Á procura do candidato
De súpeto, sen máis, pasamos de non saber se García Díez vai optar de novo a ser alcalde de Lugo a dar por feito que o cabeza de lista do PP vai ser Xaime Castiñeira. No partido aínda non deron a confirmación oficial, pero esta non vai tardar moito, porque Mariano Rajoy quere reunir este outono (nalgún sitio lin que mesmo este mes) seus presidentes provinciais para que se proclamen os cabezas de lista das capitais de provincia de España nas eleccións municipais de 2011. El xa deu exemplo anunciando que Rita Barberá vai optar a recuncar en Valencia. A pretensión do partido é, por un lado, evitar que as liortas internas poidan atrasar a proclamación e, por outro, darlle tempo para asentarse aos que sexan novatos.
O certo é que hai unhas semanas, cando eu comentei, nun dos meus Septenarios dominicais, que García Díez non vai repetir, no PP non pareceron expresar unha inquietude desaforada. Home, está claro que prefiren ao último cabeza de lista, pero “temos canteira abondo”, dicían no partido. O feito de recoñecer que teñen canteira era, tamén, un xeito de admitir implicitamente que García Díez non repite (o último rumor sitúao nun posto dun futuro Goberno de Rajoy). E o interesado deu pábulo aos rumores cando aos poucos días do Septenario lle preguntaron polo tema e el, en lugar de saír co tópico “é moi cedo para pensar en iso” ou o non menos tópico “eu estou sempre a disposición do partido”, dixo que necesitaba un prazo para pensalo e que xa comunicaría a súa decisión máis adiante. “Temos canteira”, repiten no PP, pero por agora, ou iso parece, o mellor colocado é Castiñeira.
Tags: García Díez, Mariano Rajoy, Xaime Castiñeira, Xosé Manuel Barreiro