Posts etiquetados ‘A Montaña’

Elisa Madarro

Venres, 3 de Xullo, 2009

Elisa Madarro, en 2005 (Foto: Del Moral)

A morte de Elisa Madarro González, a comezos de semana na Coruña, onde vivía, pasou un pouco inadvertida en Lugo, e iso que esta muller era da Montaña. Naceu en Becerreá en 1948 e enterrárono este día 1 en Mosteiro (Cervantes). Psicóloga, docente e graduada social, foi parlamentaria polo PP da Coruña, delegada provincial da Consellería de Asuntos Sociais e directora xeral do Maior no último goberno de Manuel Fraga. Esta foto debe de ser do seu derradeiro acto oficial como directora xeral en Lugo: o 19 de abril de 2005, na inauguración do centro ocupacional de San Vicente de Paúl na capital provincial.

A Elisa coñecina a finais dos oitenta cando formaba parte daquel grupo de concelleiros do PP da Coruña que intentaban resucitar o partido despois dos anos do dopesismo. González Dopeso fora un concelleiro do PP que, en aras do coruñesismo, acabárase aliando con Paco Vázquez. Despois, os populares tomaron medidas e puxeron como candidato a Augusto César Lendoiro. Vázquez tiña unha maioría ben ampla e pouco podían facer os do PP. Lendoiro e os seus inauguraron as roldas de prensa semanais para controlar ao goberno (si: só daban unha rolda de prensa á semana). Daquel grupo moitos saíron proxectados cara a Xunta de don Manuel: os propios Lendoiro e Madarro, Eduardo Lamas, que foi responsable do deporte galego (como Lendoiro). Tamén os que estaban no PSOE tiveron proxección fóra do Concello: o propio Vázquez, hoxe embaixador no Vaticano; Salvador Fernández Moreda, hoxe presidente da Deputación da Coruña, e, entre outros, Xosé Luís Méndez Romeu, anterior conselleiro de Presidencia. Creo que daquela época só segue un no pazo de María Pita, Javier Losada, actual alcalde.

Naquela corporación había unha segunda muller procedente de Lugo, Carmen Marón, que é de Samos. E preto de onde está agora enterrada Elisa morreu outro concelleiro potente daquela, Esteban Lareo, socialista e responsable de Urbanismo, que pereceu a comezos dos noventa nun accidente de tráfico entre As Nogais e Pedrafita.

Elisa era xa daquela como foi sempre: unha muller sinxela, amable, como esas profesoras (a súa profesión) acolledoras e agradables que todos tivemos algunha vez. Descanse en paz.

Minas superviventes

Luns, 15 de Xuño, 2009

Algún ven con estrañeza e mesmo con escándalo a noticia de que Ingemarga pide permiso para abrir unha nova mina cando vén de presentar un expediente de regulación de emprego para a súa planta principal, a de Guitiriz. Pero, aínda que o pareza, non hai ningunha novidade neste feito, como me recorda o avó Cebolleta que teño na miña memoria. Cando Exminesa pechou a súa mina de chumbo e zinc en Rubiais (Pedrafita do Cebreiro), aló polos comezos dos noventa, os xornais tamén publicamos con sorpresa a noticia de que, pouco despois de pechar, esta empresa solicitara permiso para investigar os recursos minerais de non recordo onde. Xuntábanse na noticia varios elementos:

  1. a burocracia das autoridades mineiras galegas, unha burocracia que conseguía que unha solicitude de investigación tardara anos en ser aprobada;
  2. o expansionismo (ou a necesidade de supervivencia) das empresas mineiras, que non paran de buscar novos xacementos cos que continuar traballando, sexa na contorna (o Pradolongo da película do mesmo título) ou no quinto pino.

En resume, Exminesa solicitara o seu permiso de investigación cando aínda estaba en funcionamento, pero cando llo deron xa pechara. No caso de Ingemarga pasa algo semellante, aínda que neste caso pode considerarse como unha boa noticia (a empresa segue a buscar novas explotacións), aínda que despois aclararon que renunciara a ela.

O dos permisos de investigación dá para un bo estudo: ti tes un pasteiro espléndido e un enxeñeiro pensa que alí pode haber un bo xacemento de, por exemplo, coltán, o material de moda, porque é básico para os teléfonos móbiles. Ao final, acaban tendo preferencia os da mina para investigar, por aquilo do interese xeral, aínda que logo non apareza nada. Se aparece, xa será cuestión de negociar o prezo, porque os terreos seguen a ser teus, claro.