Exultante PP
Está o PP de Lugo exultante despois do 1-M. Xosé Manuel Barreiro anda a dicirlle a quen queira oílo que esta provincia foi a decisiva para a vitoria popular. Non é a de meirande apoio nas urnas, que aí sempre a supera Ourense, pero si é a única na que os deputados do bipartito son menos que os do PP: sete contra oito, respectivamente. Na Coruña, Ourense (despois do voto emigrante) e Pontevedra hai empate. E o que o fai estar máis crecido é o resultado da capital provincial, que, facendo unha extrapolación, daríalle a maioría absoluta ao PP nunhas hipotéticas eleccións municipais.
O que pasa é que Barreiro é consciente de que o electorado non se comporta igual nunhas locais, unhas galegas e unhas xerais, e así o dixo na entrevista que publicou El Progreso ao día seguinte das eleccións. Pero que os populares andan exultantes vese mesmo en detalles minúsculos, como a entrada de Barreiro na Festa dos Pepes que se celebrou en Lugo o venres 13: mesmo parecía unha estrela de cine. Despois de tantos anos de escuridade, non é estraño que os populares anden así.
Tags: Xosé Manuel Barreiro, Xunta 09