Posts etiquetados ‘auga’

Auga definida

Martes, 23 de Decembro, 2014

ESA humilde auga da que escribía hai unha semana chega a ter moito peso na política e noutros moitos aspectos. Penso, por exemplo, que o acceso a ela é un dos sempiternos panos de fondo dos non menos sempiternos conflitos de Oriente Próximo. Máis preto de aquí, as polémicas teñen outras orixes, como a empresa mixta para a xestión do subministro de auga no concello de Lugo. A un nivel máis pequeno aínda, non se pode esquecer todo o negocio que se xera arredor, mesmo en miudezas. Almudena Grandes contaba hai un par de meses o difícil que é reencher unha botella de auga nos servizos públicos dalgúns aeroportos: fano, sospeitaba, para que teñas que comprala nas máquinas expendedoras, onde unha simple botella se vende a prezo de ouro. A moda dos retretes de deseño expándese; hai locais onde case tes que ter un máster en enxeñería para abrir a billa. Supoño que será por darlle un toque de luminosidade e limpeza a un sitio onde o que fas non son, precisamente, cousas limpas. Esa humilde auga, xa digo, dá para moito. Deu mesmo, imaxino, para un duro debate nun ente tan de actualidade como a Real Academia Española. Ese debate reflíctese nos retoques introducidos na definición de ‘agua’ para a nova edición do Diccionario, empezando, curiosamente, pola ordenación alfabética das características da auga: incolora, inodora e insípida. Describir a auga: iso si que debe de ser unha tarefa laboriosa.

Saborosa auga

Xoves, 18 de Decembro, 2014

DISQUE a auga é incolora, inodora e insípida, pero, como pasa en tantas cousas, todo é discutible. Hai sitios nos que entras e parece que ‘ule’ a auga: realmente, é máis unha sensación (de humidade) que un cheiro, excepto se falamos de augas residuais ou fecais. Hai animais que parecen detectar a proximidade da auga, sen vela: non semella que sexa polo olor, pero pode ser. O de incolora tamén é discutible, e sabémolo ben os que transitamos polo Lugo de comezos dos noventa, aquela cidade na que enchías a bañeira e podías berrar: “Mira, auga verde!” Era unha situación atípica que se explicaba polas anomalías no abastecemento, daquela máis que deficiente. Aquela auga non era totalmente insípida, aínda que o do sabor é sempre unha cuestión persoal. Sábeno os que algunha vez cambiaron de cidade de residencia. As túas papilas gustativas afanse a unha auga determinada e cando vas vivir para outra parte, ‘sabe’ distinto: aquí o problema é tanto o lugar de captación (as augas do Mediterráneo son máis duras que as galegas) como as tubaxes (hai sitios onde da billa sáeche algo cun ‘sabor’ a metal que é bastante inquietante). E a constatación de que non toda a auga é igual son as que nos venden como minerais. As augas minerais son esas que ‘saben’ distinto segundo a marca ou chegan a custar unha porrada de cartos; parece incrible, e máis tratándose dun elemento, ademais de importante, tan humilde.

(Na imaxe, un dos vasos de auga máis famosos da pintura española)

Esas augas que nos levan

Luns, 22 de Abril, 2013

HAI SEMANAS que se poden resumir cunha soa palabra. á que acaba poderiamos adxudicarlle o vocábulo “auga”, co que, ademais, fago unha titular homenaxe ao finado José Luís Sampedro. Así, en Lugo falouse da auga que flúe polos ríos que supostamente están afectados por ese PXOM por fascículos que están a parir. A suspensión por parte da Xunta, por un requirimento da Confederación Hidrográfica, pon de novo de manifesto a pachorra con que se toman algúns as cousas e o desorganizados que deben de estar algúns despachos, onde é perfectamente posible que entren documentos en 2011 pero se volvan a reclamar en 2013. é case o mesmo que facer planos sen saír do despacho e pór casas encima dun río, como ocorría no documento inicial.

Segue AQUÍ.

Auga de Lugo

Mércores, 3 de Febreiro, 2010

Hai uns días, o Concello de Lugo avisou dunha posible fraude, cometida presuntamente por unha empresa que está a chamar ás casas para ofrecer unha potabilizadora doméstica de auga. A movida xurdiu porque o alcalde foi unha das persoas á que chamaron. Imaxínome a conversa, con López Orozco cos ollos como pratos e bramando polo teléfono: “Oia, está vostede insinuando que a auga de Lugo non é potable?”

Eu tamén recibín unha desas chamadas e, a verdade, foi unha conversa moi divertida. Ao final, deixeime convencer pola rapaza que me chamou para que viñeran a casa a probar a potabilizadora, pero cando lle dixen os nosos horarios (“váleche a partir das doce da noite?”, propuxen) desistiu. O máis divertido foi verme a min defendendo a auga de Lugo e recordando que a cousa mellorara moito dende aquela vez que unha noiva se bañou na miña casa en auga verde. Cando falei da nova potabilizadora, a rapaza dixo que aínda non está funcionando. E cando lle recordei que os niveis de merda que leva o que sae polas billas de Lugo son aceptables (segundo a OCU), díxome que sempre queda algún residuo raro que se vai pousando ano tras ano e que, por acumulación, pode ter consecuencias na saúde propia (“despois duns séculos”, estiven por responderlle).

Non se atreveu a dicirme que a auga non era potable, pero pouco lle faltou. E a min faltoume tamén dicirlle que empezarei a preocuparme cando deixe de fumar, que así si que me estou metendo merda para o corpo.