Posts etiquetados ‘Antonio Gato’

Falta

Venres, 29 de Xaneiro, 2010

Seguindo coa Deputación de Lugo, hai tempo que González Barcia, o viceportavoz do PP no ente provincial, non publica unha das súas listaxes de faltas de asistencia ás xuntas de goberno, para demostrar a “vagancia” (expresión súa) do actual bipartito. Pero o certo é que á primeira xunta de goberno deste ano non asistiu ningún dos representantes do BNG, que tampouco estiveron presentes na rolda de prensa posterior.

Certo é que a xunta tiña unha orde do día que cabía nun gran de arroz. Nos vellos tempos, a falta de contido destas xuntanzas semanais compensábaa Cacharro falando de calquera cousa, aínda que fose da guerra no Iraq. Agora algo intentan o nacionalista Bao e o socialista Gato, pero non lles sae igual.

O xabaril de Gato

Xoves, 28 de Xaneiro, 2010

Antonio Gato, o voceiro do PSOE na Deputación, sufriu o outro día (máis ou menos) nas súas carnes a súa propia medicina. Nas roldas de prensa das xuntas de goberno dos venres, o alcalde de Monterroso dá conta moitas veces das reclamacións de responsabilidade patrimonial que algún cidadán presenta contra a Deputación por ter sufrido algún accidente nas estradas da súa competencia. Normalmente, as reclamacións son ou por culpa dalgunha fochanca no medio da calzada ou porque se cruzou algún animal salvaxe diante do coche e provocou o accidente. Como a estrada é da Deputación, reclámase contra ela por non tela coidada, no primeiro caso, e por non evitar o tránsito de animais libres, no segundo.

Ben, pois hai uns días, camiño de Monterroso, Gato sufriu un accidente nunha estrada da Deputación: o seu coche chocou… contra un xabaril. A el non lle pasou nada, e descoñecemos se vai presentar unha reclamación patrimonial. Logrará convencer aos seus compañeiros de que lle paguen ben ou terá que acudir á Xustiza?

Placas inexactas

Martes, 3 de Febreiro, 2009

Núñez Segade e Gato, descubrindo
Non sei se haberá algunha normativa sobre as inauguracións oficiais. Sei que a actual Xunta bipartita comprometeuse a non facer actos deste tipo en campaña electoral, aínda que a normativa non di nada…

  1. nin da precampaña, e por iso estes días estamos a ver moitas inauguracións, e as que nos agardan (outra cousa é que as instalacións inauguradas estean rematadas);
  2. nin das visitas oficiais. Neste senso, non podemos esquecer a que fixeran a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, ás obras da Ronda da Muralla. Non houbo inauguración, pero si visita, e ao rematar abriuse ao tráfico.

Caride é a que me fai escribir disto das placas, porque para o pasado xoves 29 anunciárase a súa presenza en Monterroso para inaugurar a estación de autobuses. Finalmente, non foi ela, senón o seu delegado en Lugo, Daniel Núñez Segade, porque Caride sufriu unha pequena caída cando saía de Santiago. A placa descubrírona el e mailo alcalde, Antonio Gato Soengas. Sen embargo, quen figura na placa é a conselleira, que non sei se irá visitala algún día.

A placa (Fotos: J. Vázquez)
Dentro de cen anos (se é que a estación dura tanto é non é substituída por outra antes), se cadra isto move a confusión, digo eu. Aínda que é posible que para daquela ninguén se acorde da conselleira ou, pola contra, xa teña unha rúa ou unha praza na vila.

O retorno

Luns, 2 de Febreiro, 2009

Cacharro, na rolda de prensa (Foto: Pepe Álvez)

Foi como nos vellos tempos, aínda que desta volta non había mesa, senón simples cadeiras (o mobiliario do flamante Centro de Prensa de Lugo vai amodo), pero alí estaba el, en martes, non en venres, disposto a darnos unha rolda de prensa. E como nos vellos tempos, a sala encheuse de xornalistas de tódolos medios e formatos. Cacharro Pardo volvía a dar unha rolda de prensa, despois de dezaoito meses xustos (a derradeira como presidente da Deputación foi a comezos de xullo de 2007), e a expectación era a mesma. E o desenvolvemento foi o mesmo: el falou dun tema, deulle varias voltas e, ao rematar, os xornalistas entrámoslle con outro, relativo á actualidade política, e el entrou… e deunos un titular fascinante. De feito, tódalas axencias enfocárono por aí, por esas declaracións súas sobre a suposta “falta de liderado” no PP. Foi Pepe Seijo, da SER e Efe, o que preguntou sobre as expectativas electorais que el cre que ten o PP, e eu (ás veces o amarillismo pode comigo) fun o que o incitou a precisar: “Cando di falta de liderado, refírese a Madrid ou a Santiago?”. E el respondeu: “En todos os sitios”. Xenio e figura. Por iso, ao rematar de todo, algún preguntoulle, xa que agora hai un centro de prensa en Lugo, se non ten gañas de volver a dar as roldas de prensa semanais de antes. “Pero non as segue habendo agora?”, respondeu sorrindo. Si, pero non son o mesmo. Ás veces, mesmo se poden despachar nun breve.

E con isto de falar dun tema e saír con outro, a maioría dos lectores quedaron sen saber do tema orixinal da rolda da prensa. Cacharro contestou ás aseveracións de Antonio Gato sobre as obras que a actual Deputación tivo que asumir ao perder subvencións porque na era cacharrista non se expropiaron os terreos a tempo. O ex presidente insinuou que gran parte de culpa é do actual bipartito provincial, porque estiveron a cambiar capataces e deixaron ao persoal “desorientado”. “Aos traballadores non os impulsan e empezan a cambialos de sitio”, dixo. Deste tema xa falara moito o PP o ano pasado, dando pé a un longo enfrontamento dialéctico entre González Barcia e Manuel Martínez, pero volveuno a sacar Gato estes días.