Posts etiquetados ‘CC.OO.’

O cambio

Luns, 22 de Decembro, 2008

E que será de Comisións Obreiras de Lugo co relevo na dirección nacional do sindicato? En principio, non semella que vaia haber cambios, aínda que o sindicato galego e o lugués eran, aparentemente, partidarios do derrotado Xosé María Fidalgo. Xan María Castro, o dirixente galego, mesmo confesou publicamente as súas preferencias. Pero a cousa foi tan axustada en Madrid e isto está tan lonxe de todo que non semella que vaia influír no rumbo da central en Lugo.

Todos coinciden en que isto supón unha certa viraxe á esquerda por parte do sindicato, semellante á que deu Esquerda Unida ao devolverlle o protagonismo ao PCE. Por Galicia andan a dicir que a CIG, catapultada polo cogoberno autonómico bloqueiro, estálle a comer terreo a CC.OO. en toda a comunidade. Haberá que agardar acontecementos.

O congreso de CC.OO.

Venres, 7 de Novembro, 2008

A unión comarcal de Comisións Obreiras de Lugo celebra este venres congreso. Polo de agora só hai un candidato á secretaría comarcal, Xesús Castro, o substituto do histórico Anselmo Sampedro. Na inauguración vai estar o alcalde, Xosé López Orozco, e no sindicato confían en que desta volta o rexedor anuncie onde vai ir a rúa que o Concello acordou dedicarlle a este sindicalista.

Será, é de supoñer, nunha zona nova da cidade: Acea de Olga, Augas Férreas, Paradai (máis ou menos preto de onde vivía)… Os promotores propuxeran a zona da Milagrosa. Se cadra, sería máis acaído, aínda que máis irónico e doloroso tamén, que lla dedicaran nalgunha das zonas da cidade que naceu grazas á desaparición dalgunha empresa: Abella (onde as rúas están aínda por trazar), Gonzacoca…