Posts etiquetados ‘CIG’

A integración da CIG

Sábado, 3 de Outubro, 2009

O 12 de decembro é a data elixida pola CIG para celebrar o seu congreso comarcal de Lugo e, paralelamente, o congreso da integración da Mariña. A partir de aí, o sindicato nacionalista só terá unha dirección, de carácter provincial, e non tres comarcais (Lemos integrouse hai tempo en Lugo). Seica ese día Lugo e A Mariña terán dous congresos cada un: pola mañá, o comarcal, no que se acordará, de xeito formal, a unificación, e pola tarde celebrarase o primeiro provincial.

Cóntanme que a integración vai por bo camiño e que non hai, no seno da CIG, nin tensións nin contestacións, agás algún elemento illado.

Deste xeito, a central nacionalista pasa a ser o primeiro sindicato (dos maioritarios) que en Lugo ten estrutura provincial, coa cabeza en Lugo. UGT e CC.OO. manteñen as comarcas, aínda que a máis poderosa nos dous casos tamén é a da capital. É lóxico: o centro da provincia suma máis traballadores que o resto das comarcas.

A CIG reestrutúrase

Xoves, 9 de Xullo, 2009

Seguindo co tema de onte, outra noticia inadvertida dos últimos días produciuse hai varias fins de semana no congreso nacional da CIG, no que Suso Seixo saíu reelixido como secretario xeral. O sindicato nacionalista aprobou unha reestruturación territorial relativa a Lugo, que consiste en que a zona centro e A Mariña, ata agora con organigramas diferenciados, van ser dende agora unha única comarca, como xa comentei na miña crónica de hai dous domingos. Ou sexa, que calquera día destes vemos a un de Alcoa, a empresa con máis persoal de Lugo (e que non sae nos informes de facturación do Ardán porque a súa sede central non está en Galicia), como secretario xeral da CIG para todo Lugo.

No seu informe de xestión, Seixo defendeu a independencia do sindicato respecto do BNG. Pero non sei eu se isto igual é unha proba de cara a un experimento semellante no Bloque, que en Lugo divídese organicamente en tres comarcas. Aínda que non me imaxino aos do BNG da Mariña aceptando a súa integración en Lugo. Dígoo por razóns políticas (aínda que as dúas comarcas son eminentemente upegallas) e tamén por razóns localistas, claro.

O cambio

Luns, 22 de Decembro, 2008

E que será de Comisións Obreiras de Lugo co relevo na dirección nacional do sindicato? En principio, non semella que vaia haber cambios, aínda que o sindicato galego e o lugués eran, aparentemente, partidarios do derrotado Xosé María Fidalgo. Xan María Castro, o dirixente galego, mesmo confesou publicamente as súas preferencias. Pero a cousa foi tan axustada en Madrid e isto está tan lonxe de todo que non semella que vaia influír no rumbo da central en Lugo.

Todos coinciden en que isto supón unha certa viraxe á esquerda por parte do sindicato, semellante á que deu Esquerda Unida ao devolverlle o protagonismo ao PCE. Por Galicia andan a dicir que a CIG, catapultada polo cogoberno autonómico bloqueiro, estálle a comer terreo a CC.OO. en toda a comunidade. Haberá que agardar acontecementos.