Posts etiquetados ‘Barreiro’

Despois dos congresos

Mércores, 16 de Xullo, 2008

Agora que xa remataron os procesos congresuais dos principais partidos de España e que xa por fin vai comezar a acción de goberno lóxica despois de cada cita eleitoral (vacacións mediantes), é bo momento para ver como queda a representación luguesa. Está claro que a mellor é a do PSOE, con esa recuperación da vicesecretaría xeral para José Blanco. O ascenso ten a súa trascendencia, porque o anterior ocupante do cargo, Alfonso Guerra, xa figura nos libros de historia. Quere iso dicir que Blanco tamén vai estar neles? E algún malévolo poderá lembrar aquí como acabou a relación entre Guerra e o seu superior, Felipe González, que estiveron sen falarse ata que un xornal de Madrid xuntounos co gallo dos trinta anos das primeiras eleccións democráticas.

E outra posible interpretación é que agora Blanco queda máis liberado das cuestións organizativas e, polo tanto, máis dispoñible para acceder a ese ministerio que moitos de Lugo están empeñados en adxudicarlle. E mira que el insiste en que non o ten previsto… sobre todo ultimamente, que antes deixábase querer. Bueno, tamén queda máis libre para ser, por exemplo, candidato á presidencia da Xunta, aínda que non vexo a Blanco disposto a implicarse tan directamente nas guerras galegas.

No PSOE, aumenta a representación galega. É interesante a interpretación que fai o mesmo xornal que citei antes: na executiva, que é a que manda, están reforzadas as comunidades nas que vai haber eleccións axiña: o País Vasco e Galicia, por esa orde. E, polo que atinxe a Lugo, moito destaca a presenza de José López Orozco no comité federal. Non é un órgano con gran poder de decisión, que quen corta o bacallau é a executiva, pero a súa presenza aí igual fai reconsiderar as súas opinións a aqueles que coidan que o alcalde de Lugo caeu en desgraza no PSOE.

No PP galego tamén están moi contentos coa súa cota no nacional. Barreiro entra nun posto de dirección, semellante ao do Orozco no PSOE. Nalgún colega dixital vexo unha interpretación curiosa: Lugo gana cota a costa de Ourense. Terá Baltar que ir entoando o seu canto do cisne? Agora mesmo, o presidente da Deputación de Ourense é o único que queda da vella garda de Fraga. Claro que aquí hai algún problema e é a fecha da sucesión. Supoño que pesará moito o resultado do PP nas autonómicas: se a cousa lle segue indo mal, se cadra non é momento para cambiar a un cabalo ganador vello, como Baltar, por un brioso e novo corcel do que non se sabe como vai responder. Aí o PP de Lugo tamén vai por diante: a sucesión xa está feita.

Canas políticas

Xoves, 10 de Xullo, 2008

A entrevista con Xosé Manuel Barreiro (1) comeza cunha conversa informal sobre as canas. “Xa que Aznar [din] se tingue, non sei se facelo eu”, comenta entre sorrisos. Agora, tamén os políticos lle dan a isto da estética. Bueno, o de agora non é exacto de todo. Unha compañeira recórdame algo que se dicía de Felipe González: que aos poucos de chegar á Moncloa pintábase canas para aparentar maior, e que despois, cando xa as tiña propias, tinguíaas. Por aquí non chegamos aos extremos de Berlusconi, que se fixo a cirurxía estética e quedou peor do que estaba. Pero estaría ben revisar as fotos dalgúns dos nosos políticos máis próximos. López Orozco ten agora menos canas que cando empezou? Quintana, de quen sabemos que percorría 200 quilómetros (de Allariz á Coruña) para ir cortar o pelo a Loida, bota Just for Men?

(1) Este venres, na páxina 9. E voume atrever a meter a versión íntegra na edición dixital. É un experimento.

Entrevistas

Xoves, 12 de Xuño, 2008

A pasada fin de semana estivo chea, polo menos nas miñas lecturas, de entrevistas políticas luguesas: Gómez Besteiro, Barreiro, Fraga. Os dous últimos falaban en medios que non lles son afíns e algún mesmo é combativo con eles e as súas ideas.

O anterior presidente da Xunta, como xa contou Antonio Riva nos seus Susurros, demostrou unha curiosa afinidade con outro lugués, Xosé Blanco: aos dous gústalles máis Obama que McCain. A Fraga gústalle porque o candidato demócrata é “de centro reformista, coma min”. Na entrevista, que debe de ser unha das primeiras en El País que non lle fai María Antonia Iglesias (aquilo non eran entrevistas, senón batallas campais), a Fraga acurrálano falando de temas como a pena de morte. E a Don Manuel sáelle “o seu pronto” (sic). Sen embargo, é unha cousa entrañable: ao ex presidente xa se lle ve en plan avó, contando cousas do pasado. Moi boa a anécdota de que na foto de Palomares estivo a piques de saír cunhas rapazas moi xeitosas.

O anterior vicepresidente segundo da Xunta, Xosé Manuel Barreiro, non só é entrevistado en A Nosa Terra senón que o semanario nacionalista mesmo leva a conversa á portada. Deberon de ficar abraiados os populares de toda Galicia. E o titular é impresionante: “O PP galego está hoxe unido e preséntase como un dos máis dialogantes. Pode ser o modelo para Rajoy”. O curioso é que, por máis voltas que dou, non atopo esa frase na entrevista. Así que entendo que é unha interpretación do periódico… Será unha mensaxe oculta cara ao PSOE? Un aviso por se algún día o BNG e o PP teñen que pactar? Deste tema fala Barreiro, quen di que, na zona rural, os votantes destes dous máis partidos están máis próximos que os do PSOE e o Bloque.

E da de Gómez Besteiro, o mellor foi iso de que el non se considera “político emerxente” no PSOE galego. Algunha vez téñolle feito chistes sobre iso e el insiste en desbotalos. Non sei se é que non quere oír falar do tema ou se é aquilo de que non o vexan demasiado, non vaia ser que sexa contraproducente.

Moi instrutivo todo.

As indirectas de Barreiro

Xoves, 29 de Maio, 2008

Estivo ben o pleno do luns sobre os primeiros orzamentos da Deputación de Lugo que elabora o goberno bipartito, aínda que confeso que nalgún intre aos xornalistas custounos manternos despertos (as cinco da tarde é unha hora demasiado próxima á de xantar).

Un dos máis creativos foi Xosé Manuel Barreiro, quen lanzou unhas cantas indirectas, que non lle recolleron. Por exemplo, cando se desculpou dicindo que non vai deixar de falar en galego, “que é a miña lingua natural”, pero que tiña que facelo en castelán. E o que dixo en castelán foi unha cita textual do socialista Manuel Martínez queixándose da demora con que Francisco Cacharro presentara os seus derradeiros orzamentos (o 3 de xaneiro de 2007, para ser exactos).

Despois, fixo un par de alusións ao BNG, que os seus deputados deron por non recibidas. Unha foi cando recordou que algún grupo da Cámara apoiara iniciativas en prol do sector primario como a que presentou o PP (tachada de ”demagóxica”, precisamente, polo Bloque). A outra, cando afirmou que hai membros do goberno que traballan e outros que non. E, engadiu, no PP saben quen son.

O máis directo, sendo indirecto, foi cando acusou a Regina Polín, deputada de Economía e encargada de defender o proxecto orzamentario, de non ter nin idea da súa área. Díxoo cunha pregunta: “Pero vostede é responsable de Economía na Deputación?”

No grupo de goberno estiveron un pouco durmidos. Ata a segunda réplica non se decataron de que Barreiro estaba a comparar orzamentos (previos ao gasto) e liquidacións orzamentarias (posteriores ao gasto). Iso si, cando se decataron dixéronllo dúas veces: unha, Polín; a outra, o presidente, Xosé Ramón Gómez Besteiro, que este martes estaba moi preocupado polas interrupcións do voceiro popular a Polín.

Para a posteridade pode quedar unha frase do propio Barreiro, cando o político do PP dixo aquilo de “A culpa de quen é? Do PP”… Díxoo, por suposto, con retranca, e despois de que Antonio Gato sacara a pasear polo debate a guerra do Iraq.

En Madrid

Sábado, 10 de Maio, 2008

E como lle vai a Xosé Manuel Barreiro en Madrid coa que hai montada con Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre? El recoñece que dentro do partido hai debate, que iso salta á vista, aínda que tamén cre que ten unha forte compoñente mediática (encántame iso de ver aos medios que sempre foron do PP arreándolle a Rajoy e a os prosocialistas defendéndoo).

Pero creo que ao presidente provincial do PP de Lugo estalle empezando a gustar isto de estar en Madrid. Esta semana, mesmo o reclamaron para opinar sobre temas de política nacional. Pregúntolle se non estará entre os que van figurar na garda pretoriana de Rajoy, ese equipo de próximos que algúns altos cargos lle piden ao presidente do PP nacional que determine dunha vez. Barreiro di que non.

Suplicatorios lugueses

Xoves, 8 de Maio, 2008

O PSOE rematou este xoves o reparto de tarefas no Senado, onde xa saben que unha galega vai ser a voceira do grupo nesta cámara. E é curioso ver onde vai estar o único representante dos socialistas de Lugo, Luis Ángel Lago Lage: nas comisións de Defensa, Peticións, Xeral de Comunidades Autónomas e na de Suplicatorios. A curiosidade vén nesta última, porque alí vai coincidir co seu homólogo (os dous ían, por orde alfabética, de primeiros na papeleta) do PP de Lugo Xosé Manuel Barreiro.

Lago Lage xa estivo nesta comisión na pasada lexislatura (e na de comunidades). É un órgano bastante pechado para os xornalistas, que o único que sabemos das súas xuntanzas é se concedeu o suplicatorio ou non. E máis nada. Na pasada lexislatura, con aquilo da operación Muralla (o día 18 irán dous anos), tiña moito interese, por se Xesús Izaguirre pedía o suplicatorio de Cacharro. Non o fixo, aínda que seguro que ganas non lle faltaron.

Un lugués que si foi obxecto de estudo da comisión foi Xulio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, quen fora senador do PP entre 1989 e 2000, e a quen Izaguirre (ou fora García Calderón?) quixera procesar polo suposto uso irregular de fondos municipais. Daquela, aprobárase o suplicatorio, pero a cámara disolvérase e el non repetiu. Nalgún sitio publicouse que Yebra-Pimentel chegara a solicitar publicamente que non se concedera o suplicatorio, contra o que é normal.

Substitucións?

Mércores, 7 de Maio, 2008

Un compañeiro conta o rumor (na última páxina de El Progreso do martes) de que vai haber cambios na representación luguesa no Senado. Aínda non se celebrou o primeiro pleno da lexislatura, que será a semana que vén, e xa hai rumores destes. No PP desmínteno. “Eu non me vou ir”, di Barreiro nun descansiño da súa frenética axenda (Lugo, Guitiriz, Burela, Cospeito, Madrid… eu creo que non debe de ter un día baleiro). Dos seus tamén responde. Do PSOE aínda non teño datos. Pero, igual que a Barreiro, a Lago Lage non creo que lle interese deixalo: pola cousa institucional e partidaria. Pero estou seguro de que a máis de un lle gustaría que o socialista o deixara, porque o seu substituto é Balbino Pérez Vacas, e sería un xeito de xubilar a un ex alcalde (de Ribadeo) de capa caída.

Ah, e aviso aos amigos de Chuza de que o meu apelido é moi común na zona á que pertencemos Vítor Vaqueiro, Nicolás Iván Vaqueiro e máis eu. Ningún dos tres somos familiares.

Os 44

Venres, 18 de Abril, 2008

 Homenaxe a Luís Cordeiro na Deputación

Vai ser este luns e serán 44 a elixir. Falo da elección dos compromisarios do PP de Lugo para o congreso nacional de xuño, unha cita que algúns cren que pode ser a penúltima posibilidade de tentar socavar o poder de Barreiro no partido. A última será a renovación do comité local, que vai ser despois do verán. Hoxe pregunteille a Cacharro, no acto de homenaxe a Luís Cordeiro, se vai ir á elección de compromisarios. E díxome que era a primeira noticia que tiña da xuntanza. E a continuación deu a entender que xa ten a axenda ocupada.

Hoxe, por certo, a súa presenza no pazo de San Marcos espertou un interese morboso. Saudaríase con Barreiro? Pois din que si (eu non estaba presente), e dúas veces, ademais: unha á saída e outra á entrada. Gómez Besteiro, por respectar o protocolo, xerou a foto máis agardada, pois, ao mandar colocalo dentro da zona de autoridades (o anterior presidente quedárase afastado), púxoo xusto a carón de Barreiro.

 

Mulleres

Xoves, 12 de Xullo, 2007

As mulleres están asumindo moito protagonismo estes días na política provincial: a bloqueira María Xosé Veiga, a sociata Lara Méndez (foto da dereita) e maila pepera Isabel García Pacín (esquerda) E algunha mala lingua fala doutra muller do PP, Manuela López Besteiro, a quen nalgúns ámbitos acusan do cambio do actitude dos populares diante do decreto sobre o galego.

De Pepa xa teño escrito aquí; segue sen estar claro se vai ser ela a vicepresidenta primeira da Deputación, e hoxe Xosé Antón Bao, o voceiro do BNG na negociación co PSOE, dicía que aínda non hai nomes. Estes días, os dous están a coincidir con Lara na famosa habitación do ‘Méndez Núñez’.

Disque os que levan o peso da negociación son os máis coñecedores dos entrebastidores da Deputación: Bao, Antón Veiga, Manuel Martínez, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Pepa e Lara tamén fan algunha achega, pero menos, e Lago Lage, que pelexou moito en tempos con Cacharro, tamén. Creo que entre todos están conseguindo facerse unha idea do labirinto que se creou no ente provincial nos últimos 24 anos.

E de García Pacín, a concelleira de Friol que vai substituír a Xosé Manuel Barreiro no Parlamento galego, que queren que lles diga? Por certo, coa entrada de Isabel, o grupo lugués do PP vai quedar totalmente paritario: catro homes e outras tantas mulleres. O do BNG seguirá a selo: un home e unha muller, se Cristina Ferreiro acepta substituír a Pepa Veiga.

Isabel ten todas as beizóns de Antonio Muiña, o imbatible alcalde de Friol, a quen o noso fotógrafo ‘cazou’ collendo o móbil mentres os seus compañeiros do PP remataban de aplaudir a Cacharro o mércores, no pleno de despedida. Daquela, Muiña non sabía que Barreiro xa anunciara que deixa o Parlamento, pero algo debía de albiscar. Que sería do PP provincial sen este home? E que sería de Barreiro se Muiña chega a manterse naquela terceira vía que case promoveu no seu famoso manifesto de abril do 2006?