Posts etiquetados ‘comercio’

De tendas

Martes, 24 de Novembro, 2015

IR DE tendas, actividade que está a piques de chegar ao seu momento culminante do ano, é unha experiencia entretida, sempre que dispoñas de tempo e, ás veces, dunha tarxeta de crédito ben dotada. Iso si, sempre nos quedarán comercios e produtos por ver; na meirande parte das ocasións, porque non nos interesan, agás para algo moi concreto. Nunca nos fixaremos naquel negocio de persianas, ou naquel que ten recambios para todo tipo de cociñas, ou na tenda de colchóns que ten ao dono na porta, fumando, porque é dos que non precisa ter moitos compradores para facer unha boa caixa. Un establecemento interesante son as ferraxarías, que deben de ser o único negocio onde un céntimo vale para algo. As ferraxarías son un tipo de comercio posiblemente tan antigo como as tinturarías e lavandarías, que agora sofren a dura competencia dos autoservicios. Eses sitios onde te fas a colada ti só distínguense dos de toda a vida nos traxes de noiva e comuñón, eses que enchen en soidade as tinturarías de sempre. Este luns vin un cartel nunha delas que convida a utilizar as tinturarías e reciclar a roupa. A Crise fixo que, nesta sociedade tan amiga de usar e tirar, volvera o vello costume de reutilizar a roupa. Para iso moitas veces abonda con achegarse a unha mercería, outro deses negocios onde podes atopar cousas impensables, comezando por fíos de cores que nin sabías que existían (sobre todo se es home).

(Na foto, unha tenda de Vigo de orixinal nome)

Marca España

Mércores, 17 de Setembro, 2014
MORREN os famosos a pares: Robin Williams e Lauren Bacall, Emilio Botín e Isidoro Álvarez. Cos dous últimos, o Goberno español non deu feito. Aló vai o ministro Luis de Guindos a proclamar que os dous empresarios eran xenuínos representantes da ‘marca España’, esa que este verán quedou algo tocada, no eido futbolístico, no baloncestístico e (esta fin de semana) no tenístico. Por unha vez, os nosos gobernantes teñen algo de razón: sería difícil discernir cal das súas dúas empresas é a que pasea máis o nome deste país polo mundo… ben, paseaba, porque agora quen o fai é Inditex. De Botín chegamos a falar nas vodas de prata da miña promoción da facultade, cando un compañeiro me fixo ver, rindo, a teima do banqueiro por levar as cores corporativas mesmo nos tirantes. Iso si que é imaxe de marca. O éxito tamén se ve cando a túa marca se expande fóra do seu ámbito natural: por exemplo, cando vou co coche ao Hula pregúntome se o acceso ao párking soterrado está copiado do que ten o centro de El Corte Inglés en Vigo: son moi parecidos. Habería que ver cantos comerciantes emularon ese xeito de vender, aséptico e refrixerado, en locais nos que non te decatas da falta de ventás. Das tendas de Álvarez, alguén me dixo que, “sempre que teñas cartos, aí podes conseguir o que queiras”, aínda que teño amigos que deostan aos que compran alí. Mesmo iso, o odio, é parte do seu éxito.

Nin o luxo nos queda

Venres, 19 de Xullo, 2013


Vivimos tempos revoltos, agardemos que non sexan como os da serie de televisión. Pénsoo mentres paseo polo centro de Lugo e vexo as tendas que pechan, nese incesante goteo que nos vai deixando sen algúns referentes e que ameaza con deixar algunhas rúas tan baleiras como a da foto (nocturna, aclaro). Por exemplo, pecha ‘Home’, que era o típico comercio ao que acodes só para unha cousa (vodas, bautizos, comuñóns… cerimonias en xeral) e que, por esa mesma especialización, parece que vai sobrevivir a todo. Tamén pechou algunha óptica na Avenida da Coruña, e iso que o coidado persoal seica é dos poucos sectores que sobreviven: ou sexa, que aínda hai aí o que agora se chama un ‘nicho de mercado’ (unha expresión que me parece infame e digna de que colguen ao autor).

O sorprendente é ver que desaparecen mesmo as tendas de compravenda de ouro (na Fonte dos Ranchos), algo que ata hai pouco parecía imposible.

Pero quizais a clausura máis inesperada, aínda que seguramente é por temas cronolóxicos (xubilación), é a de Aramits, unha das poucas (a única?) tendas de roupa de luxo da cidade, nas galerías de Radio Lugo. A lenda dicía que había quen saía á rúa cunha bolsa desta tenda só por fardar. Agora haberá que buscar outros referentes.

O pan e o leite

Mércores, 12 de Setembro, 2012

Nestes primeiros días despois das vacacións descubrín outras cousiñas do comercio lugués, que me quedaron no tinteiro no artigo do domingo.

  • Unha é que algún establecemento hostaleiro de Lugo empeza a recortar no pan que dan aos comensais, e iso que este produto non é dos afectados pola suba do Ive.
  • A outra é que Carrefour volveu a cambiar o subministrador do seu leite de marca branca. E, como ocorreu hai tres anos, o prexudicado foi Lactalis e o beneficiado, o grupo Leite Río, aínda que desta volta vía Leyma. Será unha nova guerra comercial, unha desas pelexas polos prezos entre dúas grandes marcas, unha de distribución e outra láctea? Hai tres anos, por certo, pasado un tempo a empresa con fábrica en Vilalba volveu a quedar co contrato, polo menos en Lugo… Descoñezo se o leite Carrefour que se vende fóra de Galicia ten a mesma procedencia.

E, por certo, nestas vacacións descubrín unha estraña alianza: o leite ecolóxico de Puleva está fabricado en Vilalba, na planta de Lactalis, segundo se deduce do seu rexistro sanitario. Curiosos compañeiros de cama.