Cando ocorre o que é imposible
Martes, 17 de Xaneiro, 2012TODOS temos prognosticado algunha vez aquilo tan pesimista de “nunca o verán os meus ollos”, pero ao final as cousas acaban pasando, sexa porque teñen que ocorrer (por cuestións biolóxicas), sexa porque transcorre moito tempo. Nos últimos anos, os xornalistas galegos temos narrado unhas cantas destas cousas que supostamente nunca ían ocorrer: por exemplo, parecía imposible que o PP non gobernara Galicia, que Cacharro deixara a Deputación de Lugo, que a esquerda (ou algo semellante) chegara ao poder no Concello lugués, que Fraga perdera a Xunta (estes días houbo chanzas en Twitter sobre se era inmortal)… e ao final todo iso foi pasando. Cando vaticinas que iso non ocorrerá nunca, sabes que no fondo é mentira, así que imaxinas que o día en que pase vai ser un deses inesquecibles, no que o ceo se abrirá ou mostrará algún prodixio espectacular. E ao final, cando ocorre resulta ser unha cousa do máis normal, case aburridamente burocrática: por exemplo, cando o PP prescindiu de Cacharro, foi unha tarde de xullo do máis insulso (na foto) agás por esa noticia. Os grandes acontecementos, os que marcan, chegan sen avisar (Torres Xemelgas, Atocha…), e os que prevemos grandes resultan anódinos. Pero todo acaba pasando, mesmo o que a priori nos parece imposible, cousa que en España sabemos de sobra que é así; abonda con que recordemos a un tal Andrés Iniesta.
Nota: O título ideal para este artigo era “Cando pasa o que non vai pasar”, pero excedía o espazo asignado na última deste martes.