Posts etiquetados ‘cesamentos e nomeamentos’

A difícil retirada dos ex

Martes, 11 de Febreiro, 2014

É DIFÍCIL terminar a semana sen que salga a sílaba ‘ex’ nalgún titular ou texto deste xornal. Se non é a sección de sucesos ou tribunais (como sustantivo, normalmente), pode ser na información política (neste caso, como prefixo). En ocasións, os dous ex son igual de incordiantes: tanto a anterior parella que perturba a unha persoa como o gobernante destituído (sexa pola vía do dedo ou das urnas) que dá a súa opinión veña ou non a conto. O das exparejas debería de quedar no plano privado; cando entra no público, adoita acabar, por desgraza, nas páxinas de sucesos. E ao ámbito privado é tamén onde deberían de irse os exgobernantes, pero moitos deles empéñanse en seguir dando o coñazo.

SEGUE AQUÍ

Destino formativo

Luns, 13 de Xullo, 2009

Agora que se está a falar por todas partes do diálogo social en España (que non en Galicia, por certo), teño que contarlles un chisme en relación cos problemas que teñen o PSOE e o BNG para colocar á xente que quedou fóra da Xunta trala derrota electoral. Que foi de Pastor Fuenteseca, outrora secretario xeral de UGT en Lugo e recuperado por Ricardo Varela como director xeral de Formación e Colocación na Xunta bipartita? Pois seica acaban de nomealo vicexerente da Fundación Tripartita para a Formación no Emprego, un ente para toda España que administra os fondos que reciben os sindicatos e as empresas para formar aos traballadores. Foi unha sorte para Fuenteseca, porque no sindicato non ía ser ben recibido e no centro docente ao que tiña que volver non había praza para el, polo menos ata o curso que vén.

Que difícil é atopar un inspector

Martes, 2 de Xuño, 2009

Contaba na crónica deste domingo que un dos postos que más complicado está resultando de cubrir na estrutura provincial da Xunta en Lugo é o de inspector xefe de Educación (hai que aclarar a consellería, xa que tamén existe este cargo, por exemplo, na área de Transportes). Houbo xa varios ofrecementos, pero por agora ninguén aceptou. Mesmo llo ofreceron a un dos delegados provinciais da Consellería de Educación nos tempos de Manuel Fraga, pero declinou a oferta.

No fraguismo, os inspectores tiveron moito peso na política luguesa, tanto na educativa como na xeral: eran inspectores o último conselleiro, Celso Currás, e tamén os dous últimos delegados provinciais, Pablo González Moreiras (que despois foi o último director xeral de Política Lingüística de Fraga) e Xaime Santoalla. Non recordo se o predecesor do primeiro, Ángel Fernández, tamén era inspector. E do gremio era, claro, o home que máis mandaba en Lugo, Francisco Cacharro, presidente da Deputación Provincial.

Na Deputación, á fronte da área de Infraestruturas, está agora un dos inspectores que máis rebumbio armou co seu nomeamento, Manuel Martínez, quen conseguiu a praza dun xeito que lle valeu varias críticas de parte do PP. Supoño que este socialista, alcalde de Becerreá, é un dos que non encaixa no perfil da persoa que están a buscar para inspector xefe. Ao final, é probable que siga sendo Federico (non din atopado o apelido), o actual, un home que ten tido varias discrepancias con algún alcalde da Montaña.