Don Amador
Venres, 12 de Xuño, 2009Levo uns días coa faceta dixital descoidada: en Facebook teño lista de espera, algunhas contas de correo hai días que non as reviso, e o blog, xa ven, vai como pode. Así que non é de estrañar que me esquecera de dedicarlle unhas liñas a Amador López Valcárcel, cóengo arquiveiro da SICB (para os non entendidos: Santa Igrexa Catedral Basílica) de Lugo, que morreu a finais de maio con 82 anos.
A verdade, non tiven moito trato con el, pero era toda unha personaxe de Lugo. Tiña, para empezar, unha voz inconfundible, e cando chamabas ao Bispado por algunha cuestión informativa, o seu “Digaaaa” (prolongando o a final) era inconfundible e mesmo entrañable.
A única vez que falei con el foi hai agora dez anos, a conta dun coleccionable que lanzara El Progreso sobre a crónica negra de Lugo. A min encargáranme en Redacción escribir sobre o crime de Quintá de Lor: o sanguento asasinato dun cura a finais do ano 1902 nesta parroquia de Quiroga. Cada capítulo dese coleccionable levaba como complemento un artigo dun experto e, como a cousa ía de curas, non se me ocorreu nada mellor que buscar a alguén que escribira sobre como vivían os curas rurais de Lugo a comezos do século XX. Faláronme de don Amador e el aceptou gustoso o encargo.
Pasados uns días fun recoller o folio e medio que lle pedira. Recordo a súa imaxe ao fondo do pazo episcopal de Santa María, nun recuncho ateigado de papeis (por que todos os estudosos, coma el, teñen mesas nas que non caben máis cousas?). Na mesa había un ordenador, e a carón da cadeira, unha máquina de escribir. O folio o medio estaba a máquina, e mesmo lle engadiu un par de liñas diante de min… Pero recordo vivamente que, mentres engadía as liñas na máquina de escribir, mirou un par de veces para a pantalla do ordenador. Deume corte preguntarlle se escribía en bruto no PC e logo pasaba as cousas a máquina.
O seu artigo, por certo, era como eu imaxinaba que ía ser: ben escrito, ordenado e, sobre todo, documentado.
Descanse en paz.