Posts etiquetados ‘Castroverde’

O ‘coco’ chámase Gamonal

Mércores, 5 de Marzo, 2014

HAI POBOACIÓNS que, por diversas circunstancias, adquiren carácter mítico. Algunhas o son xa desde o principio, pola súa orixe ficticia (Syldavia, Camelot…); outras nos fan soñar, como Tombuctú, e algunhas nos levan ao pasado, como Balaclava, ‘resucitada’ estes días pola crise de Crimea. Pero non fai falta irse tan lonxe. En tempos, todo bloqueiro que se prezase tiña que citar como referente a Allariz. Despois, cando un goberno de López Orozco embeleceu as entradas á cidade de Lugo, algún alcalde do resto da provincia prometía para as súas zonas verdes arranxos idénticos (xuro que isto que conto é certo). E desde hai unhas semanas, este club de localidades míticas ten un novo membro: Gamonal

SEGUE AQUÍ

Apostila aos tempos cambiantes

Sábado, 14 de Xuño, 2008

Ten razón Cancións: na Deputación sempre houbo moito bloqueiro. O que pasa é que agora semella que estean desatados. Cando me falan do tema, sempre recordo a Arximiro Fernández Arias. Era o número dous da lista coa que o BNG se presentou ás eleccións municipais de maio de 1995 en Castroverde. Froito do pacto de goberno entre nacionalistas (catro) e socialistas (dous), Arximiro acabou de tenente de alcalde, ás ordes de Miguel Roberto Rodríguez, o último rexedor que tivo o BNG en Lugo antes de Severino Rodríguez de Monforte. Recordo que era o voceiro municipal do BNG e dáballe bastante estopa aos cinco do PP.

Pero ao ano, deixou o cargo e renunciou á corporación. Despois veu a moción de censura que lle deu o poder a Xosé María Fernández Arias, que hoxe aínda segue alí. Arximiro era (e é, creo) traballador da área económica da Deputación. E o rumor que correu daquela é que dende San Marcos chamárano a capítulo para que deixara o Concello. Nunca, por suposto, puidemos saber que había de certo.

Si, xa sei que parezo o Abuelo Cebolleta. Vou ter que abrir unha categoría histórica. 

E para que vexan o que cambian os tempos, unha foto dunha bandeira republicana na Deputación que levo un mes desexando poñer.

Bandeira republicana na Deputación (Foto: J. Vázquez)

Non se alarmen: eran os do grupo teatral Palimoco no acto cultural organizado co gallo do Día das Letras Galegas.