A Revolta do Botelo
Mércores, 24 de Xullo, 2013Este 24 de xullo, A Fonsagrada estrea casa do Concello. Os que tivemos oportunidade de coñecer a vella sabemos que boa falta lle facía, porque a antiga tiña moito encanto e, sobre todo, historia, pero era totalmente ineficaz. Houbo un tempo en que a frecuentei moito, como recordaron estes días algunhas das persoas que falaron con Pilar Cheda para a reportaxe que publicou hai un mes sobre a revolta popular de 1991-92. Hai tanto tempo, vinte anos, que algunhas cousas xa se esqueceron e outras quedaron difusas. Por documentar á miña compañeira, recuperei duns vellos arquivos algúns papeis e mesmo eu levei algunha sorpresa.
Por exemplo, hai quen di que o problema era o plan de comarcalización de Andrés Precedo Ledo, ese que botaron abaixo os baróns do PP galego (en tempos, a única mención dos seus nomes xa impoñía: Romay, Cacharro, Baltar, Cuiña). Porén, eu o que recordo era que a mobilización empezara porque a Xunta quería levar para Becerreá dous servizos que tiña A Fonsagrada: a cabeceira do equipo contra incendios e a oficina de Extensión Agraria. Nesta traballaba o daquela concelleiro do BNG Xoán Xosé Molina, quen despois foi destinado a Lugo e rematou como delegado provincial da Consellería de Cultura, o último que ostentou tal condición, porque a actual Xunta do PP eliminou as delegacións provinciais. O Bloque tiña un segundo edil, que anos despois acabou condenado no sur de España por un asunto de drogas, se non me falla a memoria.
Nos recortes descubro que intentaron bautizar o sucedido como Revolta do Botelo, nome que non tivo éxito. E tamén vexo que se xeraron tres procesos xudiciais. Un, que levou a Bonxe a varios dos implicados, foi polas denuncias da Garda Civil contra os veciños que desaloxou da casa do Concello o 17 de xaneiro de 1992, despois de mes e pico de peche nas oficinas municipais. Houbo outra denuncia pola ‘resposta’ veciñal á Garda Civil do 21 de xaneiro, cando os veciños ‘cargaron’ contra os axentes do instituto armado que protexeron ao alcalde no seu retorno ás súas oficinas case dous meses despois. E houbo un terceiro proceso por outros incidentes o 5 de maio do mesmo ano, ao remate dunha sesión plenaria.
Aquel alcalde que estivo cos veciños nos primeiros días do peche, despois foise e finalmente acudiu á Garda Civil para devolverlle a normalidade á vida municipal non faltará nas paredes da nova casa do Concello. Mario Arias Mon ten, abofé, cadro oficial, como vexo nas fotos que fixo Sebas. É un recoñecemento a un home que empezou no PSOE (eleccións locais de 1987), captouno Cacharro para o PP (eleccións municipais de 1991), sufriu a revolta e mesmo a súa familia chegou a ser obxectivo dun pequeno artefacto explosivo (o 19 de outubro de 1992). Si: poucos viviron mandatos tan axitados.