Posts etiquetados ‘Andalucía’

Valenciano e a ‘doutrina Lugo’

Xoves, 11 de Xullo, 2013


A globalización que vén ligada a internet non impide que ás veces un non vexa relacións inesperadas; outras veces ocorre exactamente o contrario: grazas á rede descobres, por exemplo, que algo que ti crías único da túa zona dáse noutras partes do mundo, e ás veces, con esa infoxicación da que tanto se está a falar, a ligazón pásache inadvertida.

Esta introdución vén a conto dos casos Pokemon e, nomeadamente, Campeón. Recordarán (parece que foi hai moito, pero non pasaron nin dous anos) que o envío ao Supremo das actuacións contra José Blanco produciuse horas antes de que comezara a campaña electoral na que o daquela ministro abría a candidatura socialista. Despois viñeron outras coincidencias entre actividades do PSOE lugués e decisións das superxuízas de Lugo e nos foros, e especialmente na nosa web, correu o runrún (visiblemente auspiciado polo PSdeG, que en internet nada é inocente) de que as maxistradas querían prexudicar aos socialistas. Curiosamente, despois de que fosen saíndo outras corruptelas (a operación Manga, por exemplo), correuse o rumor de que algunha decisión xudicial (algún rexistro oficial) foi posposta varios días ou semanas para non afundir a ningún socialista.

Ben, agora parece que ese rumor xa non circula tanto… en Lugo. Porque, sorprendentemente, estes días descubrimos que alguén está dicindo máis ou menos o mesmo: que alguén da xudicatura prexudica ao PSOE e faino cando este partido está nun momento importante, sexa por unhas eleccións ou por unha renovación de cargos. Pero a nova acusación refírese a outro caso, aínda que igualmente mediático (o dos Eres), e a outra superxuíza, aínda que tamén moi mediática (Mercedes Alaya). Pero desta volta os disparos veñen dende moi arriba, porque quen está a dicilo é nada menos que Elena Valenciano, a número dous do PSOE nacional. Pregúntome se haberá aquí unha ‘doutrina Orozco’ ou ‘doutrina Lugo’ ou, sinxelamente, un ‘ti despista, que algo queda’.