionalistas comezaban a negociar os orzamentos de Lugo. Por certo, cada día medra máis a sensación nos ambientes políticos (incitada polos comentarios do PP) de que o BNG se vai abster o 3 de novembro, para permitir que López Orozco saque adiante os seus segundos orzamentos deste mandato.

Falando de orzamentos municipais, creo que no pleno da Fonsagrada do xoves pasado, no que se aprobaron os primeiros orzamentos en catro anos, houbo case algún amago de infarto. Porque o PSOE, que ten a minoría maioritaria, chegou co seu proxecto ao pleno sen pactar. Iso si, o alcalde, Argelio Fernández Queipo, debeu de agarrar por unha orella a dous concelleiros que lle fan pasar apuros, un, Ricardo Parada (anterior rexedor e actual deputado provincial delegado de Medio Ambiente), porque ás veces chega tarde; outro, porque pasa moito tempo en México co seu fillo. Os dous estaban ao comezo do pleno, ben sentadiños nas súas cadeiras.

Ao PSOE chegáballe con que faltara o concelleiro de Terra Galega, Xulio Fernández, porque o empate racharíao o voto de calidade do alcalde, pero este edil apareceu. Menos mal, para Argelio, que ao final os outros tres grupos aceptaron absterse e A Fonsagrada deixou de ser un caso único en cuestións orzamentarias.

O recadiño

Martes, 23 de Setembro, 2008

Seica os do PP de Lugo mandáronlle un recadiño a López Orozco de que se andara con ollo se pactaba co BNG unha saída para o conflito da Policía Local. Por varias razóns: porque a representatividade do sindicato do Bloque é mínima no corpo e porque un pacto socialista cos bloqueiros deixaríalles mans libres aos populares para pasar de Orozco… por exemplo, no tema dos orzamentos para o 2009, que esa si que vai ser unha bonita e ardua negociación.

Que haberá de certo?

Sábado, 31 de Maio, 2008

E que haberá de certo nese rumor que asegura que, hai unhas semanas, nunha xuntanza do PP local de Lugo, a Xaquín García Díez reprocháronlle que non estivera máis na cidade? Disque alguén dixo que “non se pode facer oposición un día á semana”.

E que haberá de certo nese rumor de que van ser gardas dunha empresa de seguridade, contratados pola vía de urxencia polo Concello, os que van cubrir o percorrido da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia este domingo en Lugo?

Arde Lucus?

Mércores, 30 de Abril, 2008

Alguén moi ben informado cóntame que, este ano, na organización do Arde Lucus hai apelidos ben coñecidos; en concreto, na xestión e na fabricación de aparellos ou armaduras (non me quedou moi claro). Un dos apelidos teno tamén un membro do goberno local. O outro apelido é o dun artesán que estaba (e está, se non me engana a web) ligado politicamente a un partido que non é o PSOE… nin o BNG.

O que aínda non sei é se o nomeamento de Fernández Liñares como presidente da Confederación Hidrográfica do Miño (as súas siglas xa teñen o dominio de internet collido por unha construtora de Alacante) vai chegar a tempo de que Rosana Rielo (que ben lle sentan os vestidos romanos a esta muller!) tome posesión como a súa substituta na corporación municipal e, polo tanto, poida estar presente coma sempre e de xeito institucional no Arde Lucus. Disque no Concello traballan con esa previsión.