Posts etiquetados ‘CHMS’

Uns que se van e outros que se locen

Xoves, 6 de Febreiro, 2014


Vaise César Aja,
todo un clásico da política luguesa: máis de vinte anos levaba “en el machito”. A súa marcha permite que algúns descubran que a actual ocupación deste docente exsenador e exalcalde de Viveiro é responsabilizarse da empresa Tragsa. Iso explica unha foto que enviaron dende o gabinete de prensa da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil hai uns días. Era para anunciar unha simple visita do presidente da CHMS ás obras no rego do Campo, en Xermade, un proxecto que está xerando moito actividade informativa porque é o primeiro dun programa de restauración hidrográfica anunciado en outubro. A foto tiña miolo porque nela aparecían máis autoridades que traballadores, incluídos Aja e Francisco Marín, o presidente da CHMS. Estanse a poñer moi de moda esas imaxes: un persoeiro político inaugura algo e na foto aparecen sesenta autoridades: hai tan poucas obras para inaugurar (e tan poucos cartos para facelas), que hai que aproveitar calquera ocasión. Con todo, creo que o récord teno unha rotonda en Granada, onde as autoridades case non cabían no círculo central.

Atrasos

Mércores, 17 de Decembro, 2008

Edicto de MuiñaUn coñecido refrán asegura que as cousas de palacio van amodo. E nalgunhas administracións, máis aínda. Este xoves 11, El Progreso publicaba na súa edición impresa un interesante edito do Concello de Lugo, polo que vemos que a xunta de goberno local deulle licenza ao Inludes para mellorar a instalación eléctrica do mazo de Santa Comba. Ata aí, o edito non ten nada de particular, se non fora por dous ou tres detalles:

1.- A devandita xunta de goberno é do 4 de xullo. Presídea Francisco Fernández Liñares, no que debeu de ser un dos seus últimos actos como concelleiro, pois xusto o 11, sete días despois, foi nomeado oficialmente primeiro presidente da Confederación Hidrográfica do Miño. Curiosamente, o daquela concelleiro asina o decreto o día 19, cando xa era oficialmente o mandamais do ente hidrográfico (ata o 1 de setembro non renunciou á acta de edil).

2.- A solicitude de licenza faia Antonio Muiña Pena en calidade de vicepresidente do Inludes. Dende agosto de 2007, o alcalde de Friol xa non ten tal cargo. Diante disto, hai que preguntarse cando presentou o Inludes a súa petición. Unha pescuda na web do Boletín Oficial da Provincia dános a data de aprobación do proxecto: marzo do 2007!

Ou sexa, pasaron case dous anos ata que o proxecto pasa a exposición pública no edificio administrativo do Concello, porque o que anuncia ese edito é exactamente iso: que, cinco meses despois de se aprobar en xunta de goberno municipal e vinte e un despois de se aprobar en xunta de goberno provincial, os cidadáns xa poden consultalo. Por certo: tamén a Deputación o expuxera. Si que van amodo algunhas cousas!!!

O día 30

Xoves, 22 de Maio, 2008

Mañá, outro consello de ministros, e haberá nomeamentos, como ocorre cando hai cambios de Goberno. Será neste no que nomearán a Fernández Liñares presidente da Confederación Hidrográfica do Miño? Un colega dime que a cousa é cuestión de días, porque a norma de creación do ente hidráulico sinala como data tope o 30 de xuño. E de cada volta queda menos tempo. E, por suposto, confírmase que vai ser Rosana Rielo a súa substituta.

Vai ser complicado que a nova/vella concelleira tome posesión do cargo antes do seu querido Arde Lucus: fai falta un pleno da corporación municipal para anunciar a renuncia de Fernández Liñares e outro para que tome posesión o relevo. Iso lévanos ata xullo, cando a festa romana é, creo, arredor do 22 de xuño. Por certo, vai ser interesante ver ao PSOE en minoría clamorosa (dous concelleiros menos ca oposición) na sesión en que se vaia o actual concelleiro de Urbanismo. Agora queda por saber a quen lle cae Urbanismo e, polo tanto, o morto do PXOM. Á terceira (cara na concellería) irá a vencida?

Nomeamentos

Mércores, 14 de Maio, 2008

Este venres toca outro consello de ministros. Sairá deste o nomeamento do primeiro presidente da Confederación Hidrográfica do Miño? Será, como estaba anunciado, Fernández Liñares, aínda que algúns xa o dubidan? O que si parece seguro é que vai haber un nomeamento destes que non van ao consello de ministros. Disque hai unha persoa de Lugo que vai ir para Madrid a asesorar a Eva Almunia, secretaria de Estado de Educación e Formación, do Ministerio de Educación, Política Social y Deporte.

Toma de posesión de Eva Almunia 

A socialista Almunia (na foto, á dereita, a carón da súa xefa, a semi-ribadense Mercedes Cabrera Calvo-Sotelo) é de Aragón e a súa relación coa súa futura asesora luguesa parece que nace no eido sindical, a través do homólogo aragonés do STEG.

Vai ser, por certo, un nomeamento que lle vai a afectar indirectamente a este xornal. ;-)

E falando de medios informativos, a moitos sorprendeulles que o PP se vira envolto na primera manifestación que montaron os veciños da Ponte de Lugo polo dos pisos sociais para xitanos. Creo que a eles mesmos, tamén. O que pasou, din por aí, é que os veciños aproveitaron a presenza dos fotógrafos e os cámaras da tele (que ían ao acto informativo que montara o grupo municipal do PP de Lugo) para se manifestar e ter o eco que doutra forma ao mellor non conseguían. E tiveron éxito: agora mesmo non se fala doutra cousa na nosa web.

Arde Lucus?

Mércores, 30 de Abril, 2008

Alguén moi ben informado cóntame que, este ano, na organización do Arde Lucus hai apelidos ben coñecidos; en concreto, na xestión e na fabricación de aparellos ou armaduras (non me quedou moi claro). Un dos apelidos teno tamén un membro do goberno local. O outro apelido é o dun artesán que estaba (e está, se non me engana a web) ligado politicamente a un partido que non é o PSOE… nin o BNG.

O que aínda non sei é se o nomeamento de Fernández Liñares como presidente da Confederación Hidrográfica do Miño (as súas siglas xa teñen o dominio de internet collido por unha construtora de Alacante) vai chegar a tempo de que Rosana Rielo (que ben lle sentan os vestidos romanos a esta muller!) tome posesión como a súa substituta na corporación municipal e, polo tanto, poida estar presente coma sempre e de xeito institucional no Arde Lucus. Disque no Concello traballan con esa previsión.

E a Confederación?

Domingo, 17 de Febreiro, 2008

O vindeiro venres de madrugada comeza a campaña electoral e por aquí seguimos a agardar polo decreto de creación da Confederación Hidrográfica do Miño. Pérez Touriño anunciou hai uns meses que ía ser cuestión de semanas, pero estase chegando ao remate da lexislatura e o consello de ministros non aprobou tal cousa. E do de mandala a Ourense, tampouco.

Algún socialista asegura que non pode ser máis que no consello do vindeiro venres, porque o Goberno comeza a estar en interinidade. Pero tampouco estou moi convencido: reviso a web de La Moncloa e vexo que Aznar tivo consellos de ministros tódolos venres ata que o relevou Zapatero. Así que por esa banda pode que o Goberno non teña présa. Pola outra… pois só podo dicir que La Región, o noso colega de Ourense, publicaba o sábado a noticia de que a concellería de Urbanismo daquela capital xa xestionou os terreos para ”a sede da Confederación Hidrográfica do Miño”. Se cadra, igual ao PSOE non lle interesa ‘tensionar’ aos lugueses en campaña cun decreto que lles vai facer recordar o que perderon… O que perderon todos agás Fernández Liñares, claro, que se vai de presidente da CHM. Por certo, este domingo estaba en primeira fila no mitin de José Blanco na Fonsagrada.

Fernández Liñares e Blanco, na Fonsagrada