Posts etiquetados ‘comunicación’

O noso

Martes, 23 de Febreiro, 2016

CANDO EN 1980 publicou ‘Il nome della rosa’, Umberto Eco xa levaba case vinte anos escribindo libros. Os obituarios destes días destacan en especial ese tratado de semiótica oculto detrás dun ‘thriller’ histórico e deixan de lado toda a produción anterior. Porén, naqueles anos 80, para os xornalistas en exercicio e os que aspirabamos a selo, Eco era sobre todo un reputado semiólogo, autor de títulos tan sobranceiros como ‘Obra abierta’ ou, sobre todo, ‘Apocalípticos e integrados’, unha obra de 16 anos antes coa que pariu todo un vocabulario que aínda segue en uso cando se estuda a cultura de masas. Pero a partir da publicación da peripecia de Guillermo de Baskerville, para algúns xa non existiu máis Eco que o novelista. Para os que coñeciamos (e estudáramos) o semiólogo, foi como a deturpación de algo que considerabamos noso. É algo do máis habitual: ti tes unha imaxe de algo e outro presenta outra diferente. Vese mesmo nas noticias: ti pensas nunha Galicia normal e os informativos de fóra preséntana como se fose un exótico reduto indio. Ti ves un Pardo de Cela feudal e outros ven un demócrata. Este cambio de perspectivas, cuxa asunción é parte do crecemento persoal (medrar consiste, basicamente, en aprender a respectar ao outro e as súas ideas diferentes), témola todos os días e nos contextos máis variados. Por exemplo, hai quen pensa que os Gemeliers son uns rapaces simpáticos e hai galegos que dende o mércores coidan o contrario. Ás veces, as imaxes preconcibidas que temos cambian soas.

O fixo

Martes, 2 de Febreiro, 2016

UN DOS sinais de modernidade nos meus tempos infantís era o teléfono fixo. Había casas onde colocaban o aparato nun lugar central (na sala, por exemplo), aínda que o máis habitual era preto da entrada. Era símbolo de modernidade e de avance tecnolóxico, porque era unha mellora que non estaba dispoñible en todo o territorio. Na aldea, dependías moito do veciño que o tiña, a quen chamabas para avisalo dalgunha visita ou dalgunha novidade, do tipo «chegamos o venres ás nove», «chamarei ás nove e media» ou cousas así. Eran tempos en que as cousas tiñan menos apuro que agora, que parece que todo ten que ser xa. Recordo cando o servizo automático chegou á miña aldea, creo que a comezos dos oitenta, que todos os teléfonos comezaban (comezan) por 6290. Daquela dependías do que che ofrecía Telefónica, o monopolio. Se non había xeito de darche servizo, tiñas que aguantarte. Agora, pola contra, o teléfono fixo ofrécencho como parte doutra oferta (televisión, móbil, internet…) e, ás veces, case máis como complemento que como eixo da mesma. O fixo que eu tiña na casa xa só servía para recibir chamadas da miña nai e dos do telemárketing. Ela deixou de chamar despois do ictus, así que no último cambio de compañía xa nin me molestei en habilitar o teléfono fixo; é máis, nin sequera sei onde teño apuntado o número. Sei que non son o único caso. Agora a modernidade, neste tempo de móbiles, é non telo.

(Na foto, un grupo de telefonistas en Madrid, nunha imaxe da colección permanente de Telefónica.)

A canle de moda

Domingo, 22 de Marzo, 2009

Coa progresiva implantación da TDT, os lugueses están a descubrir, por un lado, que a teletenda é infinita e, por outro, que hai algún canal atípico que pode chegar a interesar. É o caso de Intereconomía, esa televisión que forma parte dese “complot mediático” ao que PSdeG e BNG responsabilizan, en parte, da súa derrota electoral. Recordo que o día en que dimitiu Fernández Bermejo, esta canle divulgaba dúas cousas nesa liña de texto que pon por debaixo nos programas informativos: unha, que tiñan a famosa foto de Quintana no iate de Jacinto Rey (será certo que hai outras deste empresario no mesmo barco con Núñez Feijóo e Pérez Touriño, como din agora no BNG?); a outra, que Caamaño asistiu a unha reunión dunha loxia masónica. Pero, traendo de novo o tema a Lugo, é interesante ver quen está entre os seguidores de Intereconomía. Sei dalgún membro do PP a quen non lle convence, e tamén sei dalgún membro destacadísimo do PSOE lugués que a pon para seguir algún programa de debate. Asegura que se divirte moito.