Publicacións
Na entrevista que lle fixera a Antón Bao co gallo do seu primeiro ano como vicepresidente da Deputación de Lugo, o líder nacionalista anunciara que a área de Cultura do ente provincial ía reconverter o Servizo de Publicacións. O pasado día 27, na xuntanza do consello de cultura, déronse os primeiros pasos para a súa renovación. Sen tempo non era, certamente: hai anos, Cacharro presumía de que este servizo era a principal editora de Lugo. Facía unhas presentacións de libros multitudinarias, con seis ou sete títulos e os seus respectivos autores.
O certo é que dende que chegou á Deputación o novo equipo socialnacionalista, a produción baixou, para desgraza das editoriais ás que se lles encargaban as edicións. O baixón foi tal que na sección de Publicacións da web do ente provincial xa só figuran libros esgotados: supoño que a limpeza que fixeron Bao e Antonio Veiga naqueles desproporcionados fondos (máis de 30.000 exemplares sen saída) deu os seus froitos. E iso si, hai que recoñecer que en medio de títulos longos e de interese limitado (moitas teses de doutoramento había no catálogo) figuraban algunhas xoias, ideais para agasallo, e algunhas rarezas, como un dos dous libros que existen sobre Negueira de Muñiz ou unha curiosa (e voluminosíma) historia do papel en España que só recolle unha nota luguesa. Agardamos a ver as novidades do servizo.
Tags: Antón Bao, Antonio Veiga
29 de Maio , 2009 - 13:44 pm
Eu tamén agardo, e ademais xa ia sendo hora de deixar traballar a xente que realmente é valida e ten ganas. Se non entorpecen a súa labor, non teño dúbidas de que deputacion por fin editará libros de interese e calidade. De cantidade xa estabamos fartos.