Posts etiquetados ‘alimentación’

De compras

Martes, 19 de Abril, 2016

TODO O mundo fai unha compra grande, que normalmente ten carácter semanal (ou cando se pode). Os expertos aconsellan facela fóra da hora de comer e cunha lista pechada, para non sucumbir á tentación de comprar o primeiro que ves e arrepentirte ao baleirar as bolsas na casa. Pero se un non ten présa e pode deterse un chisco diante dos estantes, pode pasar un rato ben divertido: é sorprendente a cantidade de cousas estrañas que se venden, en especial nos hipermercados; cousas que nin imaxinabas que podían existir e que cobren calquera situación, por atípica que sexa. Que es moreno e tes pencas verdes na cara? Pois seguro que algún laboratorio de cosmética xa ideou unha crema para suavizar a cor. Xa non abonda cun simple limpacristais, como en ‘Mi gran boda griega’. Gardatomates e gardalimóns, ámbolos dous individuais e para a neveira, deixáronme sorprendido, sobre todo porque a primeira vez que os vin foi nun híper de informática; non, non funcionaban con electricidade. As cousas máis impresionantes aparecen, porén, nas zonas de cosmética, droguería… O xel íntimo masculino pode parecerme útil; que os cortaúñas agora sexan diferentes para mans e pés (cando non hai moito usabamos unha simple tesoira) podo entendelo; o da auga para peitearse, diferente segundo o tipo de cabelo, retrotráeme a esas nais que te alisaban o pelo co seu cuspe… pero o que me ten descolocado son as misturas. O xel de chocolate pódese comer? E o de crema de iogur (grego, matizo)? Aínda que, postos con cousas raras, aínda non din sabido que é iso de ‘Dentríficos’ que anuncian nos carteis fixos dun hipermercado de Vigo. Xa non saben que facer para vender.

(A FOTO: Este “dentrífico” amenazador estaba colgado a mediados de marzo nun hipermercado de Vigo. Non sei que pensarán os seus primos os dentífricos.)

O sal

Martes, 16 de Febreiro, 2016

CADA VEZ que abro unha lata ou un prato precociñado, acórdome de Alfonso Castro Beiras, o cardiólogo que morreu hai uns días. Cando o entrevistei, haberá máis de dez anos, pregunteille se, ademais do tabaco (un gran problema daquela e hoxe), había algo que o preocupara moito como cardiólogo. E contestoume que o sal. Dicía que os produtos preparados que se vendían en España tiñan un alto contido en sal e que ninguén se preocupaba diso, cando é un elemento que inflúe na hipertensión. Ao pouco tempo, do ministerio encargáronlle a el e a outros cardiólogos de España un estudo sobre o tema. De aí vén que eu mire non só o contido en calorías, graxas ou hidratos, senón tamén en sal. Aínda que a lei obriga a incluír información nutricional en todo produto alimenticio que se vende en España, non sempre é doado miralo, e moito menos comparalo. Hai quen o agocha moi ben (letra tamaño gnomo) e quen te engana publicitando a composición por unidade (“só 46 calorías!”) e non por cen gramos (479 quilocalorías). Un pensa que a cousa foi mellorando en canto á información sobre nutrientes e ingredientes que conteñen os produtos preparados, pero… Hai anos, Guillermo, o informático, mostroume un doce de chocolate (destes que temos comido mil veces de nenos e que ás veces veñen con cromos) que non tiña cacao. E hai uns días atopei un té (iso dicía a etiqueta) que non levaba té. Sabemos todo o que estamos comendo?

Xoves, callos

Xoves, 5 de Marzo, 2015

Carne ao caldeiro na Rúa do Home Santo de SantiagoDURANTE moito tempo chamoume a atención que nos comedores escolares ou para estudantes puxeran paella os xoves. Sempre me intrigou tal cousa e anos despois descubrín que a orixe desa práctica indefectible estaba no libro de cociña da Sección Femenina, que debe de ser o texto polo que aprendeu a cociñar media España e non sei se mesmo Simone Ortega, autora do sucesor. Agora vexo en Santiago que a tradición marca ensaladilla os mércores e callos os xoves, unha comida que noutros sitios é habitual outros días. O bo que ten este tipo de costumes é que así podes elixir o que queres comer nunha data determinada, se es dos que te abonas ao menú do día. Porque moitas veces é tan difícil cociñar como saber o que queres cociñar (si, Mafalda tamén ten unha tira sobre as dúbidas da nai ao respecto). Por iso aconsellan escribir menús e cousas parecidas, que ademais é unha boa idea para ir ao mercado e non comprar o primeiro que atopas. Con todo, hai que recordar que sempre hai que ter algo de base. Non hai moito, Paco Lodeiro preguntáballes aos oíntes na radio que é o básico que ten que haber nunha neveira: uns ovos, un pouco de embutido… arroz, dicían outros… O contido dunha neveira é un bo reflexo do seu dono, e mesmo teño lido algún estudo friki sobre iso: un solteiro tena chea de cervexas; outros, de bebidas isotónicas, e algúns, do que nos acordamos e dános tempo a mercar.

Na foto, carne ao caldeiro, outro clásico dos xoves

As lombardas

Martes, 10 de Setembro, 2013

NAQUEL supermercado de Ourense tiñan unha hortaliza pouco habitual, e máis daquela, hai máis de vinte anos. Imaxinei o que era pero pregunteille á dependenta para confirmar, e ela contestou: “É un repolo vermello que trouxeron esta mañá”. “Lombarda”, repliquei eu. Moito despois, hai dous ou tres anos, nun supermercado da mesma cadea, pero xa no meu actual barrio de Lugo, atopei lombarda en tiras e en bote. Resultou un produto moi práctico para as miñas ensaladas, e volvinme un consumidor habitual. Pero antes deste verán desapareceu dos estantes e xa non volveu. Atopei o mesmo produto, de igual marca, noutro establecemento da mesma cadea en Lugo e nun hipermercado de Vigo, o que significa que non deixaron de fabricalo. Supoño que algún xerifalte vería algún informe que avisaría de que no barrio só hai un consumidor do produto, polo que non paga a pena seguilo traendo. Igual é que xa levo demasiados anos consumindo (desde que nacín, para ser exactos), pero non é a primeira vez que quedo orfo dalgún produto ao que me acostumei: dende champús a lavavaixelas, pasando por algún alimento non fresco, como conservas ou lambetadas. O malo neste caso non é renunciar a algo ao que te afixeches, senón o tedioso proceso de volver a probar ata que atopas algo que te gusta. Podería pensarse que as empresas eliminan ou cambian produtos para adaptarse aos gustos da sociedade, pero penso que moitas veces é a sociedade a que se se ten que axustar aos desexos das marcas.

A miña xenofobia

Mércores, 12 de Decembro, 2012

UN VAI pola vida intentando ser tolerante, aceptando as diferenzas cos demais, decatándose de que un non é superior a ninguén por ser simplemente branco, home, católico, universitario ou mesmo galego. Pero, ás veces, descobres incoherencias nesta liña de actuación: porque hai unhas semanas detectei en min rastros de xenofobia. Confésoo: son xenófobo… coa alimentación. Acordeime do tema cando vin a que se montou hai pouco cando unha clienta de Mercadona descubriu que as laranxas que vendía esta cadea valenciana eran… de Arxentina. Os Roig, donos da empresa, aclararon que iso só pasa fóra de tempada, pero o dano cibernético xa estaba feito. Aos poucos, vinme a min mesmo preguntando nunha froitería do barrio pola procedencia da aquelas laranxas que quería comprar. A miña xenofobia medra no súper: as xudías veñen de Marrocos, igual que os tomates, que ás veces tamén son de Bélxica; os pexegos cruzaron o Atlántico, o que quere dicir que igual hai meses que foron recollidos… e os espárragos, mesmo algúns vendidos por marcas navarras (hai unha sentenza recente ao respecto), veñen ou de Perú ou de China. E mentres maldigo a globalización, voume dando argumentos: primeiro, os espárragos chineses non saben como os navarros, e os tomates marroquís (os que venden para os que os queren fóra de temporada) “saben a Bos Aires”, como chanceaba o meu avó cando algo era totalmente insípido; segundo, o que vén de máis lonxe é máis barato que o que vén de preto, o que significa que ao produtor, pode que un costarriqueño explotado por ‘Mamita Yunai’, páganlle unha merda pola banana que nos venden tirada de prezo na tenda do barrio. É dicir, se compras, ese agricultor vai seguir na miseria… e se non, tamén. E mentres me reafirmo e expando a miña xenofobia alimentaria, caio na conta da contradición de que o produto que máis se come onde vivo (a pataca) e o que máis me gusta (o chocolate) teñen orixe estranxeira. Está claro que todas as xenofobias son idiotas.