Posts etiquetados ‘audiovisual’

Ben falado

Domingo, 18 de Outubro, 2009

A nova programación de outono da TVG supuxo, entre outras novidades, a desaparición do Ben falado, o microespazo lingüístico que primeiro se emitiu polas mañás e ultimamente saía despois do Telexornal do mediodía. Deste programa sorprendíame que foran quen de encher cinco minutos con cuestións lingüísticas do máis variado, como a orixe dos topónimos e dos apelidos ou as variantes dialectais dunha palabra. Fora significativo o episodio número 249, que tiña un carácter reivindicativo moi rechamante. Despois decatámonos de que foi o derradeiro. Creo que aínda se pode atopar en internet.

Porén, mantense o outro programa lingüístico de despois de xantar, o Cifras e letras do que, como xa contei algunha vez, son fan (xa o era cando se emitía en La 2, con Elisenda Roca). Pero dá mala espiña que leven tanto tempo a repetir programas. Estes días outonais, por exemplo, sae Martín, un teleco do Morrazo que xa foi eliminado a comezos deste verán.

Nestes intres que vivimos de susceptibilidades lingüísticas, a continuidade ou non destes programas nos que a lingua é un elemento fundamental pode ser significativa para algúns. Un xa cae, e sobre o outro, as malas linguas aseguran que Lodeiro, o presentador de Cifras e letras, ten o tempo contado: disque a súa orientación política é demasiado evidente. Haberá que seguir atento ás pantallas.

Por certo, en Cifras e letras teñen de lingüista a Helena Pombo, a mesma que n’O Nordés. É lóxico: son da mesma produtora.

Nordés

Xoves, 1 de Outubro, 2009

Logo O NordésO editor dun xornal centenario galego, de propiedade familiar, morre e a súa viúva asume o mando do periódico. Contado así, podería parecer parte da historia de El Progreso, pero o certo é que ese é o arranque de O Nordés, a serie de xornalistas que acaba de estrear Televisión de Galicia e da que este xoves se emite o terceiro capítulo. Que conste que neste xornal (o real, non o de ficción) xa se ten publicado que ese acontecemento en concreto está inspirado na noso.

Os xornalistas adoitamos mirar con un ollo máis crítico do habitual as series ou as ficcións que se inspiran en nós. En España, O Nordés ten un gran precedente, Periodistas, protagonizada por José Coronado, na que, á larga, o xornal era só un pretexto para unha trama de relacións persoais. Despois dos dous primeiros episodios, O Nordés semella ser máis realista. De feito, algún compañeiro da Redacción ten recoñecido algúns estereotipos ou personaxes típicos: o xornalista intrépido e rebelde, o director que media, algún xefeciño… Tamén son recoñecibles as dificultades económicas (O Nordés é un xornal que sobrevive de milagre), os problemas na relación con algún poderoso, que neste caso é nada menos que un construtor narcotraficante, un malo que promete, e incluso hai cousas menores que tamén nos son coñecidas no gremio: a endogamia persoal (quen demo vai aguantar os nosos horarios?), as redaccións cheas de papeis (encántame esa columna chea de post-it que hai detrás de Xulio Abonjo, o xornalista rebelde)… E a xente fuma e mesmo bebe, algo sorprendente, porque no resto das series españolas parece que eses dous vicios non existen. Mesmo os ordenadores están conectados e funcionan, que en Periodistas vías como algún PC non tiña nin cables.

Tamén, por suposto, hai algunha cousa incrible: os redactores d‘O Nordés fan os textos nun simple Word: mira que non haberá no mercado algún programa barateiro de edición que poida dar o pego. E pregúntome se quedará algunha redacción en España na que aínda se fagan as fotos en papel en plena era da cámara dixital. E, por suposto, iso de parar a tiraxe dúas veces en catro días só o consegue unha catástrofe natural: os guionistas non saben o que custa iso na vida real.

A primeira vista, por algúns detalliños, nótase que detrás da produción ou hai algún xornalista asesorando (non os mencionan nos títulos de crédito) ou os guionistas percorreron moitas redaccións. Pero hai frases que poderiamos ter dito calquera de nós. Por exemplo, na conversa que manteñen o novo subdirector e a xefa de Local no segundo capítulo, cando din que ás veces cres que o xornalismo é unha merda pero outras veces pensas que é a mellor profesión do mundo.

A tensión sexual entre estes dous personaxes é un dos elementos clave da serie. E seguro que quedan moitas cousas que contar: as relacións co poder político, os debates bizantinos (por que esta palabra vai mellor para este titular e non esta outra?), as rifas pola errata nun titular a cinco columnas que se lle pasou a todo o mundo, as chamadas dos lectores que entenden o contrario do que escribes ou do persoeiro disconforme co enfoque dun artigo…

Non é a mellor serie do mundo, pero ten o seu interese. E aos que coñecemos Vigo fainos moita graza que a sede deste xornal centenario de nome incomprensible (chámase O Nordés e edítase nunha cidade do sur dunha comunidade que está no Noroeste) estea no que na vida real é un hotel. A próxima vez que vaia a Vigo pasarei polo Lisboa, a ver se me deixan subir a esa terraza que ten tan magníficas vistas.

Imos a Madrid

Martes, 28 de Xullo, 2009

Ás veces, o noso traballo reflíctese nos sitios menos pensados. Por exemplo, quen nos ía dicir hai uns días que iamos darlle motivo a Francisco Jorquera, deputado do BNG no Congreso, para facerlle unha pregunta ao Goberno. Porque a interpelación que vén de presentar ten o seu punto de partida nos datos que publicou Álvaro neste xornal o 20 de xullo pasado. Isto de que te utilicen de referente ten o seu punto. 

Turismo de Lugo

Martes, 7 de Xullo, 2009

Durante uns días, a información do tempo da Galega, que debe de ser o microespazo máis visto da televisión en Galicia, estivo patrocinado por Lugo Terra, a campaña da área de turismo da Deputación para promocionar as bondades turísticas da provincia. Pero a semana pasada chegaron as rebaixas do Corte Inglés e Carlos Baute acabou co prólogo lugués ás informacións de Bea, María ou Martín. A Deputación está a efectuar unha intensa campaña no eido turístico, tanta, que mesmo sae nas xuntas de goberno. Na do 19 de xuño, por exemplo, contratouse unha campaña no xornal xeralista que ten a meirande tiraxe en España. Cando vin o prezo, 32.000 euros, pensei que ía ser un especial ben grande, pero realmente o especial, publicado o 27 de xuño, só era de catro.

A campaña e os medios

Mércores, 3 de Xuño, 2009

Carteis para as eleccións europeas do 2009 (Foto: Xesús Ponte)

Esta está a ser unha campaña electoral un pouco morta, ademais de estraña, como é habitual. Vese mesmo nos carteis que colgan nas rúas de Lugo. Nos do PSOE parece que os que se presentan son Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy; na do PP nin aparece o nome do candidato, o que obriga ao cidadán común a facer un esforzo de memoria (é Rubalcaba? Non, é Mayor Oreja).

Os únicos que utilizan os paneis de madeira son o BNG e Esquerda Unida. Durante uns días, a nacionalista Ana Miranda, a candidata que non é cabeza de lista, era a única que aparecía neses paneis (a foto é da primeiro fin de semana de campaña). Agora xa a acompaña Willy Meyer, o, este si, cabeza de lista de EU.

Claro que logo pos a tele e segues coa mesma confusión. Na TVG dedícanlle un bo tempo a Núñez Feijóo e Pachi Vázquez, e máis dun debe de preguntarse se estes dous políticos galegos concorren ás eleccións. E cando chegan os minutos do BNG, a confusión acrecéntase, porque o único que sae é Guillerme Vázquez, que non é candidato. A maior parte das veces, nin sequera hai unha imaxe para Miranda, que si que é aspirante a escano en Estrasburgo.

Por certo, os do BNG deberían buscarlle urxentemente un asesor de imaxe a Vázquez, porque iso de ler os discursos no mitin xa non se leva. É significativa a evolución mitineira do Bloque: na campaña das galegas, víamos a Quintana sen atril e cun micrófono inarámico; ás veces, afastábase un segundiño para consultar un papel, un pequeno guión, pero o resto era (ou semellaba) improvisado. Agora, Vázquez simplemente le e non se despega do atril. Si que veñen novos tempos no BNG.