Posts etiquetados ‘Anxo Quintana’

16. O final pasa por Lugo

Sábado, 28 de Febreiro, 2009

FALTABA Núñez Feijoo. No mediodía do derradeiro día desta campaña electoral, as dúas cabezas visibles do bipartito coincidiron no centro de Lugo, un para un acto cos mozos, o outro, para repartir propaganda. Para completar o panorama, preto deles estaba a carpa electoral do PP: esa proximidade será un símbolo do que din algunhas enquisas? Fernando Blanco gravara pouco antes no adarve, na Mosqueira, o mitin de minuto e medio que emitiu pola tarde no Facebook. Isto dos mitins virtuais é bo invento, porque obriga a ser breve: a ver quen atura un discurso político de media hora cun candidato en imaxe fixa. Aínda que tamén é certo que logo che permite rebobinar e ver as mellores xogadas.

Pero eu quería escribir deste venres de Piñata. Quería escribir dun Pérez Touriño recibido coma un futbolista polos mozos concentrados diante da casa do Concello. Chegou chocando palmas e dando apertas, e mesmo fixo un amago de baile cando estaba diante do atril, pero… que queren que lles diga? Estas cousas, realmente, non lle pegan. Aínda que todo é aprender: quen lle ía dicir a Anxo Quintana hai catro anos que se ía facer famoso en YouTube bailando coa terceira idade?

Despois, houbo que esperar polo mitin de Núñez Feijoo e Fraga á noite. Polo medio, Cifras e letras despedía ao (ata de agora) invencible Fer. Tendo en conta que unha tele pública sempre é reflexo do seu Goberno, será a marcha do sabio de Cangas un símbolo?

Abstención 

Pero houbo máis no mediodía lugués. Faltábanos a propaganda dos que non van con ninguén. Varios membros da CNT pasaron o día repartindo unhas follas nas que chaman á abstención. O máis popular anarquista lugués, Sergio Castilla, mesmo estivo a piques de darlle unha delas a Pérez Touriño. Sospeito que este non a querería. Á tarde, na mesma esquina de Bispo Aguirre, un rapaz da CNT e unha moza do BNG repartían sen acritude cadansúa propaganda.

Rumores

Algún agardaba que, despois dunha campaña tan guerrilleira, onte os medios de Madrid destaparan algún escándalo. Non houbo tal. Pero si seguen a circular rumores por aí e este venres contáronme un moi local: disque dende un centro de saúde da Ulloa pasaron a mañá facendo chamadas para pedir o voto. Descoñezo a localidade, que partido é o suposto beneficiario e, por suposto, quen é o autor das presuntas chamadas.

15. A medición do público

Venres, 27 de Febreiro, 2009

A CAMPAÑA vai pechar en Lugo cun clásico: un mitin de Manuel Fraga, que sempre é benvido por estas terras. Nesta ocasión, o PP utilizou pouco ao ex presidente, que no primeiro acto seu na campaña, en Portomarín, sinalou que “un xa ten certa idade”. Hai catro anos, populares e socialistas rivalizaran en mobilización popular, porque os dous empregaran o mesmo escenario na cidade de Lugo, o pavillón municipal de deportes. Quedaran en táboas, cunha lixeira vantaxe para Don Manuel. Desta, a comparación é difícil. O PSOE usou o pavillón, pero antes da campaña; o BNG, tamén, pero desta leva un escenario que ocupa moitísimo, e o PP aínda está por ver.

Con todo, comparar afluencia é unha cousa un pouco falsa cando se trata de partidos políticos. No mitin de Zapatero do 2005 (ao do pasado día 1 non fun) había xente de Santiago e das Rías Baixas, o que demostra que, no fondo, que se encha ou non un pavillón para un mitin central non é tanto cousa da simpatía que espertan os oradores como da capacidade de mobilización dos empregados do partido. Está claro que, por exemplo, o acto de Pérez Touriño o mércores cos xubilados en Lugo estaba cheo de xente próxima ao PSOE. Que sería dos partidos se non houbera xente carretando espectadores para os seus mitins? Nesta campaña, onde na rúa se apreciaba (vouno escribir en pasado) tanto desinterese, corríase o risco de ver aos candidatos falando para un mar de cadeiras baleiras.

Debates

Telelugo emitiu onte o segundo debate electoral da campaña. Foi a tres bandas, como o primeiro. Os tres cabezas de lista de Lugo debateron, que eu recorde, tres veces dende o día 13, e onte, se chegan a estar os candidatos do PP e o PSOE, tería sido a cuarta. Tamén estes días houbo un debate múltiple, televisado, nas eleccións vascas. Aquí debaten os segundos espadas pero non os primeiros, que prefiren agredirse en guerriñas tipo “e ti máis”.

Informais

Na campaña do 2005, Anxo Quintana sorprendíanos cada día cunha foto electoral que se saía do normal: nun barco con Bugallo (que foi dela?), ao pé dun carballo centenario de Soutomerille, cabo dunha gandeira de Lugo… Desta, o especialista nestas fotos curiosas ou informais é o seu número un por Lugo, Fernando Blanco. Aínda que tampouco se están a prodigar moito os candidatos, e mira que o tempo seco parecía que podía axudar.

Fogo amigo?

Mércores, 25 de Febreiro, 2009

Andan circulando por internet tres presentacións en PowerPoint que teñen relación con Galicia e que estes días electorais están de moita actualidade. Unha é sobre a casa de José Blanco en Arousa, esa que chaman Villa PSOE; outra, sobre o paseo en iate de Anxo Quintana; a terceira, sobre as cadeiras (en castelán, sillas) de Pérez Touriño. As tres acabaron por chegar a esta Redacción por correo electrónico.

O sorprendente é que en tódolos casos o remitente era, supostamente, amigo: un suposto membro do PSOE galego no caso de Blanco; o BNG de Madrid no caso de Quintana; o gabinete de prensa do PSdeG no de Touriño. Se te molestabas en mirar a dirección completa (e non o nome que aparece ao abrir o e-mail), sorprendía ver que se trataba de dúas direccións de Gmail (as de Blanco e Touriño tiñan o mesmo remitente con diferente nome) e non parece moi crible que os gabinetes do PSOE e o BNG boten man do correo de Google, non?

8. U-la man esquerda do Quin?

Venres, 20 de Febreiro, 2009

ANDO PREOCUPADO pola man esquerda de Anxo Quintana, o candidato do BNG a presidir a Xunta. Literalmente. Xa escribín aquí que o líder nacionalista optou nesta campaña non só por situarse no medio nos mitins, senón por falar cun micrófono inarámico. Ten a súa cousa positiva, porque iso de situar a un candidato de costas a un grupo de xente (estilo PP hai catro anos e PSOE agora) paréceme mesmo pouco educado: que graza ten pasar un mitin véndolle o cu a un candidato?

Preocúpame a man esquerda de Quintana porque con iso do inarámico, non a usa. Ves ao vicepresidente da Xunta acenando coa dereita, mentres o seu brazo esquerdo queda pegado ao corpo. De cando en vez, moi de cando en vez, móveo para remarcar algunha frase, pero o resto do tempo, ese brazo está aí, inerte. Os seus rivais téñeno máis doado: apóianse no atril. Núñez Feijoo mesmo recóstase nel (non te deites na mesa!, gritábanme de pequeno). A idea de converter os mitins en charlas informais está moi ben, pero trae problemas como este. Éche un asunto menor, pero ten o seu aquel, porque as enquisas prognostican que o Quin vai ter que negociar despois das eleccións, e aí si que lle vai facer falta o brazo do reloxo (supoño que o levará aí, que non me imaxino ao líder do BNG levándoo no mesmo pulso que a familia real). Quizais os técnicos do BNG deberan darlle un curso intensivo ao Quin sobre que facer coas mans: poderían poñerlle unha sesión intensiva de monólogos de Buenafuente, aínda que quitando as mans dos petos, iso si.

Frutos

Esta semana estivo por Lugo Francisco de Frutos, secretario xeral do PCE. Participou no mitin central de EU, no que tamén estiveron o candidato por Lugo, Carlos Portomeñe (mecachis: púxeno mal na edición impresa), e a candidata a presidir a Xunta, Yolanda Díaz. Como gran parte da esquerda sociolóxica, Frutos expresou o seu descontento co actual bipartito: dedicáronse a desfacer o fraguismo pero non a construír un proxecto de seu, viu dicir. E gustoume moito unha frase súa: “En Galicia hai dous partidos e medio”. Cal será ese que non chega ao cen por cen?

Castroverde

É interesante ver o peso que teñen algúns concellos pequenos na estrutura dos partidos. Ocorre con Castroverde no PSOE. Estes días, o concello está invadido de carteis nos que o alcalde anuncia (para esta fin de semana?) unha cea á que asistirá José Blanco. E non é a primeira vez.

5. O candidato do medio

Martes, 17 de Febreiro, 2009

ESTE LUNS, os xornalistas de Lugo acudiron a unha cousa que non tiña precedentes: unha rolda de prensa sen mesa e cos dous protagonistas metidos no medio dun grupo de xente. Foi na Deputación e falaban o seu titular e o conselleiro de Traballo, socialistas ámbolos dous e cabeza de lista nestas eleccións este último. Esta presentación informal ten precedentes electorais e non moi lonxanos: creo que foi nalgunha das últimas eleccións xerais cando comezamos a ver actos nos que o candidato aparece no medio do público, sentado á mesma altura. É como se fora unha cousa de andar por casa, como para remarcar a proximidade do candidato. Por suposto, esta é unha moda que vén de fóra, non sei se dos comicios franceses que gañou Sarkozy. Os nosos veciños galos son uns mestres nisto do marketing electoral e os españois, uns imitadores avantaxados.

Pero o último vino estes días, cando descubrín a Anxo Quintana cun deses micrófonos inarámicos que usan tanto nas teles. Por suposto, o cabeza de lista do BNG non parou de moverse no curso do mitin. Debe de ser un pouco incómodo non ter un atril no que apoiarse ou no que poñer uns papeis cunhas pequenas notas para confeccionar o discurso. É curioso que os mesmos que nos mitins non usan papel e parece que falan improvisando (ou de memoria?) despois, cando chegan ao Parlamento, limítanse a ler densos textos precociñados. Vai ser certo iso de que en campaña pódese dicir calquera cousa; no Parlamento, non, que logo ten consecuencias.

Propaganda

En cuestión de material publicitario, os partidos en campaña son insuperables (agás polas casas farmacéuticas, claro) e moi creativos. Nas municipais do 2007, López Orozco repartiu acendedores con lanterna; nestas, o BNG distribúe bolsas dunha cor azul que en tempos estivo asociada ao PP. Aínda que o máis visible este ano son os autobuses: debe de ser barata a publicidade rodante; ademais, ten a vantaxe de que chega a moitos sitios.

Ruído

Na traseira dos autobuses tamén anda a publicidade de Núñez Feijoo. Algún compañeiro bromea con que parece a dos buses ateos: “probablemente, Deus non existe”, onde habería que cambiar o nome do Creador polo do líder do PP: Por que o di? Porque, rodeado de bandeiras, é difícil distinguirlle a cara ao candidato. É unha imaxe que ten moito do que os publicistas chaman ruído, porque ten demasiados elementos.

Micronconcellos

Sábado, 7 de Febreiro, 2009

Van ter razón os que din que o PP e o BNG están máis próximos do que parece. Esta semana, Anxo Quintana anunciou que no seu programa electoral vai unha proposta para facilitar que os pequenos concellos se asocien, previa petición e acordo, claro. É unha proposta que fixera hai anos Xosé Crespo, alcalde de Lalín e significado dirixente do PP.

E, por certo, para que ningún partido se dea por excluído, o socialista Méndez Romeu, conselleiro da Presidencia, presentou hai uns meses un estudo sobre a distribución territorial de Galicia no que tamén se apuntaban as dificultades financeiras destes microconcellos. Era unha indirecta?

Non sei que pensarán de todo isto nos microconcellos que temos en Lugo: Negueira de Muñiz, que se segregou da enorme A Fonsagrada; Ribeira de Piquín, que fixo o mesmo con Meira, ou o rico Rábade, que se separou de Begonte.

O San Froilán do BNG

Mércores, 3 de Setembro, 2008

O BNG vai celebrar o San Froilán cunha Asemblea Nacional, o propio día 5 de outubro en Santiago, para elixir o sucesor de Anxo Quintana como candidato á presidencia da Xunta, que está claro que vai ser o propio Quintana. Pregúntome se haberá un alto nivel de absentismo entre a representación luguesa. Quen máis quen menos terá convidados na casa, fixo.

Antes, os bloqueiros de Lugo terán que manter dúas xuntanzas: a primeira, a semana que vén, cando teñan que debatir o regulamento do congreso. A segunda será entre o 25 e o 27, cando haxa que elixir os delegados por comarcas. Será unha desas xuntanzas ás que os medios teremos que mandar fotógrafos obrigatoriamente, porque a Asemblea Nacional do día 5 será a primeira que se fai con delegados. Haberá preto de 200 en representación de toda a provincia. Dinme que toca un delegado por cada dez militantes, ou sexa, que o BNG tería uns 2.000 afiliados en todo Lugo. Non está mal —á vista do pouco participativos que son os lugueses—, para un partido con 101 concelleiros.

Agora queda por saber cando toca a visita sanfroilaneira de Quintana. Barreiro xa confirmou a de Rajoy, aínda que non sabemos a data. E en canto a Zapatero, un colega aposta a que desta volta tampouco toca.

Xa sei que estou espeso: que lle queren? Que curtas resultan sempre as vacacións!!!

Canas políticas

Xoves, 10 de Xullo, 2008

A entrevista con Xosé Manuel Barreiro (1) comeza cunha conversa informal sobre as canas. “Xa que Aznar [din] se tingue, non sei se facelo eu”, comenta entre sorrisos. Agora, tamén os políticos lle dan a isto da estética. Bueno, o de agora non é exacto de todo. Unha compañeira recórdame algo que se dicía de Felipe González: que aos poucos de chegar á Moncloa pintábase canas para aparentar maior, e que despois, cando xa as tiña propias, tinguíaas. Por aquí non chegamos aos extremos de Berlusconi, que se fixo a cirurxía estética e quedou peor do que estaba. Pero estaría ben revisar as fotos dalgúns dos nosos políticos máis próximos. López Orozco ten agora menos canas que cando empezou? Quintana, de quen sabemos que percorría 200 quilómetros (de Allariz á Coruña) para ir cortar o pelo a Loida, bota Just for Men?

(1) Este venres, na páxina 9. E voume atrever a meter a versión íntegra na edición dixital. É un experimento.